Arquivos » Marzo 2008

Foise Azcona.

Escrito por Esteban, o mércores 26 de Marzo de 2008 as 13:43. Non hai comentarios

A cotío, sobre as sete da tarde, adoito entrar na web de El País. É un xeito de tranquilizarme, de saber que o mundo sigue aí con todas as súas crebas e esperanzas. Xeralmente non hai sobresaltos, o que resulta case un milagre ao estar nun mundo no que poder e xustiza non sempre van da man. Pero onte levei un mazada. Na esquina esquerda, nun destacado, informábase do falecemento de Rafael Azcona. A sorpresa non era o seu falecemento; todos, tomemos o camiño que tomemos, imos parar á mesma beira. O desconcerto era que xa acontecera. O domingo de resurrección foi o día que partiu para a gloria ou para a nada, vai ti saber; pero nós o soubemos cando xa estaba todo feito, como un dos seus moitos guións. Só que este é o final, ese que impide que haxa máis historias. Pois ese é o drama: xa non haberá máis historias súas.

 

E son unha chea delas as que nos cativaron, case unha centena; algunhas, auténticas obras mestras do cine, non só español, senón mundial. Que sería de nós sen O verdugo, O pisiño, Plácido, A gran comilona, A lingua das bolboretas e tantas outras? A verdade é que lle debemos moito a este home que fuxía desa primeira liña de vaidades, para dende a distancia poder observar e retratar, sempre con dignidade, ese mundo que nos tocou en sorte. E niso, era un mestre. Os seus guións non son construcións artificiosas, cheas de trampas,  senón que están tan pegadas á vida, que parecen a vida mesma. Para mostra mirade este pequeno fragmento da película que realizou con Marco Ferreri:

É unha das primeiras mostras do seu xenio. Non me digades que non é incrible o pálpito de vida que ten esta secuencia. Un ano despois acontece un dos encontros que dará os mellores froitos do cine español. Aparece o tándem Berlanga / Azcona, e a primeira mostra é ese marabilloso conto de Nadal que é Plácido

Despois virían máis, a seguinte é, a que para min, é unha das mellores películas de todo o cine, unha desas que levarías a unha illa deserta para vencer a soidade en boa compaña.

 

Como xenio que era, traballou cos mellores: Ferreri, Saura, García Sánchez, Trueba, Cuerda. A verdade é que traballando con tantos a min gústanme moito a complicidade conseguida con Fernando Trueba e José Luis Cuerda. Onte, a modo de homenaxe, pasaron unha das súas mellores obras: A nena dos teus ollos. Se alguén dubida do boa actriz que é Penélope Cruz que mire este filme.

E para rematar este pequeno percorrido por unha obra tan inmensa, que mellor que pechar este paseo cun dos finais máis emocionantes da historia do cine. Estoume a referir A lingua das bolboretas. Esta é unha das mostras que amosa que Azcona non só era bo cando contaba as súas historias, senón que ninguén coma el manexaba o oficio de guionista. E que mellor mostra que esta que fai unha obra total e coherente con historias que, en principio, aparecen como inconexas. Aquí non hai dicotomías, tanto o filme coma o libro son maxistrais. Eu esta película a vin unha chea de veces, sei que vai acontecer a cada paso, pero cando chega este momento non podo reprimirme; quizais porque é unha película que non se ve, senón que se vive...

Agora toca vivir sen Azcona; de tódolos xeitos: Grazas por existir, mestre! Cantos momentos bos te debemos.

Novas criaturas.

Escrito por Esteban, o luns 24 de Marzo de 2008 as 11:27. 3 comentarios

  Xa temos a primeira criatura da edición deste ano. Aínda que de nenos nos contaban que todo viña de París, esta aínda ven de máis lonxe, concretamente do Brasil. É o noso amigo MestreMario o encargado de abrir esta categoría cunha micromovie que desafía ao mesmísimo Newton. Pero non remata aí a súa achega, tamén o sobrenatural ten cabida.  

Grazas, MesteMario.

Pradolongo

Escrito por Esteban, o martes 18 de Marzo de 2008 as 12:56. 2 comentarios

 

A preestrea xa tivo lugar o pasado venres 14 en Valdeorras. Alí estivo a nosa presidenta, Loli, para dar testemuño do bo sabor de boca que deixa Pradolongo, a obra coa que volve Ignacio Vilar tralo documental Un bosque de músicas. A historia que narra non é outra que o proceso de medrar dun grupo de amigos (a nosa boa amiga: Tamara Canosa, Rubén Ríos e un descoñecido Roberto Porto que dará moito que falar) nunha paraxe que non nos é descoñecida para os que vemos cine galego, pois colle as mesmas paisaxes  que a mítica Sempre Xonxa. Como neste filme, Pradolongo tamén é unha película rodada integramente en galego de Valedeorras, e está a percorrer estes días, antes da súa estrea nas cidades principais de Galicia, institutos, asociacións e colexios. Para os que xa pasamos esta época tan feliz de estudos, temos que esperar a súa estrea que será: 

-  O 28 de marzo en Ourense

- O 4 de abril en Vigo

- O 11 de abril na Coruña

- O 18 de abril en Pontevedra e Narón 

A verdade é que ata agora o éxito os está acompañando. Cheos absolutos e cifras record neste boca –orella que esta a facer deste filme a cita obrigada para ver bo cine galego.

 

Un adeus cara un deicamañá

Escrito por Esteban, o xoves 6 de Marzo de 2008 as 19:22. 4 comentarios

Estes días, dentro da alegría, andaba un pouco triste. Era unha tristura destas que mollan coma zarzallo; parece que non chove, pero cando chegas a casa nótaste enchoupado ata os miolos. Supoño que será porque estamos máis preparados para as benvidas que para as despedidas. Co bonito que é dicir ola, que mal senta dicir un adeus que non queres.  

Coñezo xente que di, máis ben que asegura coa fe que un pon nos absolutos, que non hai xente imprescindible. Ninguén é imprescindible, aseguran xactanciosos, ninguén... Sempre que escoitei isto, quedeime mudo, albiscando polo miúdo, nunha reflexión íntima, quén se esconde detrás desta afirmación. Na maioría dos casos cheguei á conclusión de que as persoas que así se pronunciaban non lles termaba o pulso ante nada. Pasara o que pasase, eles (ou elas) firmes como ese boi que segue o rego sen reparar por onde vai, satisfeito/a tan só por ver que segue ese camiño recto pase o que pase, caia quen caia.  

Eu, nembargante, si creo que hai xente imprescindible; do mesmo xeito que tamén creo que hai xente que sobra, que ninguén botaría en falta no caso de que non chegase a existir. Aínda que esta lista é maior que a primeira (a fertilidade dos fillos de... é abraiante; a cada un/ha de nós correspóndenos cando menos manter a un par destes suxeitos), teño a fortuna de ter coñecido xente que para min é imprescindible. É esa clase de xente que te concilia co mundo, que fai tan agradable o teu entorno, a túa vida, que non temes que chegue o mal tempo coas inclementes tormentas pois sabes que tendo esta xente ao teu carón, non tardará moito en despexarse todo e que volva a lucir o sol. Son persoas que van a outro ritmo, sen o paso marcado polas circunstancias, senón levado pola vontade e xenerosidade coa que van camiñando pola vida. Non teño moita xente así; pero están preto. Uns están dende os plans ambiciosos que un tiña de rapaz cando quería ser pirata; outros/as xa estaban aquí esperándote nese niño que chamamos familia; outros/as perdéronse para sempre deixándoche o consolo de telos/as coñecido e o tesouro de non esquecelos; outros/as chegaron hai nada pero coa forza do que ven para quedarse; outros/as estarán por chegar e chegarán, aínda que só sexa para que non estale o mundo.  

Pero hoxe estou triste, tocoume dicir adeus. O estaba evitando; e non era doado pois falabamos case tódolos días. Calquera cousa que xurdía, collía e chamaba... así de sinxelo. Chamaba sabendo que sempre ía atopar o que buscaba, chamaba sabendo que entre tantas verbas tamén habería unha chea de risas. Sempre había risas. Nembargante, durante estas dúas últimas semanas, non chamei. Lía os seus correos, contestaba brevemente, e tira para diante... Non penses; pero non paraba de pensar!  

A media mañá mandei ao carallo a miña covardía. Pensei: se total estás sufrindo igual, chámaa! Meu dito, meu feito. Chamei. Foi unha conversa un pouco triste pero breve, para non dar cabida aos choros. Non houbo  esas chanzas que tiñamos entre nós, só uns cantos bos desexos e a crenza íntima de que este non era un adeus, aínda que así era. 

Despois, cando rematei de traballar e xa ía para casa, o destino premioume. Ía abstraído, pensando nela, e, durante uns segundos, pensei que a maxia existía... pois alí estaba na rúa, rodeada de toda a xente que a quere ben. O que me saíu nese momento foi un grito, un deses gritos que un (polo menos eu) berra cando a sorpresa é boa.  

E alí estaba. Tiña a cara triste, desgustada.  

Hoxe fóísenos Esther, unha das currifichantes de Curtas na Rede.  Iso, para min, para os demais, ela é a directora do Centro Multimedia de Galicia; para todos, Esther

E todas e todos os que a coñecemos, sabemos que ese nome garda un montón de riquezas; non son destas que podes contar, que podes pechar nunha caixa forte ou xogar con elas na bolsa. Non, non son desas.  Son outras riquezas, esas que cando as descobres sabes por fin de qué están feitas esas xentes que son imprescindibles.  

Por iso isto non quere ser un adeus; como moito un deicamañá (Xa verás!)

 

Curtas viaxeiras

Escrito por Esteban, o mércores 5 de Marzo de 2008 as 17:23. 1 comentario

 

Onte Curtas na Rede fíxose un pouco máis viaxeira. Como sabedes para esta III edición contamos coa colaboración de dúas entidades que fixeron posible esta viaxe: Fundação da Juventude e o Eixo Atlántico. A entrada destas entidades e o apoio e entusiasmo que amosaron dende un primeiro momento é para nós un motivo de alegría. As razóns son varias. A primeira é a ligazón histórica e cultural que existe entre o pobo galego e o portugués. Para nós, esta unión tan natural permítenos que á hora de establecer pontes de colaboración, estes sexan máis doados de facer. Outra razón é que aínda que Curtas na Rede segue a ser unha proposta realizada, parafraseando un coñecido programa, dende Galicia para o mundo, o proceso de apertura que sufriu nalgún dos puntos das bases fai que Curtas na Rede atope agora mellor acomodo presentándose coma unha proposta ibérica.  

Pois ben, onte presentamos esta proposta no marco da Fundação da Juventude, en Oporto. Aínda que tiñamos pensado facer coma unha especie de desembarco acompañándonos cunha selección bastante ampla de persoas que gañaron no concurso, ao final isto non puido ser. A realidade, sempre tan impositivia,  fixo que optaramos por facer unha caravana máis pequena. Pero o tamaño non sempre importa, pois todas as persoas que fomos íamos co ánimo cheo de ilusión para conquistar a eses artistas que non se atopan no circuíto profesional e comercial pero que nós sabemos, pola experiencia destas edicións, que si existe e que só toca explorar e dalos a coñecer para facelos presentes.  

Unha viaxe sempre pague a pena e isto foi así dende que chegamos a esta cidade que un sempre visita coa pena de non quedarse para sempre do moito encanto que ten. A esta viaxe fomos a presidenta do CXG, D.ª Loli Rodríguez Amoroso,  o director xeral de Comunicación Audiovisual, D. Manuel José Fernández Iglesias, e D. Pablo Penedo, un dos gañadores da anterior edición; despois pola parte dos currifichantes: D.ª Silvia Pena, da Secretaría Xeral de Comunicación, a miña compañeira D.ª María Jartín e eu.  

A verdade é que non podíamos ter atopado mellor socio. O que está a facer a Fundação da Juventude no campo do fomento e a formación da creatividade artística da mocidade portuguesa é unha labor moi meritoria; tanto que a min crecéronme os dentes da envexa cando nos presentaron os seus programas e instalacións. A fábrica de talentos, agora aínda en proceso de rehabilitación e posta en marcha, vai ser todo un centro de referencia a nivel europeo no fomento, formación e posta en valor de toda a creación artística dos novos valores que saian deste punto de encontro e plataforma de despegue; e isto non é tanto unha galantería coa queremos premiar a esta endidade, senón un recoñecemento do ben pensado e plafinificado que teñen este proxecto que espertou a nosa admiración.  

Os cumpridos teñen que chegar polo trato que recibimos durante a nosa curta estancia en Oporto. Dalgún xeito sentímonos premiados polo trato tan amable e xeneroso que atopamos na Fundação da Juventude. O noso agradecemento máis grande a D. Carlos Abrunhosa, presidente do Consello de Administración, a D.ª María Geraldes, directora xeral da Fundación, e, por suposto, tampouco podemos esquecer a Paula Castro e a todas persoas que asistiron á presentación. Todos vos fixestes que dalgún xeito Oporto aínda ficara con nós.

 

A miña primeira película.

Escrito por Esteban, o luns 3 de Marzo de 2008 as 14:40. Non hai comentarios

Navegando, navegando, a nosa amiga Esther, do CMG, informoume dunha páxina realizada por Joan Planas, un director de cine e videoblogger que abriu esta páxina cun único propósito: amosar en directo o proxecto de realizar unha longametraxe.  

Como calquera director que se preze, ten xa unhas cantas obras realizadas que podedes visionar no seu blog; pero agora vai un pouco máis ala e aparte de ofrecernos esa obra, nos achega polo miúdo ao proceso de creación do seu soño. Como vedes, algo moi similar ao que estamos a facer en Curtas na Rede. Para iso, emite todo isto en directo pola rede, e vai amosando pouco a pouco a súa creación, na que podes colaborar facendo cantas suxestións queiras realizar. 

Pois nada, xa sabedes se queredes ver cómo comeza o espectáculo non deixedes de visitar a súa páxina.