
Gústame estar rodeado de xente tola, desas que levan o sorriso como pancarta e non saben o lonxe ou preto que queda a palabra imposible. Con xente así, cando chegas ao traballo, sabes que por moito que cargues nas costas, ti viñeches esa maña a currar e a gozar. Poñerlle a isto último un ritmo tropical, deses sincopados que axudan a non quedar quieto, e xa tedes o cóctel que facemos para vir a traballar tódolos días nisto de Curtas na Rede.
Todo isto ven a conto polo reto que nos lanzou Pablo Naveira. Nun dos seus comentarios animábanos a facer unha curtametraxe. A súa recomendación non caeu en saco roto, como cada unha das suxestións que nos facedes chegar, e así, un par de chamadas e correos despois, dixemos: Por que non? Non era a nosa intención que estas bitácoras foran o backstage de cada unha das curtas que se presentaran, ou ben das persoas que, quedándose nese papel de espectadores e votantes, decidiran que aínda así tiñan moito que contar. Pois ben, imos a gozar nós tamén do feito de crear. O que fagamos non se vai presentar ao concurso, pero seremos todo o impúdicos que poidamos destripando día a día como imos xerando este Frankenstein.
Eu, como todo cinéfilo que se prece, quería ser director de cine. Non vou pensar agora no que fallou, a vida vaite levando, a trancas e barrancas, a onde queres estar, e nese camiño, eu fixen a miña curta. Foi unha curta feita coa enerxía dos vinte anos, cando ti, e uns cantos amigos e amigas, pensas que o se che pase pola cabeza podes levalo a cabo. Como calquera tarxeta de presentación, esa curta tiña todo o que eu quería facer; non tanto o que eu sabía, porque non sabía nada, senón o que a min me gustaría facer. Son os de cando vou a un cine, e se a película me gusta, salgo co desexo improbable de querer facer unha película similar. Así, nesta curta, non era que estivera todo o cine que vira pois só duraba 20’, pero si aqueles santos da miña devoción: Stroheim, Kubrick, Ford, Berlanga, Hitchcock, Wilder. Non sei se estaban todos, pero eu pregaba a eles todos os días que durou a rodaxe.
A curta titulábase Vamantis. Esta palabra que non quere dicir nada, non era máis que o matrimonio entre vampiro e mantis, pois a historia era a dun yonqui que, ademais de estar enganchado a todo tipo de substancias beneficiosas para o seu estado, tiña unha virtude: era vampiro; pero non un deses seguidores do conde de B. Stoker. O meu vampiro foi creado con 20 anos nun estado de total namoramento. Este estado propiciou que o meu vampiro tivera unha aparencia como a de calquera (un pouco colgado e macarra, todo hai que dicilo), e que a súa circunstancia só se manifestase cando fornicaba, pois nese momento eros y tanatos posuían á vítima que chegaba ao final do seu tempo morrendo entres estertores orgasmáticos.
Cunha premisa tan delirante, non vos quero contar cómo foi a rodaxe. A miña labor de produción foi convencer á noiva do dono dun pub no que parabamos para que interpretase o papel de muller fatal e así nos deixara rodar no pub; tamén logrei convencer ao meu perruqueiro naquel tempo e a súa esteticien para que colaborasen na curta coa promesa de poñer o nome da perruquería nos títulos de crédito. Tras isto, comezou a rodaxe que durou tres caóticos e espléndidos días. Durante as primeiras horas de cada día, todo ía máis ou menos ben, despois a xenerosidade da noiva do pub, alteraba todas as planificacións. O primeiro cubata (e pola cara, pois todos estabamos alí pola cara) non tardaba en aparecer. Tras este, outros máis, así ata que a media tarde todo o meu equipo destilaba o aroma do mellor bourbon. Nese intre estabamos todos e todas tan creativos, que para dar un paso era necesario un consenso máis amplo que o da ONU, polo que grande parte da rodaxe fíxose nun estado etílico que se sumaba ao alucinóxeno que xa de por si tiña a historia.
Como son dos que penso que todo o que fomos, somos, só que un pouco máis dexenerados/as, a saber qué historia sairá deste reto.
Permanezan atento as súas pantallas. Irémolos informado.

Levo unha chea de anos vendo a retransmisión dos Oscar. Son adicto; tanto, que xa é unha tradición para min á que non renunciarei mentres estea por estas latitudes. Igual que calquera outra tradición, esta vaise enriquecendo con pequenos rituais. Eu tamén teño cena dos Oscar. Non é como a de Vanity Fair. O meu saber e orzamento non dá para tanto; pero si é especial. Reunímonos uns cantos amigos para falar do humano e o divino entre prato e prato, así ata que chega a hora máxica onde todos os contos rematan. As doce, tralos cafés, xa estamos todos diante da pantalla. Ao noso redor tódalas provisións: refrescos, algún que outro licor, unha enchenta de aperitivos e tabaco para toda a noite, porque a estas alturas, e tras algún que outro fracaso, sigo fiel ao Ducados.
Se me pregunto o porqué desta fascinación, non sabería qué responder. Só me acontece con esta. Os Goya lévoos con máis calma. Interésanme, síntome máis próximo, pero non logran espertar en min o que os Oscar espertan. Sigo os seus preliminares, todo canto rumor vai saíndo, e xa dende ese momento comezo a facer as miñas apostas. Estas comezan por aspectos ridículos. Por exemplo: tódolos anos prego para que volva Whoopi Golberg que, ao meu entender, é a mellor condutora que pasou por esta cerimonia, pero xa levamos máis de tres anos de seca que me levan a ter cada ano máis morriña; tamén boto en falla a Ana García Siñariz, pese ao encanto que A. Barceló.
Nesta ocasión, non vira tódalas películas. Por haches ou por bes, estes meses case non pisei o cine, e só Babel e Infiltrados saciaron o meu apetito. Aínda así, non importa. Teño demasiada imaxinación, polo que en breves segundos tomo partido.
Teño que dicir que non son bo crítico. Cando din que a cerimonia foi aburrida, non atopo no vivido nada que me faga aliarme a esa sensación. Sempre me divirto, sempre me sorprende, sempre atopo ese aire mítico que non está presente noutros eventos como este. Cada tramo da cerimonia ten o seu valor. Encántame a alfombra roxa. Saca de min es cotilla fisgón que faría as delicias nun deses programas destripavidas. Este ano cheguei a varias conclusións: a ninguén lle senta mellor o traxe que a G. Clooney; non importaba xa que Pe gañara ou non o Oscar, pois estaba, como diría o toureiro, im-prezionante; Jodie Foster, gaña cos anos; a aparición de Nicole Kidman con Naomi Watts, a primeira de vermello, máis espigada que nunca e rematando a súa altura cun lazo a xeito de agasallo, a segunda, ao seu carón, vestida de amarelo ata conseguir durante un segunda a ilusión de que era a madrasta e Brancaneves as pisaban a alfombra; e o mellor de todo: unha man inocente da cadea ABC decidiu seguir á Jennifer Hudson nese proceso de preparase para a cita. A cousa comezaba ben: uns manolos; a partires de aí a mellor mostra dese gusto americano polo despropósito pois a boa da muller encasquetábase un espantallo prateado a xeito de toureira que tivo o bo tino de non poñer cando finalmente recolleu o premio.
E comeza a cerimonia que para a que tiña só tres desexos: que premiaran a Scorsese, que lle deran o Oscar a Adriana Barraza e que gañara Babel. Se sabedes os resultados, só se cumpriu o primeiro dos desexos. O que non está nada mal, asinaría por unha vida na que se cumprise un dos desexos, dos bos, dos importantes. Gustoume Ellen DeGeneres. Estivo informal, auténtica, máis que unha presentadora parecía unha amiga desas que te acompaña para que ocorra o que ocorra, ti o pases ben. Comecei a crer que era certo iso de que esta ocasión era a máis internacional: os dous primeiros premios tiña sabor a tortilla de patacas e a tacos. Chega o momento das curtametraxes, non vira o de Javier Fresser, así que apostei por Éramos pocos, pero gañou o único curtametraxe made in USA da categoría. Estes sempre varrendo para a casa. Sobre as tres e pico aparece a primeira sorpresa. Sen vir a conto, aparece Leo da man de Al Gore ao que presentan como o exfuturo Presidente e como o máis votado, só que isto último é moi complicado de explicar. Tras escoitalo, sentín morriña polo que non vivira. Me preguntei que sería de nós se en vez do carniceiro de Bush, USA, e con ela o mundo, tiveran un presidente tan preocupado polo devir da Terra. Pero ese pensamento non foi máis alá. Xa non pensei no destino do mundo, no quentamento do planeta, estaba Cameron Diaz, e cando ela aparece, eu calo e gozo, deixándome levar. O tempo pasa e outra festa: outro Oscar para nós, o da fotografía.
E aparece G. Clooney. Xa non ten pinta de doutor, ou se o fose só atendería a xente de sangre azul e Porsche roxo. El era o encargado de entregar o de mellor actriz secundaria. Prego por Adriana. Non sei si vistes á súa actuación. A min estremeceume, sentín todo o seu calvario non como unha magnifica mostra da súa actuación, senón o vin como algo vivo, no que o director non fixo máis que situar a cámara fronte a esa experiencia e facernos o favor de transmitila. Non puido ser, e este pequeno desgusto sumábase a que non lle deran ao Labirinto o premio á mellor película estranxeira; pero tampouco estivo mal ver a J. Hudson tan desbordante de emocións.
A partires de aí, o menú estaba cantado, déronlle o Oscar ao documental de Gore; Pe desbancouna a raíña, e para que a monarquía saíra gañando, tamén o recibiu o fabuloso Whitaker. E aparece un trío de ases sobre o escenario, sinal de que nesta ocasión, o bo de Scorsese recibiría por fin o que noutras ocasións lle escamotearon. Uns intres antes, a súa fiel compañeira Thelma Schoomaker, definira traballar con Scorsese como unha escola de cine. Para min que sigo as súas películas dende sempre, que as comprei en vídeo e volvín a compralas en DVD, non é unha escola de cine, é CINE. Así que cando lle deron este recoñecemento, non puiden máis aplaudir a rabiar e brindar por este creador dos mellores momentos que eu pasei nunha sala de cine. Tamén recibiu o de mellor película. Non saía na miña quiniela; pero que **ñ*, Scorsese merece tódolos premios do mundo!
Agora, outro ano máis, e esperar que nos ofrece a 80th edición.
Como son dos que creo que os blogs son a pegada dixital de cada persoa que navega por internet, aí vai a miña primeira pegada.
Hoxe sentinme como un corredor de fondo. Cousa estraña, pois o único vicio que non cometo é o da vida sa; pero ao erguerme, esa foi a primeira sensación que tiven mentres os sentidos espertaban con paso calmo.
Estaba demasiado enerxético e só eran as 7.30 da maña; incluso os cans que teño notaron esta excitación pois non esperaron a poñerse ledos cando os boto a rúa, senón que aí estiveron: movendo o rabo dende o meu primeiro paso. Hoxe era o día; para moitas persoas, de San Valentín; para min, que aínda que non crea en nada gardo todas as festas, a maiores dese santo que con tantos gozos non deixa de complicarnos a vida, era o día de curtas.
A cita era ás 11.00 h no Club Internacional de Prensa. Era, aproveitando o simil coa celebración que vivimos, ese primeiro paseo que un fai esperando que ao final esa persoa que nos acompaña remate enfeitizada polo encantos que un desprega. Pero antes de chegar aí, houbo unha chea de días e meses de adestramento, de engraxar esa mecánica que un reducido equipo (xa vos falarei máis adiante de cada un dos currifichantes e currifichantas que estamos sostendo esta ilusión) fomos adquirindo a golpe de xuntanzas, de chamadas, dunha fartura de correos electrónicos, de suxestións de este e aquela que ían, aos poucos, construíndo Curtas na Rede.
Non podo falar do hoxe sen botar unha ollada cara atrás. O curtas deste ano comezou hai tempo; non nunha galaxia moi afastada, senón o mesmo día que entregamos os premios da primeira edición no Teatro Principal, aquí en Santiago de Compostela. Foi un día especial, moi especial. Ese día houbo de todo; algún que outro enfado, de seguro que algunha desilusión, tamén, como non, moitas alegrías. Para nós, fóra de todos eses estados de excitación que compartimos, foi constatar que o camiño que emprenderamos non era errado, aínda que había que pavimentalo nalgún dos tramos. E puxémonos a elo. Lembro as charlas dese día. Con Ángel, un pouco desanimado pero autor dunha obra total como E sacaranche os ollos; con Pablo Sardinha, tan creativo como a súa obra Visita ao estado de sitio; con Pablo Naveira, gañador por partida dobre e, dende a miña visión, unha persoa capaz de facer unha curtametraxe sobre a cuadratura do círculo é que isto resultase comprensivo e entretido; con Pilar Gurriarán, sempre inspirada. Con moita xente, porque o que dende aquí temos claro é que Curtas na Rede non somos nós aínda que o traballemos a cotío, senón todas as persoas que participástedes.
E con ese ánimo, rematadas tódalas actividades do 2006, comezamos a deseñar esta nova cita. Curtas na rede é o que era. Ai non queremos errar. Agora, pensando o que ía poñer aquí, non sei se pola actualidade tonta que sigo para non afogarme na gravidade de todo o que me preocupa, cheguei a conclusión de que si tivera que resumir qué é Curtas na rede, diría que é un bo traxe.
A anterior edición foi máis, se mo permitides, prêt à porter. A persoa tiña a idea e tiña que dirixila, con moitísima liberdade, a un dos temas que propuxemos. A edición deste ano, e máis libérrima, máis afín ao que a persoa desexe expresar. Si hai temas; pero deixamos unha categoría para que a imposición de falar de... estea un pouco desterrada (visións nosas / visións alleas); segue a ser unha iniciativa galega, pero deixamos que dúas categorías (emigración e visións nosas...) estiveran abertas a outras linguas, pois nos interesa tanto o que se vai contar que o cómo se di; tamén hai outros vehículos de expresión: as micromovies. Esta é unha idea do amigo Camilo que recibimos con entusiasmo. Non sei vos, pero eu estou ata os boleros de ver a energúmenos facendo o que mellor saben facer. Non fai falla que o graves, xa sabemos que es un/ha cretino/a!; pero encántame ver todo o que se pode gardar nun móbil. Un non leva un teléfono, leva unha ferramenta que te converte en reporteiro, ou polo menos que fai de testemuña de que si, de que é certo que un día cruzácheste con Javier Bardem e que segues vivo para poder contalo!
A min apaixóname a publicidade, a boa!, pero non soporto os anuncios. Non me perdo ningún dos maratóns de publicidade que emite C+, e síntome fascinado con ese poder de síntese, de poder contar toda unha historia nuns poucos segundos e que esta te faga sorrir, che estremeza, che conquiste. Porque conquistan. Por moi alternativo que desexe ser, síntome conquistado; e tamén sinto que ese pracer de conquistar está espallado entre as persoas. E iso é o que buscamos: conquístanos!
Hai outras novidades, pero xa as irei debullando. Tempo hai para ir contando todo o que acontece. Temos (e tedes) ata o 15 de setembro para conquistarnos.
Volvo á rolda de prensa. Non vou cometer o erro de ser obxectivo. Son o que son e así estou feito! Encantoume! Sei que todos este tipo de actos non deixan de ser unha déjà vu; pero estaban falando de algo tan querido que me sentín conquistado. Estaba realmente emocionado, un pouco nervioso porque algo fallara. Pero non. Non fallou nada. Cómpre dicir que estabamos en boa compaña. Fóra dos organizadores e entidades colaboradoras, contamos cunha axuda inestimable: acompañáronnos parte dos gañadores da anterior edición. Estivo con nós Olaia Sendón, Pablo Millán e Pablo Naveira; tamén os amigos de Onda Curta que aproveitaron para facer unha primeira reportaxe deste Curtas na Rede que algo lles debe. Non puido estar con nós Irene Crespo, esa muller encantadora, autora de E sacaranche os ollos, que amosou que a mocidade pode estar agochada nunha chea de anos. Anda de médicos, pero seguro que sairá desta máis fortalecida, e esperamos que con esa fortaleza volva a brindarnos un bo rato. A todos eles, unhas GRAZAS así de grande por tódalas molestias que se tomaron para escoltarnos neste día que comezamos a rodar... Tampouco podo esquecer a Carmen Carballo. É a nai nutricia do Club de Prensa. A coñezo dende hai anos, e sempre, sempre, entrégase con entusiasmo e amabilidade, indo un pouco máis alá e propoñendo, facilitándoche todo para que saia como ten que saír. E sae. Un biquiño, Carmen!
Á que botei en falla foi a Felicitas. Penso que non fun eu só, e que todos os desacougos que sentíamos eran porque ela non estaba. É o noso motor, a que nos pon as pilas para que deamos o mellor de nós. Estaba onde tiña que estar; e nós, dalgún xeito, con ela. Sempre con ela.
Dicía ao principio que os blogs son a pegada dixital de cada un. Por iso, cada intervención que aquí faga vai rematar traendo ante vós unha pequena xoia. Ante un cine cada vez máis cheo de efectos especiais, non deberíamos esquecer que as boas películas sostéñense por unha boa historia chea de xeniais diálogos. O que vos ofrezo agora, é un dos mellores da xenial e irreverente La vida de Brian; para min a mellor biblia que un pode tomar para pasar un bo rato.
Brian: Yo no soy el Mesías. ¿Me queréis escuchar? Que no soy el Mesías. ¿Os enteráis?
Chica: ¡Sólo el verdadero Mesías negaría su divinidad!
Brian: Pues menudo lío. Está bien. Yo soy el Mesías.
Multitud: ¡Es Él! ¡Él es el Mesías!