
Supoño que xa pasastes con éxito esa primeira parada destas datas que é a cea do Nadal para despois repetir a dose ao día seguinte. É o que toca. Non desesperedes. Eu era moi fan. Gustoume o Nadal dende sempre, ata que deixe a maxia que tiña para mudala por un sentimento no que se mestura unha melancolía polos/as que xa non están cunha alegría polos/as que aínda quedan. Pero todo isto o aparco cando chega o fin de ano. Aí, pase o que pase ao longo do ano que deixamos, déixome levar polo OPTIMISMO (así, en maiúsculas e ben subliñado coa negriña). Que foi mal ano, pois aí quedas; que foi bo, pois a por máis. Está claro que entre ese bo e malo existen moitos matices que enchen os días, pero chegado a estas alturas sempre penso que o ano que se aproxima hai que tomalo como un caderno novo: Espérante todas as follas en branco e tes unha nova oportunidade para enchelas de todo o que desexas e procuras. Pois ben, dende a organización de Curtas na Rede esperamos que este novo ano que está a piques de entrar veña cargado de (poñer aquí os vosos desexos), pois seguro que coa suma de todo o que anhelamos faremos un TODO moito mellor.
E ese todo precisámolo.
A ser felices.

Entrada do Colón.

A banda sonora desa tarde.

Photocall.

Patio de butacas.

E comeza a función.

Tamara e Rubén.
E agora os premiados/as:
































Para todas e todos os que non puidestes acompañarnos na gala de entrega de premios, aquí tedes xa o vídeo do acto. Só queda gozalo.
Necesitas Flash para ver esta película.

Estamos xa preparando unha galería de fotos que recolle toda a cerimonia. A nosa intención era retransmitila por internet, pero foi imposible pois a rede do Teatro Colón é pechada; aínda así, cando teñamos o vídeo editado colgarémolo neste blog para a toda a xente que non puido asistir. Pero vaiamos co palmarés:
RELACIÓN DE PREMIADOS/AS DE CURTAS NA REDE 09
Categoría de Curtas de ficción:
- 1º premio: Andrés González Tella por O paquete.
- 2º premio: Víctor Palacios por Turno de noche.
- 3º premio: Juan Pedro Pérez por La trampa del ratón.
Categoría de curtas documentais:
- 1º premio: Marcos Nine Búa por Aarón.
- 2º premio: Otavio Mattiazo Sendoya por Elephant.
- 3º premio: María Pilar Reyna Muniain por Grissinopoli, la nueva esperanza.
Categoría de curtas experimentais:
- 1º premio: Juan Lesta & Belén Montero por Anim 01.
- 2º premio: Emiliano Cano por En garde!.
- 3º premio: Francisco X por Meticulosidade.
Categoría de curtas animación:
- 1º premio: María Becerra por Lelo e as estacións.
- 2º premio: Julián Alkorta por Manos jugando con el espacio.
- 3º premio: Mercedes Pimiento por Lina, Plastilina.
Premio á mellor micromovie:
- Marcos Fernández Vázquez por GPS.
Premio á mellor cápsula:
- Rafael Navarro por Jeriatric Park.
Premio á mellor interpretación feminina:
- Iria Piñeiro por Freud & Co.
Premio á mellor interpretación masculina:
- Xabier Pan por Raccord do Carallo.
Premio ao mellor guión:
- Flavio Pires por Naufrágio.
Premio á mellor dirección:
- Toño Chouza por Ausencia de cambio.
Premio á mellor montaxe:
- Galder Arriaga por Agua.
Premio á mellor curta en castelán:
- Pedro Moreno por Señales.
Premio á mellor curta en galego:
- Xabier Marqués por Freud & Co.
Premio á mellor bitácora
- Toño Chouza por Disparo de Nieve.
Premio do público á mellor curtametraxe:
- Hugo Ricardo Sousa Ferreira por Amor, rabiscos e outras coisas.
Premio do público á mellor cápsula:
- Hugo Ricardo Sousa Ferreira por Beach Baby.
Premio do público á mellor micromovie:
- Adán Pichardo Suárez por Game Over.
Premio Comunícate:
- Ana Prado, de Vedra
Como sabedes nesta ocasión o pagamento dos premios realizarase mediante transferencia bancaria. Aínda nos faltan algúns números de conta, pero esperamos que a finais desta semana ou principios da vindeira ter realizadas tódalas transferencias. Lembrade que a tódolos premios se lles vai aplicar unha retención do 18% que ingresaremos en Facenda, agás que a persoa gañadora sexa doutro país.
Dende a organización felicitar a tódolos participantes.
Achegámonos xa ao Día D, e dende a organización queremos dar as nosas felicitacións as persoas designadas polo xurado para as seguintes categorías:
Mellor interpretación feminina:
- Iria Piñeiro, por Freud & Co.
- Mariona Tena, por Ausencia de camio.
- Ángela Palacios, por La orilla
Mellor interpretación masculina:
- Xabier Pan, por Raccord do carallo.
- Jorge Hawatme, por O bacalhau.
- Manuel Pérez, por La trampa del ratón
Mellor montaxe:
- Galder Arriaga, por Agua.
- Daniel Vázquez, por Green.
- Andrés Goteira, por O paquete.
Mellor guión:
- Flavio Píres, por Naufragio
- Xabier Marqués, por Freud & Co.
- Pedro Moreno, por Señales.
Mellor dirección:
- Toño Chouza, por Ausencia de cambio.
- Andrés Goteira, por O paquete.
- Alejandro Herdocia, por Instantes perdidos.
Igual que aconteceu na anterior edición queremos que a cerimonia de entrega de premios sexa o máis participativa posible. Para iso, ides ter novamente a vosa disposición toda a rede de telecentros do Centro Multimedia de Galicia, para que poidades gravar a vosa mensaxe que é a que sairá no vídeo da cerimonia.
Loxicamente, como o número de participantes é moi alto, a mensaxe que queirades difundir non pode ir máis alá dos 30 segundos como máximo. Que podedes dicir en ese tempo? Como sempre, liberdade total. Dende que supón para vós participar en Curtas na Rede, o que queredes transmitir co voso traballo, ou simplemente os agradecementos que queirades expresar a toda a xente que participou no proxecto.
Aínda que a rede de telecentros é extensa, tendo un número de participantes tan alto, non é doado coordinar todo este tema. O prazo para gravalo vai dende 22 de setembro ata o 16 de outubro. O horario é de 16.30 a 19.30, de luns a venres. Como a gravación supón o traslado dun equipo ex proceso ao telecentro, o mellor é fixar a data na que queredes ir con antelación suficiente de cando menos 3 días laborais. As peticións de un día para outro non as podemos atender por todo o que leva a gravación destes vídeos.
Para solicitalo, tedes estas dúas vías: ben escribir un correo a cau@centromultimedia.net, ou ben chamar ao seguinte teléfono 902 – 92 22 70, preguntando por Isabel.
Primeiro de nada, pedir desculpas por este silencio debido non tanto a deixar pasar o temporal e que todo amaine, senón a outros frontes (algúns alleos a Curtas na Rede) que tamén hai que atender. Agradecer, en todo caso, as suxestións realizadas. Dende sempre, e probas hai dabondo, a organización asumiu e incluíu todo o que lle foi chegando e que melloraba esta proposta que non busca máis esporear as inquedanzas que cada un de vós ten, e dalas a coñecer neste terreo infinito que é internet.
Dende logo que Curtas na Rede pode ser moitas cousas. Seguro que cada un de nós ten unha idea de cómo faría este concurso; pero hai cousas que non poden mudar, que están aí porque son as columnas que sosteñen esta proposta. Sabemos que un aspecto moi discutido é o tempo que pedimos, eses cinco minutos de marras das curtametraxes, os tres para as cápsulas e os trinta segundos para as micromovies. Pero este límite, aparte de probar o valor que se agocha nas pezas pequenas, garántenos que a maioría das obras presentadas estean realizadas para participar neste concurso. Ademais, aínda que somos todos nós amantes e devoradores de imaxes, o ritmo de consumo actual ven sinalado por ese zapeo constante que facemos á hora de ver calquera audiovisual, polo que creemos que poñendo ese límite de tempo diminuímos esa voracidade que nos leva a non consumir unha obra na súa totalidade.
Outra das nosas sinais de identidade é non facer unha selección. Non acontece o mesmo noutros concursos e pode ser que, efectivamente, teñan maior prestixio pola calidade das súas obras. A nós o prestixio interésanos pero non nos preocupa. Preferimos a imaxe que poda saír da mente de calquera rapaz ou rapaza que ten a vontade e ilusión de amosarnos a súa creación que contar entre as nosas filas co futuro Almodóvar ou coa vindeira Coixet. A idea que nos move é explorar a creatividade que hai na xente que, de momento, non figura en ningunha enciclopedia do cine, pero que vai ti a saber se a experiencia que recolle aquí lle serve para verse doutro xeito e intentalo máis en serio por crer máis en todo o que garda. Que a consecuencia disto sexa que haxa no mesmo espazo obras boas e malas, pois iso é o que hai, xa despois será o xurado e o público ao que vos dirixides o que diga a última palabra; mentres isto non ocorra, a palabra e a imaxe é vosa. E nós, encantados, como supoño que tamén compartirán este sentimento toda a xente que participa nesta iniciativa.
Sempre cando chega esta época empezan a saltar as alarmas sobre aspectos relacionados co concurso: que si mira cómo está feita a clasificación dos blogs, que si mira o contador de visitas, que si mira esta curta que asemella ser profesional... e así outras. Para os que traballamos na organización, e tamén para as entidades públicas e privadas que están colaborando neste concurso, hai un norte que non perdemos de vista. Nós o chamamos o “espírito de curtas na rede.” Este ente con substancia pero sen forma non esquece que aínda que se podan presentar obras con mellor factura, preferimos aquelas feitas con poucos recursos pero con moita imaxinación e ilusión. Dende logo somos conscientes que o palmarés ao longo de todas estas edicións pode ser discutible; tamén sabemos que isto acontece en calquera outro festival ou concurso que haxa por aí adiante, pero seguimos apostando por ter unha honestidade coas persoas e obras que presentan, e proba disto aí están as pezas e blogs premiados noutras edicións. Premios que nada tiñan que ver nin coa posición no ranking nin co número de visitas.
Sabemos que moitas das persoas que estades presentando pezas, querédelas ver xa. O que acontece é que a participación é moi alta, o que fai que aínda que cheguen as vosas obras, estas teñan que esperar un pouco ata que son editadas. Recoméndovos paciencia, esa capacidade que nos permite chegar ás metas que nos propoñamos sen sufrir moitas alteracións; en todo caso, no momento en que se inicien as votacións todo o conxunto de obras presentadas estarán na páxina do concurso.
Pero ben, este artigo quería adiantarvos un pequeno cambio. A cerimonia de entrega de premios terá lugar o vindeiro martes 27 de outubro, ás 18.00 no Teatro Colón Caixa Galicia da Coruña. Aínda que recibiredes en breves datas a invitación, adiántovos este aspecto por se algunha das persoas que participa ten que arranxar a súa axenda para estar presente neste acto que, como sempre, quere ser a vosa festa.
Xa para rematar, o futuro de Curtas na Rede é o que fagamos entre todos/as. Entendemos que xa é un concurso máis asentado e que vai gañando peso con cada nova edición nesa aposta pola xente de pe con inquedanzas que se realiza, polo que malo será que morra agora que está con tanta saúde. Que cambie? Iso é inevitable, con cada nova edición fóronse introducindo pequenos cambios que melloraron a fórmula ata achegala a esa luva feita a medida que todas e todos buscamos. Como será? Pois xa temos ideas, pero aínda tedes que esperar un pouco.

Sempre pensei que quizais a adoración que sentimos polos artistas non só estea motivada polo entretemento e goce que nos dispensan en vida con todas as súas obras, senón pola herdanza que deixa cando xa non están. A morte pode que acabe coa vida, con ese presente ao que nos podíamos achegar para contemplar a última sorpresa ou tesouro que nos ofrecían... pero o que non pode matar é ao artista.
A xeito dun Frankenstein resucitado, cando un destes grande popes morre, non tarda en aparecer unha morea material inédito. Estou case seguro que este non vería a luz no caso de que o artista vivise; pero é xusto a súa desaparición a que actúa como percusor dese estalido de creatividade (e negocio) que ata o momento estaba agochada. Aí temos o caso do chorado Michael Jackson, sempre tan ambicioso e coidadoso cos seus novos traballos, e do que veremos un auténtico banquete en próximas datas e seguro que ao longo de moitos anos.
En menor medida lle acontece o mesmo ao malogrado Heath Ledger. No 2007 tivo unha idea para dirixir un video clip sobre unha canción do grupo alternativo Modest House entorno á caza das baleas. O proxecto non se puido rematar, pois o destino xogoulle ao Jocker a única xogada da que non te recuperas por moito que te tomes a vida a broma. Aínda así, decidiron completar o proxecto seguindo a súa liña. O resultado, unha curtametraxe de seis minutos soberbios e valentes.
![]()
Dende que afundiu o Titanic conseguindo rebentar as taquillas de todo o mundo e situarse como a película de maior recadación, pouco sabíamos de James Cameron. As novas ían sucedéndose sen que outro proxecto chegara á pantalla, como se fose unha empresa imposible superar o cumio do mítico filme. Eran novas estrañas, cheas de actores sintéticos e mundos que só os efectos especiais son quen de xerar. Hai 3 anos, aquelas novas tan raras completáronse un pouco máis e Cameron anunciou que unha serie de películas que estrearía entre o 2008 e este ano; nembergante, tras eses proxectos anunciados (Baattle Angel e Proyecto 800) e atrasados comezou a falar dun guión realizado no ano 95, Avatar.
Pois ben, o próximo venres 21 de agosto terá lugar en España o máis que esperado Avatar Day. Este día, e en gran parte do mundo, algúns afortunados e afortunadas poderán contemplar en exclusiva e de xeito totalmente gratuíto 20 minutos da ansiada película de James Cameron.
En España será a cadea de cines Cinesa e Yelmo Cineplex os encargados de proxectar este espectacular avance. A magoa é que non estará en tódolos cines destas cadeas, así, A Coruña e Santiago de Compostela quedan sen esta proxección, aparte de ausencias significativas como Valencia ou Sevilla. As localidades onde se proxectará o avance son:
Cinesa: Diagonal (Barcelona); Proyecciones (Madrid); Festival Park (Palma de Mallorca), Artea (Bizkaia)
Yelmo Cineplex: Praza Maior (Málaga); Praza Imperial (Zaragoza); e Vigo.
O máximo e de 2 entradas por persoa e hai que pasalas a recoller por taquilla. Como seremos moitos máis os que quedemos fóra, abrimos apetito co tráiler.

Eu teño un amigo, ao que hai tempo xa que non vexo, que á hora de viaxar o único sentido que se espertaba nese tránsito era o sentido do gusto. Parecía que os demais praceres que un atopa cando viaxa estaban de máis ou eran un atranco para ese que tanto mimaba: o bo xantar.
Viaxaba de cando en cando, pero nos seus relatorios non se paraba a describir os monumentos de visita obrigada, os paisanos e paisaxes que aparecían ante os seus ollos, os contratempos que asomaban a pata guiados por ese destino que nada nos di porque sempre garda sorpresas. Coa Alhambra podía rematar dunha plumada, dicindo algo así como: Hai que ver o ben que traballaban antes. Canta decoración e que ben feita...! Con catro palabras despachaba a recua de monumentos e costumes; pero esa mesma mesura estalaba polos catro costados describíndote con todo luxo de detalles o almorzo dese día. Aí a poesía florecía ao tempo que lembraba o xamón de Trevelez, o refrescante Ajo Blanco, o asado de cordeiro; atopando incluso uns bos piropos para a Tortilla del Sacromonte. Para o meu amigo Félix o bo do mundo non eran as obras que permanecen como boa herdanza de xeración en xeración nin tampouco os fitos históricos que nos levaron destas lamas a estes lodos...El é dos que valoran as obras efémeras, feitas sen outro afán que o de desaparecer entre saborosos bocados. Así o caos do mundo redimíase na orde que un atopa nos fogóns.
De Galicia coñece tódolos currunchos. Non importa a onde vaias porque nese camiño, se por el fora, sempre hai una parada que facer para gozar do xantar que non aparece nas Guías Michelin. Dá a impresión, cando o escoitas, que o seu mundo está organizado en base a aromas e sabores, sen máis aderezos que os estritamente necesarios.
O outro día lembreime de el. Pensei no feliz que sería acompañando as actrices Gwyneth Patrol e Claudia Bassols, ao cociñeiro, Mario Batali e ao crítico gastronómico Mark Bittman nesa roadfogon que é Spain... on the road again; quizais, de darse a posibilidade, a ruta variaría un pouco, pero non teño ningunha dúbida que non discutiría ningunha das paradas. O programa é unha serie documental moi amena, na que este cuarteto a bordo duns mercedes convertibles poñen rumbo polas nosas estradas sen outra pretensión que a de gozar da viaxe descubrindo a diversidade da nosa gastronomía á vez que botan, sobre todo elas, unhas cantas olladas a eses monumentos imprescindibles e compras que se poden facer. De momento, só o podedes ver no canal Viajar; pero advírtovos que a súa visión provoca que como o can de Pavlov se esperten tódolos vosos apetitos.