Arquivos » Febreiro 2009

A nova cabeceira.

Escrito por Esteban, o xoves 26 de Febreiro de 2009 as 12:43. 2 comentarios

Ata unha pequena obra mestra como a cabeceira desa familia inclasificable que son os  Simpson sofre a súa evolución. Ao compás da célebre melodía de Danny Elfman, os pequenos cambios introducidos nesa fantástica intro danlle máis cabida a universo que, despois de 20 tempadas, aínda sigue congregando a todas as persoas que gozamos co humor dos seus intelixentes guións.  O único pero é que quizais sexa un pouco longo, pero é un reparo menor ante a brillantez da nova proposta.

 

Botarlle unha ollada, pague a pena.

A concelleira antropófaga

Escrito por Esteban, o martes 17 de Febreiro de 2009 as 14:18. Non hai comentarios

Non sei se sabedes que a gran Carmen Machi actúa no último filme de Almodóvar. Seguro que contando cunha actriz como ela, Pedro Almodóvar aproveitou para coller ese espírito que tiñan as súas primeiras películas e darnos un pequeno aperitivo tan transgresor como Laberinto de pasiones, con chiscadelas a esa comedia maxistral de Mujeres al borde de un ataque de nervios.. Nin que dicir ten que pague a pena velo, gozalo con tódolos sentidos postos. En todo caso é unha mostra máis do momento doce que está a vivir a curtametraxe.

E para rematar a opinión do autor sobre a súa obra nunha entrevista con Diego Galán:

A pola cuarta.

Escrito por Esteban, o mércores 11 de Febreiro de 2009 as 18:46. 27 comentarios

 

 

Chegou o día, esa liña de saída na que os motores póñense en marcha para iniciar unha carreira que aínda remata en outubro. Había que ver a axenda que tiñan hoxe os medios de comunicación! Supoño que pola proximidade da campaña electoral son moitos os que teñen algo que contar, pero tiñamos certo temor a quedar diluídos entre tanta actualidade. Pero non foi así, viñeron máis medios que en anteriores ocasións, e ata Superpiñeiro caeu por alí.  Curtas na Rede, chama.

 

Mentres estabamos preparando esta nova edición, xurdiu un lema que acollemos con entusiasmo e guiounos nos cambios que introducimos: Ti curtas na rede. Dende sempre fomos moi abertos as suxestións recibidas. A idea de tódolos anos é facer desta iniciativa ese traxe a medida que imos conformando coas vosas achegas, e pensamos que nesta ocasión non ides atopar nada máis axustado que esta IV edición.

 

A primeira novidade é que non hai temas. Ese trampolíns que poñiamos para que saltará a vosa imaxinación, xa non están. En vez disto, pensamos que sería mellor para os vosos traballos crear catro categorías nos que poderedes encadrar as vosas curtas. Estas catro categorías son:

 

-          Ficción

-          Documental

-          Experimental

-          Animación

 

Entendemos que con estes catro piares, os vosos traballos poden competir con maiores garantías. Por exemplo, nas anteriores edicións a categoría con maior participación era sempre a da temática libre. Acontecía que aí ían a parar obras de todo tipo, moitas delas dun corte máis radical que quedaban sen o seu recoñecemento pola grande competencia que tiña esa categoría. Agora entendemos que isto non vai acontecer, pois esta clasificación axuda a que as obras que concorran, dentro da liberdade total que hai, estean máis ou menos igualadas polo xénero e sexa máis fácil ao xurado tomar unha decisión.

 

Outro cambio acontece nas cápsulas. Coas mesmas limitacións que na edición anterior, é dicir: traballos de non máis de 3 minutos, queremos que as cápsulas se convertan no formato máis experimental que ten esta edición. Dende a liberdade temática, queremos que as cápsulas acollan as expresións que non están contempladas nas curtametraxes, dende falsos anuncios, recreacións moi persoais de secuencias clásicas ou vídeos musicais, falsos realitys, etc. O que se vos ocorra, ten cabida.

 

Nas micromovies non introducimos cambio algún. Si queremos potencialas un pouco máis. Entendemos que non é unha categoría fácil. Encher 5 minutos de creatividade é máis doado que toda esa imaxinación se concentre en 30 segundos. Sabemos desa dificultade, pero este ano faremos un esforzo maior en promover as micromovies nas actividades que fagamos para dar a coñecer este concurso.

 

Ninguén dubida que estamos nun tempo de crise, pero a esta hai que combatela cun maior esforzo. Nesta edición, aumentaron as categorías premiadas. En total, 26 categorías contan con premio. Xa na pasada edición, decatámonos no xurado que había traballos que tiñan, como diría un crítico deses de Cahiers, unha gramática moi coidada. Isto fixo que nesta edición entre un novo premio: mellor montaxe. Así que tomade nota á hora de facer os títulos de crédito. Outra mudanza nos premios é que as curtametraxes contarán con primeiro, segundo e terceiro premio, o que fará tamén que poidamos rescatar obras que doutro xeito non quedarían premiadas. Novamente, coma na anterior edición, a categoría de animación conta cun tratamento distinto.

 

Outra mudanza foi sacar certa ambigüidade que tiñan as bases. O termo inédito deu pe a múltiples discusións, pois ao estar xa participando noutros concurso ese termo quedaba reducido a nada. Nesta edición para participar en Curtas na Rede a obra que presentedes ten que estar realizada  ou estreada no ano 2009.

 

Os cambios na páxina web os notaredes máis adiante (non só as cousas de palacio van despazo, senón tamén as da informática), pero dende a páxina persoal poderedes xestionar toda a vosa participación no concurso, incluso enviar as curtametraxes, aínda que seguiremos precisando que nos enviedes o DVD para a posterior publicación da memoria e os vosos traballos cunha calidade alta.

 

Ben, o vindeiro sábado ábrese o concurso, espero que todos estes pequenos cambios fagan de Curtas na Rede unha boa experiencia; senón é así, xa sabedes: Tí curtas na Rede.

E alá, ao seu fronte, Istambul

Escrito por Esteban, o martes 10 de Febreiro de 2009 as 11:29. 2 comentarios

 

A estas alturas, somos como ese pirata libre que como única patria tiña o mar. Un montón de sensacións acompáñannos neste momento indo no veleiro que é a IV edición de Curtas na Rede.

 

Ao principio todo é lixeiro. Corre unha leve brisa, e aínda estamos cos ecos da cerimonia de entrega de premios, cando nos poñemos a pensar e deseñar cómo vai ser esta nova edición. Este ano fixemos a promesa de comezar pronto (sempre a facemos), pero por moi cedo que empeces, esa “brisa lixeira” que parece acompañarte nos primeiros días, tórnase agora nun temporal no que todo ten que estar atado e ben atado para a súa presentación.

 

A aí estamos: atando cabos. Todo para chegar a tempo. E o tempo está aí. Mañá, mércores 11, faremos a presentación oficial desta nova edición no Club Internacional de Prensa. E todo é novo, ou polo menos hai tantas novidades que fan desta proposta quizais a máis completa, quizais a definitiva pese ao amigos que somos dos cambios e das sorpresas.

 

Outra cousa máis, o mesmo día da rolda de prensa, presentaremos a memoria da anterior edición. Como en anteriores ocasións, podedes solicitala no Consello da Xuventude.

 

Mudanzas

Escrito por Esteban, o xoves 5 de Febreiro de 2009 as 10:30. 3 comentarios

 

Mudanzas

Creo que era Schopenhauer (pero qué nivel, santo dios!!; un día destes sorprenderémosvos debullando polo miúdo toda a obra de Kierkegaard, porque cando somos pedantes, somos pedantes), quen dicía que o cambio era a única cousa inmutable. O que acontece é que a rutina agocha moi ben todas estas mudanzas ata facelas imperceptibles; só se te paras a reflexionar, decátaste que ese ser que eras ti hai algúns anos pouco ten que ver co que es agora. Presumimos de que seguimos igual, pero quen vive non se estanca, polo que non lle queda máis camiño que andar, e hai que ser bastante burrán e pouco sensible para non cambiar algo en cada paso.  Pero este xogo das agachadas non está presente no único cambio do que es consciente: a mudanza.

 

Eu, persoalmente, xa vivín media ducia delas. Trasladarte de domicilio serve para ver o conservador que todas e todos levamos dentro. No primeiro análise amósaste optimista e dis para ti: isto, nun viaxe... solucionado. E cando tras ese análise pasas a realidade de recoller e empaquetar as cousas, cando te decatas do moito que tes, do moito que descobres, e do moito que hai que tirar.

 

O que un ten na casa é un auténtico misterio. Aparecen cousas que non sabías nin que tiñas, e outras que non sabes moi ben porque aínda as tes. É como si os obxectos tivesen unha vida propia allea a utilidade e vontade que ti lles pos, e que esa natureza so se fixera visible cando tes un cara a cara íntimo; e momentos así, só se dan cando un se muda de casa. Antes, imposible. 

 

Isto ven a conto porque o Consello da Xuventude de Galicia conta xa cunha nova sede. Como en calquera outra mudanza, os cálculos eran optimistas pero a realidade fixo que durante toda a semana pasada tódalas enerxías se concentrarán neste traslado. O que un descubre e o que un garda!! Cando estaba a recoller non deixaba de preguntarme por qué gardara documentos, libros e dossiers, totalmente  inútiles. Que importancia ten para a mocidade o románico do Camiño de Santiago? Levo traballando en temas de mocidade dende o ano 91, e que eu saiba nunca recibín unha consulta sobre o románico. Nembargante, aí estaba, gardado e conservado como si aínda tivera algo que dicir.

 

Despois tamén decátaste doutra cousa curiosa: a medida do paso do tempo. Por poñer un exemplo, o ano 92 aínda está aí, como quen di aínda podes acariciar os seus recordos. Nembargante, cando atopabas un estudo ou unha publicación dese ano, ou desa década, parecía que te estaban a falar dun tempo remoto, tan remoto que non atopabas a conexión co presente.

 

Será outro efecto da crise? Non sei qué responder. Pero este traslado serviume para facer un descubrimento: Non gardara as cousas polo seu valor informativo, senón, nunha grande parte,  polo seu poder evocativo. Isto soa un pouco pedante, pero é así. A memoria da vida non só a gardas ti, tamén a gardan os obxectos. Así me vin resistíndome a tirar ao lixo memorias de proxectos que nunca máis lería, folletos de xornadas, publicacións que fixemos, carteis que editamos ou recibimos, e un longo etcétera que sobreviviu á tentación de partir para a morte. Pero aí estaban (e aquí están): mudos e sen ningunha utilidade, pero obstinadamente vivos por ser testemuñas.

 

Agora aínda estámonos asentando. Todo é novo, tan novo que te sentes como cando de rapaz estreabas zapatos... Como vas botar en falta os outros se estes brillan tanto? Pero cómo non botalo en falta? Antes estabamos no centro, no embigo de Santiago; agora aquí, neste Fontiñas relativamente preto de todo, pero tan afastado que vaias a onde vaias tes que coller o coche. Pero as mudanzas traen tamén consigo as oportunidades, e seguro que dende aquí seguiremos atopando ocasións para seguir traballando coa mocidade.

 

E ónde estamos, pois tomade nota porque esta é a vosa casa:

 

Consello da Xuventude de Galicia

Edificio Área Central – Polígono das Fontiñas

Local 32 I – J – K, 1º andar

15703 / Santiago de Compostela

 

E ti, en que coche vas?

Escrito por Esteban, o mércores 4 de Febreiro de 2009 as 14:59. 6 comentarios

Un intermedio de gloria.

Escrito por Esteban, o mércores 4 de Febreiro de 2009 as 13:51. Non hai comentarios

Non é a primeira vez que ese magnífico programa da 6ª sae neste blog. A verdade é que un dos programas máis creativos, libres e golfos que podemos ver pola sempre tan denostada televisión; só que esta vez, entre os múltiples acertos que este programa ten, deron, na miña opinión, no centro mesmo da diana pasándose a converter no tema do día.

 

Isto último si que non o entendo tanto. O xornalismo e a súa deontoloxía  levan anos andando pola corda frouxa a base de “dossiers de investigación” e teorías conspirativas de todo calado, sen que ninguén se rache as vestiduras pese a que son os medios cualificados como “serios” os que orixinan todo este cóctel de des/información e opinión. Nembargante, “El intermedio,” que non deixa de ser un programa de humor que trata a actualidade, tralo “vídeo da bolseira” serve para debater sobre os límites do que se pode facer para conseguir esa palabra que todos perseguen: audiencia.

 

O certo é que o pecado de todo isto non está, ao meu entender, en quen fai o vídeo. Un vídeo magnífico, que ata conseguiu que os que somos fan do Gran Wyoming, quedaramos un pouco abatidos cando o vimos por primeira vez.. Rachaba tanto coa imaxe que tiñamos de Gran Wyoming, que esa noite vendo o programa sentido un desacougo  enorme. Facíame gracia, pero á vez pensaba: cabronazo! Deixando claro que non é ningún pecado ser borde, coñezo a xente así que vai pola vida sen reparar nas consecuencias do seu carácter, o malo é ser borde cos débiles, xa que aí non hai mérito algún senón indignidade. E o vídeo amosaba un Wyoming un pouco f.p. Claro que a verdade era outra, como podedes ver:

 

E na verdade é onde reside todo. E os de “Intereconomía” e ese desatino de “Máis se perdeu en Cuba,” amosaron a pasta da que están feitos. Unha pasta cheirenta e na que o xornalismo, esa procura da verdade, é inexistente, pois máis que facer información ou opinión, fan arengas e análises cheos dun odio tan feroz que non é que metan medo, senón que véndoos (si é que o soportas) sentes mágoa dunha dereita que como exército ten a semellantes soldados.

 

 

Xenial Wyoming & CIA! (sobre todo ese descubrimento que é Usun Yoon & a China do flequillo)