Acerca de Curtas

Participación

Colaboradores Xunta de Galicia - PRESIDENCIA -Secretaría xeral de Emigración Xunta de Galicia - PRESIDENCIA - Secretaría Xeral de Política Lingüística Xunta de Galicia - CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE - Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural Axencia Galega das Industrias Culturais Consejo de la Junventud de España Deputación da Coruña axencia audiovisual galega GADISA R ENTREACTORES.COM

Curtas

Xa sabes cal é a nosa aposta: crer que a creatividade está presente en todas as persoas. E iso témolo claro; aí están as anteriores edicións como mostra. Tamén cremos que para amosar ese espírito abonda co talento que pode conter unha peza curta, de non máis de 5 minutos.

Tendo claro ese límite podes, a partir de aí, deixar que fale o teu enxeño. Nesta ocasión non falamos de temáticas, senón de xéneros. Que son os xéneros? Pois sen poñernos exquisitos, os xéneros son aquelas claves recoñecibles tanto polo/a autor/a do filme, como polo seu público, é dicir, aqueles elementos argumentais ou estruturais que comparten un grupo de películas. Por exemplo: A Guerra das Galaxias e Blade Runner, teñen en común que relatan historias fantásticas, o que sitúa a ambas no xénero da ciencia ficción, situadas nun futuro hipotético. Así que nesta ocasión, tendo toda a liberdade temática do mundo, o reto que che presentamos é que a túa curtametraxe se encadre dentro dos seguintes xéneros:

  • Ficción
  • Documental
  • Experimental
  • Animación

Lembrade o noso mantra: o importante é o que nos queres relatar ti; e nunca foi máis certo que nesta ocasión. Ti es o autor ou autora e, polo tanto, a túa liberdade creativa é a que manda neste concurso. Nós non poñemos límites á túa imaxinación, así que tampouco os poñas ti.

O que nos queiras contar é o que conta.

Porque todas e todos temos algo que contar. Pasámonos o día narrando cousas, comunicando feitos e opinións, enriquecéndoos co noso xeito de dicilo... Só que agora tes que empregar unha nova ferramenta: unha cámara de vídeo; e claro, iso implica unha nova linguaxe, unha nova gramática... A túa, coa túa personalidade, coa túa ilusión, coa túa frescura.

Ten presente que Curtas na Rede non se dirixe aos/ás profesionais do eido audiovisual. Ao ser unha proposta para calquera persoa maior de 15 anos en adiante, buscamos esporear, estimular ese bulir que hai en ti, pero que "“por haches ou por bes" non se dá feito porque falta ese pequeno empurrón. Pois ben, nós queremos ser esa enerxía que te leve a coller unha cámara e facer a túa obra, a que esta sexa recoñecida.

A pericia técnica? A que cada persoa teña, ben por ela ou polo equipo que monte para levar a cabo o seu proxecto. Dende a organización somos conscientes de que os proxectos que nos poidan chegar están feitos con poucos recursos, pero cheos de moita, moita imaxinación e ilusión. É o cine pobre (en recursos), pero ben rico (en imaxinación, en descaro, en orixinalidade, etc.).

Ten presente tamén que para esta edición non hai límite en canto ao número de obras que poidas presentar, nin tampouco en canto ao idioma; sirve indistintamente: galego, castelán ou portugués; para calquera outra lingua, cómpre que presentedes a curtametraxe subtitulada ao galego ou ao castelán. O que si é que a obra ten que ser producida ou estreada neste ano para poder participar; no caso de que isto non se cumpra, a consecuencia é que a obra causará baixa automática no concurso.

Continuamos tamén sen poñer impedimento algún a que a túa obra percorra outros concursos e festivais. Decatádevos que o éxito dunha obra non está só en producilo, senón en que esta circule, polo que é bo que promovades os vosos traballos.

Pensa que Curtas na Rede créase para que pases un bo anaco, para que teñas unha experiencia grata. Así que é bo non tomarse isto como unha proba, coma unha experiencia enriquecedora independentemente do resultado que teña no concurso. Por experiencia doutros anos, e polas vosas palabras, facer unha curtametraxe queda como un deses bos momentos que un vive. O mellor é este tempo que vas vivir en cada un dos procesos que te leven a completar a túa obra. Por suposto que hai premios. Aquí tes os gañadores da edición do 2006, 2007, e 2008, pero a recompensa atópase no traballo realizado.

Esperamos o teu. Chegou a hora de que te deas a coñecer!

Cápsulas

Seguímonos movendo no talento que hai nas pequenas porcións, só que agora o límite desta categoría é que a obra que presentedes non dure máis de 3 minutos. Como vedes, nesta edición non hai categorías como na pasada. Que pode caber entón aquí? Pois todo o que non está contemplado nas curtametraxes e nas micromovies. Poden caber dende os falsos tráileres, vídeos musicais, surrealistas teletendas; falsos documentais, reallitys, dobraxes disparatados, etc. Nunha palabra: sorpréndenos.

Igual que no caso das curtametraxes e micromovies, podes presentar cantas obras queiras, en castelán, galego ou portugués.

Bitácoras de Rodaxe

A idea de Curtas na Rede non se esgota só nas súas propostas audiovisuais. Ao ser un concurso intimamente ligado á rede, tamén tes o teu espazo blog no que expresar as túas inquedanzas, o proceso de creación das túas obras, as anécdotas da rodaxe... todo o que queiras contar.

A idea fundamental das bitácoras é crear unha comunidade creativa e cooperante entre todas e todos vós. Moitas e moitos de vos xa tedes aquí a vosa casa; pero para os/as que chegades novos saber que aquí atoparedes o espazo non só para expresarvos, senón tamén para comunicarvos con outras persoas participantes e axudarvos para a aventura que acabades de emprender.

Micromovies

A estas alturas todos temos unha idea aproximada do que é unha micromovie, aínda que só sexa por esas pezas curtas que de cando en cando recibimos no noso móbil ou na conta de correo; isto, no mellor dos casos, o habitual é que estas pezas salten aos medios de comunicación pola razón do seu contido, xeralmente ofensivo contra a dignidade da persoa. Pero nós cremos que ese móbil que nos acompaña a todas partes, e que xa chegou á categoría de imprescindible, é tamén un bo vehículo para explorar a túa creatividade. O reto desta categoría, crear unha peza usando exclusivamente a cámara do teléfono móbil, de xénero e temática libre, que non supere os 30 segundos de duración. É a creatividade concentrada, e aí reside a súa dificultade, sobre todo tendo en conta que nesta categoría non se permite a postprodución, aínda que si a montaxe coa mesma cámara do móbil. Pero se o pensas non é tan difícil como parece. Bótalle unha ollada a unha rolda de anuncios e verás coma os máis enxeñosos son aqueles que desenvolven unha grande idea en ese pequeno espazo de tempo. E ideas, todas e todos temos. Anímate!

Nesta categoría poderás presentar cantas obras consideres oportunas. Non tes límite. A nosa recomendación é que te animes a facelo. Novamente, as micromovies contará con dous premios: premio do xurado e premio do público.

Pois nada, quedamos á espera dos froitos do teu traballo que xurdan desa máxima que di que o bo, se breve, dúas veces bo.