
¿Coñecedes o famoso soneto de Lope de Vega? Comeza así: Un soneto me manda hacer Violante, que en mi vida me he visto en tanto aprieto; catorce versos dicen que es soneto, burla burlando van los tres delante. E así continua relatando pasiño a pasiño a arquitectura ata rematar con gracilidade ese encargo que no primeiro verso parecía tan titánico. Eu non son el, de máis esta dicilo, pero si sinto que me atopo nese aprieto do que costa caro saír.
Durante estes días, a intendencia de Curtas na Rede e outros asuntos, mantivéronme afastado deste blog que vai a trancas e barrancas, como esa amante que un ten e visita de cando en cando. Se a amante fora despechada preguntaríame o porqué deste abandono (iso no caso de que algo me apreciara); pero antes de que ela diga nada, eu entro xa prometendo con cara de arrepentimento que xamais volverá a estar soa tantos días.
O malo de volver como pecador arrepentido e que un non sabe ata cando vai durar esa entrega boa coa que un sempre intenta remendar as súas faltas. Pero como mostra de bo comportamento, de que isto non se vai volver a repetir, o mellor e vir cargado de agasallos. Xeralmente, cando se fan agasallos deste tipo, o valor do regalado garda estreita relación co pecado cometido: canto maior é o pecado, mellor é a ofrenda. Vexo que non escribín nin un punto dende o 8 de marzo, tempo máis que suficiente para cometer e reincidir en tódolos pecados, así que mellor que comece a entregar o que traio.
De entre tódolos temas que hai nesta edición de Curtas na Rede, é o da inmigración o que máis me interesa; quizais porque é o tema que maior manipulación (sempre interesada) soporta; tanta, que grande parte das noticias non saen do binomio inmigración/inseguridade. Proba disto é o despregamento informativo que aconteceu en Alcorcón no que a regra de que non deixes que a realidade estrague unha boa noticia foi seguido por grande parte dos medios. Eu, ao longo da miña vida, sempre intento poñerme no lugar de... E non sei, pero non atopo maior drama que o da persoa que ten que abandonar todo para non morrer de fame. Esta circunstancia percorre a idea que agora vos presento:
Idas e voltas
É un documental de montaxe. Unha chea de imaxes de chegadas de emigrantes que se encontran cos seus familiares. Toda esta serie remata cun lema: Nunca se foron. Tiveron que irse. Outra serie de imaxes, tamén de chegadas, pero sen familias esperando o encontro. Chegan en pateras e cayucos, con rostros cheos de fame e medo. A serie tamén remata cun lema. Nunca viñeron. Tiveron que vir.
Pode que a atopedes moi simplista, pero creo que este fenómeno se reduce a isto, a un mundo desigual que empuxa a xente fora desas fronteiras que poden estar moi ben trazadas nun mapa, pero que encerran a miseria que nós lles damos.
Para a categoría de xuventude deixeime guiar polo meu egoísmo. Eu quero, no caso de que finalmente se faga, traballar coa miña filla. Ela non o ve moi claro. Cando lle comentei a idea púxose bastante nerviosa é á vez que se ría con entusiasmo negábase en redondo a participar. Ela é unha rapaza tímida, destas que tarda en coller confianza ata que, en ocasións, botas en falla a timidez que tiña nas primeiras horas; pero para min, é unha artista. Sempre está facendo representacións, nas que a falla de ensaios fai que o número se faga e refaga en directo ata que sae máis ou menos ben. Eu son o seu fan, un fan cómplice pois sempre fago que non vexo os erros que a levan a comezar de novo en medio da representación, así ata que remata o número e eu aplaudo a rabiar. O guión que pensei para ela recolle tamén a súa panda de amigas e amigos. Coñécense dende a gardería, aínda que agora entraron nunha etapa en que á hora de cumprir anos xa non o celebran nenos e nenas xuntas, senón que as nenas van por un lado e os nenos por outro. ¡Cousas da idade!, supoño. En todo caso, como sempre os vexo xuntos quero que tamén neste historia o estean. Esta é a idea
Eu de maior quero ser...
Un grupo de rapaces e rapazas está xogando nun salón coa televisión prendida pero sen son. Un xogo empalmase con outro sen outra razón que o pracer de xogar. Así ata que alguén propón xogar a ser maior. Cada un vai asumindo un rol, que conforme o explica será representado.
Comeza Denís. El quere ser Beckham. Aparece rodeado de reporteiros. É o centro do mundo. Só tocar o balón e este segue o destino invariable de gol. É un triunfador. Todos os rapaces que están xogando quérense subir a ese carro. Unha rapaza decide ser a súa muller; non Victoria, que non lle gusta. Ela quere ser a do gusto exquisito, a dos bombóns. Así que o que parecía unha rolda de prensa convértese nunha desas recepcións na que ela brilla máis que o papel dourado dos bombóns. Automaticamente, son a parella de moda. Cada un dos seus xestos e extravagancias convértese en moda. Pero no paraíso sempre hai a serpe. Outra rapaza decide ser a coidadora dos fillos para ir contando de estudio en estudio as intimidades da súa relación con Beckham. O seu reto: enfrontarse á verdade dese aparato que non sabe como chamar.
Todo o país está pendente das súas declaracións. A confesión iniciase con preguntas cada vez más desvergonzadas. O único rapaz que aínda non ten moi claro qué rol coller mira asombrado esta entrevista. Non sabe por cál decidirse. Pensa: Non quere ser J. Muñoz. Está no cárcere, e non lle gusta a Pantoja. Tampouco quere ser Pipón, porque non entende moi ben de qué vai o chiste. Por un intre soña que é Bisbal. E así vese, ata que se decata de que xa non ten rizos polo que tampouco ten moito chiste. Ao momento, ten unha idea brillante. Incontestable. Decide ser xefe de oposición, ese que tanto odia o seu pai.
Así que entra como un elefante nunha cristalería e racha coa entrevista. Quere dirixirse á xente sensata. Quere falarlles de que España vaise ao carallo por culpa do ácido bórico que está dividindo España, que non respecta nada, nin o máis sagrado: o matrimonio. Pois agora hai moitas concesións e iso debilita o Estado, e so con mano dura pódese solucionar todo isto que vai ao garete por culpa dos socialistas.
As rapazas e rapaces seguen xogando entusiasmados cada un co seu papel. Entran no salón os pais. Os miran con comprensión e certo orgullo. Danlle son á televisión. Botan Aquí hay tomate. Os nenos calan e deixan de xogar e todos sentan para ver sen pensar.
Ben estas son as ideas que se me ocorreron. Só queda decidirse por unha para comezar. Non sei moi ben por cál; acéptanse e espéranse algunha que outra suxestión.
Quedamos á espera.

Creo que foi Pablo Picasso o que dixo que cando me chegue a inspiración, que me atope traballando. Dende que Naveira (outro Pablo máis) nos lanzou ese reto, crédeme que os momentos que tiven libres os gastei engaloiando ás fuxitivas musas. Cada lance, atopábame coa mesma resposta: ningunha. E iso que penso en silencio para non asustalas; pero non sei se con tanto sixilo remataron estas prófugas por aburrirse de min e dar un longo paseo. O que si sei é que por moito que busquei por todos os recunchos, nada atopei que fixera estalar ese furor creativo que buscaba.
Considérome unha persoa imaxinativa, que sempre está buscando os catro pes ao gato para non morrer de aburrimento; pero esta visto que polos resultados deses días: unha cousa é imaxinar e outra moi distinta crear. Eu, imaxinar, imaxinaba... pero o resultado era a mesma nada de sempre. Así que saín á rúa a despexarme un pouco.
Xeralmente, se non teño ningunha preocupación, os tempos mortos entre unha cousa e outra, dedícoos a xogar. O xogo comezou de rapaz dun xeito moi simple: Ti vas andando pola rúa, quedaches con alguén a tal hora e chegas tarde... Pois o meu método para non desesperarme pensando na persoa que está a esperar é adiantar todo o que vexo. Propóñome que te teño que adiantar á persoa que vai a catro ou cinco pasos diante miña; tras conseguilo, fíxome noutra, e así ata que chego á meta final case sen decatarme e co turbo posto. Como con todas as costumes, estas van collendo manías. Ao principio, non vía nin á xente e adiantaba á persoa sen prestar demasiada atención; despois, comecei a ir máis aló do rechamante que escollera para adiantala, e fixábame na súa singularidade. E así ata que cheguei ao límite do xogo, que non era outro que prestar atención ao que lle acontecía nos breves segundos que eu estaba ao seu carón. Neses dous ou tres segundos que tardo en adiantala, poño en alerta os meus oídos, sen quitar o turbo, para ver de qué están a falar. Sempre collo un retallo. Xeralmente, non ten sentido algún. Pero enseguida, con ese pequeno anaco, eu fago un traxe.
Co tempo desapracible que estamos vivindo por aquí, cruceime, cando fun ao Rhin a toman o meu bocadillo de tortilla, cun home que non ía abrigado, senón acoirazado contra o tempo. Era un home voluminoso, pero non tanto pola súa complexión, senón por todo o que levaba encima. Todo este amasillo de prendas coroábase cun chapeu destes impermeables que non deixaba asomar máis que o nariz. Non o coñecía de nada (supoño), pero agora penso que aínda que fósemos íntimos, pasaría ao meu carón como un perfecto descoñecido. Pero foi nese intre, cando as musas fixeron acto de presenza xogando ao absurdo. Pensei nunha imaxe: Un primeiro plano dun home coa típica barra negra que preserva a identidade. Nada máis. A partires desa imaxe amoreáronse centos de preguntas. Por que un home quere preservar a súa identidade? Que pode contar? Como chegou ata aí? Quen é el? Pois despois de buscar resposta a moitas desas preguntas, e aquí a sipnose realizada para a categoría de Visións nosas / visións alleas:
Ruído.
Un protagonista avergoñado (Ramiro), cun postizo cutre que ven a simular a barra negra que se coloca ante os ollos para que non o recoñezan, conta a súa loita de heroe no campo do amor. Como non hai heroe sen inimigo, pronto nos aclara cál é á súa némese: a comunicación.
Si, el xa sabe que non hai mellor receita para a parella que a comunicación. Sen embargo, a súa experiencia dille o contrario. Así, comeza a relatarnos os seus tortuosos encontros coa “muller impertinente”, coa “muller segura de si mesma”, coa “muller tímida e recatada”, todos eles infestados de graves crises producidas pola comunicación.
Isto e así ata que coñece no corpo dunha muller todo espírito exuberante do Caribe. Ela é Virginia. Unha moza latina, case un merengue con sobredose de azucre, chea desa dozura sinuosa e dunha carnalidade que só se dá nos soños húmidos. O encontro é máxico. Dende o primeiro segundo comezan a expresar o seu amor dun xeito que ruborizaría ao mesmísimo Becquer. Todo é amor. Un amor melindroso, tan afectado como un gato de angora; tanto que dende o primeiro minuto viven dentro dunha comedia musical, das boas, das de antes. Pero non hai sol que non veña escoltado por nubes. Nubes moi negras. Ela é a suma de todas as mulleres anteriores. En ocasións, unha lingoreteira; noutras unha tímida colexiala; noutras unha muller segura, pero á que non lle molesta a protección. Pero a pesares do vivido, toda Virginia ten un sabor distinto, case como a mel.
Pero... sendo todo cariño, todo amor, tamén é nada de sexo. O infeliz de Ramiro foi a dar coa única caribeña integrista e católica, que non atopa problemas no amor, pero que o sexo quere que sexa dentro do sagrado mandamento do matrimonio. E así, cada tentativa de Ramiro tropeza coa intransixencia de Virginia que ve na desfloración o mellor principio co que iniciar un matrimonio. Isto non está dentro dos plans de Ramiro, pese ás presións familiares que sofre pois xa vai camiño de ser un “solteiro reseso.” Pero como nada se desexa máis que o que non se ten, decide que non hai mellor menciña para os seus males que casar; pois non sabe moi ben se é polo desexo ou polo amor que está “ata as trancas” por este soño caribeño.
Ese día é un día feliz; pero el, tras todas as negativas que sufriron os seus desexos, no único que pensa é na noite. Así esa xornada pasa para el como unha serie de flashes que cegan os sentidos ata que volve a recobralos na suite nupcial do hotel. É unha habitación tan rococó como o amor fotonovélico que teñen. Virginia está no aseo mudándose para a situación; mentres Ramiro está na habitación preparándose meticulosamente como si a cita fose nunha Olimpíada e a honra do país estivera en xogo. Por fin aparece Virgina!!! Está espléndida. Nunca estivo mellor. É un cóctel de descaro e inocencia, puro sexo. Así que ante iso, Ramiro cae rendido. E é na caída cando descubre que algo falla. O que tiña que estar non está. Virgina explícalle o por qué desa pequena “falla”, e el ten que tomar unha decisión.
A toma.
Unha vez que entras nese furor de crear, o corpo pídeche máis. Para mín, nesta convocatoria de Curtas na Rede, quizais a categoría máis difícil sexa a de medio ambiente. Será por tantos documentais de animais que teño visto, que nese exercicio de pensar e deixar voar a imaxinación só me saían anuncios tipo non sexas malo/a e cóidame. Ningunha historia. Nada que falase da relación que podemos ter coa natureza ao formar parte dela. Pero unha cousa che leva a outra. Se na anterior historia a espoleta foi a imaxe dun home falando á cámara cunha barra cegando os seus ollos, volvín a pechar os ollos do protagonista. Imaxinei a un home xogando a pita cega en medio dun arboredo. E desta palla mental saíu:
O meu xemelgo.
Un rapaz conta que o mesmo día que el naceu, o seu pai plantou unha arbore. Non era a primeira vez que o facía: todos os seus irmáns teñen tamén a súa arbore. Cada aniversario, cada un dos irmáns visita a súa árbore.
A súa arbore non é unha arbore calquera. Existe porque el existe. A árbore tamén é consciente disto. Seguiu o seu medrar a pasiño. Cando el enfermaba, a arbore tampouco pintaba moi bonita, e aparecía ante os seus ollos espida e triste. Se el estaba feliz, a arbore estaba chea de vida, coas follas acariciando o vento e un montón de paxaros que escollían as súas ramas para vivir.
Cando chegou a súa mocidade, un día sentiuno latexar. Era un latexo tan similar ao seu que se confundían. Ao rematar de medrar, a súa arbore non medrou máis. Negábase a crecer mentres todo ao seu redor medraba. Así, ata que a paisaxe mudou tanto que o noso protagonista lle custaba recoñecer onde estaba a súa árbore; pero estaba tan unido a el que non tardaba en atopalo nese pequeno xogo dos acochos ao que xogaban.
O seu bosque era unha fraga. Onde cría que estaba o seu irmán, xa non estaba. Sen embargo, non había rastro algún de alí se producira unha tala. Sinxelamente, a súa árbore, o seu xemelgo, non estaba. Comezou a buscalo por todo aquel monte; en ocasións, pareceulle que o atopara. Pero non. O latexar era outro.
Así foi día tras día, á procura da súa arbore que se negaba a aparecer. Un día decidiu buscar cos ollos pechados. Xogando como cando neno xogaba á pita cega. Así comezou a perseguir ás árbores. Abrazábase a elas, tratando de recoñecer polo tacto quén eran.
Ben, isto é o que hai de momento. Seguirei a espremer para ver qué se me corre coas outras categorías e decidir cál rodaremos finalmente.
Eu durmo, pero non soño. Envexo a aquelas persoas que se lembran de todos os seus soños. Eu non consigo lembrar nin un. Cando si sucede, aínda que poño todo o empeño, unha vez cos sentidos espertos non sei ganduxar nin unha mínima liña argumental. Sei os personaxes, pero non teño nin idea do que acontecía e o porqué da súa presenza. Lembro que a miña exmuller tiña, e ten, unha capacidade asombrosa para relatar os soños. Cada mañá contábame o que soñara, e eu non facía máis que marabillábame, quedar sen palabras ante esa sucesión absurda pero atraínte.
Durante un curto período isto non foi así. Tódolos días espertábame escoltado polo que soñara. Foi cando esperabamos a nosa filla. Durante eses meses, tódalas noites eu soñaba. Eran soños teimudos, sen que os pequenos cambios da historia te fixeran crer que estabas noutra irrealidade. Sempre comezaba co nacemento da rapaza. De xeito invariable saía un bebé fermoso (como así foi, non coñezo nena máis guapa que a miña filla), pero diferente. Naqueles soños dábasen tódalas combinacións posibles. Unha noite tiña os ollos da súa nai, para a seguinte aparecer cos meus; unhas veces parecíase máis a mín, outras atopaba a miña muller cando nena; outras era a nosa filla, diso non había dúbida, pero non se parecía a ninguén. Despois dese nacemento cheo de sorpresas, a nosa nena non facía máis que cousas fantásticas. Medraba por segundos, movíase coa intelixencia dun esquío e pasábame toda a noite asombrado, case enfeitizado, do moito que podía facer, das moitas alegrías que nos daba, e do seu infatigable alento para vencer mil e un atrancos.
Tralo nacemento deixei de lembrarme para comezar a soñar esperto, vivindo cada segundo daquela criatura que non medraba tanto pero, efectivamente, facía cousas marabillosas con só abrir os ollos. Lembro todo isto, porque onte tivemos a primeira criatura desta segunda edición de Curtas na Rede. É a micromovie de Florencia. Unha peza pequena, chea desa vida que só saben contaxiar os cativos.
Grazas, Florencia, a partires de aquí xa comezamos a soñar espertos con obras como a túa. En hora boa!
