Estes días estívose falando do triunfo na rede da curtametraxe O que ti queiras oír. Non é un triunfo calquera. Se é certo que o público sempre ten a razón, setenta millóns de razóns escoltan a esta curtametraxe realizada por Guillermo Zapata. Dende un primeiro momento, este autor situou internet coma o seu escaparate. Cómpre pasar polo seu blog para ver todo o proceso desta obra que figura entre o máis visto de YouTube. Dende o seu primeiro post, xa hai máis de tres anos, vemos paso a paso toda a produción, a montaxe realizada, a súa estrea, a promoción que realizou, o seu paso polos festivais, e, sobre todo, a súa publicación en internet optando pola licenza creative commons. A verdade é que a páxina é moi interesante, moi xenerosa, podendo atopar aspectos non sempre contemplados: podes ler o guión, escoitar a música, ver as fotos da rodaxe, e o seu percorrido pola blogosfera, explicación última do éxito desta curta. Éxito que non se albiscaba no seu inicio, pero que foi imparable e analizado polo miúdo polo seu autor. Post a post, Guillermo Zapata vai deluvando todo este periplo cheo de sorpresas e bos momentos ata chegar a eses setenta millóns de visionados que marcan un fito nesta rede na que estamos a traballar.
A verdade é que alégrame un triunfo como este. Dalgún xeito, Curtas na Rede móvese coa mesma filosofía e pretende espallar esta entre todas as xentes que senten esta paixón que nos une. De feito, estou pensando que poderíamos invitar a este autor, facer un acto no que poder ver as vosas curtas e que el nos explique, con esa xenerosidade que ten, toda esta aventura. Mentres aquí tedes esta curtametraxe:
E tras a visión do terceiro vídeo máis visto da historia de YouTube, aquí tedes a última obra do autor: E todo vai ben, estreado esta semana:
Xurdiu así, como cando un suma dous máis dous e non ten outro camiño que rematar en catro. Dende que internet está nas nosas vidas, moitos fenómenos novos teñen aparecido. De todo o que hai, quizais o que máis me chame a atención é o do marketing viral. Paréceme fascinante que unha peza saída do maior anonimato pase a conquistar a atención de millóns e millóns de persoas, e iso sen acudir a grandes orzamentos, tan só coa graza da orixinalidade, da creatividade en estado puro.
Un feito coma este, non deixa de ser tentador. Así que dende a organización de Curtas na Rede puxémonos a estudar a posibilidade de facer unha promoción dese tipo. Cando un pensa isto, acto seguido ven a pregunta do millón: cómo facelo. Ese cómo facelo non ten unha desposta doada; pero o que non tiñamos dúbida é que en caso de tela, só coñecíamos a unha persoa que puidera posuír o segredo. Este non é outro que o fértil e incombustible Andressolo. Ninguén coma el para crear cos mínimos elementos (el e unha cámara) unhas imaxes únicas e inimitables, tinguidas sempre dun absurdo intelixente que fai que cada vez sexamos máis os seguidores deste creador afortunadamente outsider. Así que nos puxemos en contacto con el para que dende a máxima liberdade parira unha peza curta coa que tivera esa sabor que el imprime nas súas curtas e dira unha idea do que é este concurso. O froito deste encargo é esta peza:
Cómpre sinalar o grande esforzo realizado por Andressolo, máis dado a facer o que quere que a este tipo de encargos. Pese a aparente sinxeleza, detrás deste traballo hai unha morea de ensaios, de experimentacións ata dar co que quería conseguir. De feito esta é a segunda versión. Non sei qué vos parece. Para nós é sobresaínte. Se queredes podedes facela rular por este escaparete sen fronteiras no que estamos a traballar.
Outra cousa que podedes mover por aí son os agasallos que realizamos para esta edición. A verdade é que o tempo que fai hoxe non acompaña moito para o agasallo que tedes; pero o verán xa está aí, e seguro que máis dunha persoa vai caer na tentación de pasarse polo Consello da Xuventude de Galicia e recoller un elemento imprescindible para pasar un verán de praia: un quitasol. O tedes en cores variadas: laranxa, verde, azul, etc., e cun tamaño moi cómodo e manexable.
Xa sabedes, se queredes recollelo tan só tedes que pasar pola nosa sede (Fonte de Santo Antonio, 25 – 1º) en Santiago de Compostela. Que non vos quepa dúbida de que seredes a envexa de toda a praia.

Mentres gozade desta pequena estampa que moi ben poredes imitar co quitasol que vos espera no CXG.
Dende Curtas na Rede temos sempre presente que un concurso como o noso, dirixido a poboación en xeral, aséntase sobre o binomio moita imaxinación ou talento e poucos ou ningún recurso. En internet podedes atopar moitas destas pezas; a que hoxe vos traio é moi sinxela. Leva un ano circulando pola rede e recentemente Movistar realizou un anuncio baseándose nesta pequena cápsula tan habilidosa.
Por si queredes lembrar o video clip orixinal, este si con máis medios e unha animación manga espectacular, aquí tedes Harder Better Faster Stronger, de Daft Punk
Onte puidestes ver a curtametraxe de Orson Welles. O habitual, é que a curtametraxe sexa esa tarxeta de presentación para a industria, e cunha vez instalado nesta, nunca máis volveremos a ver a ese creador experimentando con este formato que o acompañou no seu orixe. Este non é o caso que vos traemos hoxe. Pedro Almódovar xa fixera ¿Qué he hecho yo para merecer esto?, o seu primeiro grande éxito de público e crítica, cando realizou esta pequena curtametraxe para un programa mítico daqueles anos: La edad de oro.
A curta é realmente divertida, aínda que só sexa para ver a grande Josele Román actuando con esa deixadez e franqueza que sempre tivo (porque non deixa o rock duro e volve ao cine, bótaselle en falla), e por ver a unha Bibiana (a aquelas alturas Bibí) máis espléndida e prohibitiva que nunca. Mestúrense estes ingredientes cun par de cancións do gran Bambino e ese bolero que borda Olga Guillot e xa temos unha curta que non pretende máis que divertirnos facendo as paradas obrigadas na estética e gustos deste director.

Un, ante Orson Welles, o que ten que facer é sentarse. Non hai mellor posición. A túa butaca preferida (a ser posible a dun bo cine, o que non é doado pois en todos estes anos só vin unha das súas mellores películas nunha sala: Sed de mal), e despois deixar que o tempo pase manso sabendo que estás en boa compaña. Pero hai outras razóns para estar sentados ante Welles: a súa lenda. Todo nel é desmesurado, comezando pola súa ópera prima que realizou nada máis e nada menos que ¡con 25 anos!, e continuando despois coa súa vida e obra, que fan del o mellor epígono de artista e creador total e, dalgún xeito, maldito ante a industria de Hollywood.
Pero o que abraiaba era que esa primeira obra, fose nada máis e nada menos que a incontestable Ciudadano Kane, ese filme que abre todas as clasificacións das mellores películas da historia do cine. Pero agora descubrimos que tamén Orson Welles tivo un pasado como curtametraxista. Foi no verán de 1934, co axuda do seu amigo William Vance e unha cámara de 16mm. O resultado e unha curta de 8’ titulada The Heart of Ages. É unha obra puramente amateur, na que se sinte o ben que o pasaron tomando a cámara coma un xogente; aínda así hai tres ou catro momentos realmente interesantes: repetición de planos, un gusto polo encadre expresivo, unha montaxe moi dinámica; pero en ningún dos seus fotogramas atopamos traza algunha dese xenio que despois iluminaría o cine coma arte.
En todo caso non está de máis botarlle unha ollada a este pequeno divertimento:

Onte pola tarde, escoitando La Ventana decateime de que xa pasaran vinte anos dende que estrearon Mujeres al borde de un ataque de nervios. Para todo pasan vinte anos. Comezando por ese tango e seguindo por nós, pese a que non nos decatemos. Gustoume escoitar a Fernando Guillén, a María Barranco, a Agustín Almodóvar deluvando todo aquel tempo e falando da actualidade da película pese a esa lousa de tempo que soportaba. Ao remate das entrevistas, xa tiña o plan feito: pola noite vería Mujeres...
Lembraba a estrea. A viramos no Teatro Colón (o mesmo do premio de Curtas na Rede); e aí estabamos, o meu amigo Rai, Conchi e eu, gozando como cans desta comedia de puro enredo en estado de graza. Rin de novo co que xa me rira, pero descubrín momentos que me pasaron inadvertidos. Decateime que ese xenio que agora loamos á hora de achegarse ao drama, xa estaba presente nesta película tan colorista. Pareceume boísima a secuencia do dobraxe de Johnny Guitar. Son dez minutos máxicos; primeiro vendo a Guillén gravar a súa intervención; despois contemplando como Maura, seguindo escrupulosamente coa dobraxe, mestura a ficción de Ray coa realidade do seu personaxe. No seu momento non a vin como dramática; onte, non sei se porque estaba nun día especialmente sensible, a vin como esgazadora, á vez que maxistral, pois o conflito central desta filme queda perfectamente debuxado nesta secuencia.
Despois, por suposto, volvín a gozar da espontaneidade, da vitalidade que desprende esta película pese a retratar a soidade destas mulleres. Estaba case no mellor, cando ao DVD déuselle por comezar a fallar. Non sei que lle pasa a toda esta tecnoloxía. Na época do vídeo, so tiven que mercar un. Saíume tan bo que duroume todos estes anos; nembargante, xa levo mercados tres DVD, e sempre morren novos e coa mesma doenza: chega un momento en que len mal, e comezan a facer pausas e saltos que che quitan toda a graza que estás vivindo. Así que me quedei sen momentos antolóxicos que estaba esperando coa mesma ilusión que un neno espera o que sabe seguro que vai acontecer (encántame toda a parte de Julieta Serrano e máis a secuencia da gran Chus Lampreave).
Pero ben, espero que hoxe os trasnos da electrónica made in China non fagan das súas e me deixen recordar ese tempo de vinte anos atrás onde estabamos tan novos que todo o viviamos ao borde.
O sigo dende os tempos da Mandrágora. Para min, aquel mítico traballo foi un sopro de aire fresco dentro da música de cantautores que escoitabamos. Non eran graves e profundos, senón sumamente mordaces con cancións nas que a ironía estaba sempre primorosamente rimada. Daquel trío tan ácrata e accidental, o único que permanece túzaro ao seu facer é o Krahe. O ano pasado fun a un concerto seu no Forum Metropolitano da Coruña, e a verdade é que foi un gozo; non só gozas da súa boa música, tinguida sempre con eses aires brassenianos, senón que todo o recital é un continuo agasallo da súa fina intelixencia con eses monólogos que sempre fai para introducir as súas cancións.
O que xa non sabía era que tamén deixara a súa pegada no mundo da curtametraxe. E aquí tedes a pequena mostra do seu facer. Títulase Cómo cocinar un Cristo. É do ano 1978 e no seu momento levantou bochas en certos sectores católicos. Aquí tedes a oportunidade de velo e gozar da súa proposta.
E como propina, un resumo do documental que nos achega ao gran Krahe

Hoxe sae unha nova na que o mestre Woody Allen presenta unha demanda contra unha cadea de roupa norteamericana, American Apparel. Esta cadea usou sen o consentimento do director un fotograma do filme Annie Hall, no que aparece vestido de xudeu ortodoxo, nun dos seus celebrados anuncios, todos eles con certa carga sexual e do que tedes aí unha pequena mostra:
Por este motivo, solicita 6,3 millóns de euros en concepto de compensación. Estou por apostar que o vai conseguir, aínda que só sexa pola afeccionada que é a xustiza deste país de tolos á hora de dar indemnizacións por feitos máis peregrinos. A verdade é que famosos & publicidade é un tándem presente dende sempre, e que debe funcionar moi ben dada a saturación que padecemos. Eu teño as miñas dúbidas. Nunca sei se o/a famoso que escoito estame a dicir a verdade sobre o que vende, ou está tan ben aleccionado polo pago que recibe que sería capaz de vender ata veleno.
A verdade é que este uso do famoseo non só se da diante das cámaras, tamén detras acontece outro tanto. Aínda que non é tan sabido, hai unha chea de bos exemplos deste maridaxe. Sen ir máis lonxe, este Nadal priváronnos das burbullas dunha famosa marca de cava catalán, pero en contrapartida premiáronos cunha pequena obra mestra do xenial Scorsese. Pero non é o único que se achegou a este pequeno formato. Aquí tedes un pequeno mostrario, empecemos polo anuncio realizado por Ridley Scott para a compañía Apple:
A verdade é que se nota o pulso do autor; e máis neste caso pois Ridley viña directamente do mundo da publicidade. Non é ese o caso de David Lynch, unha revisitación de Bambi para promover esa máquina tan adictiva que é a PlayStation 2:
E agora unha mostra de Michel Grondy, no que aparece por primeira vez o tempo bala co que tanto flipamos en Matrix:
Supoño que unha vez visto estes anuncios, a un lle queda o desexo de contar co orzamento que tiveron estas pezas para rodar as vosas curtas; pois nada, só vos queda buscar unha boa empresa que aposte por vós como o estamos a facer dende aquí.