Arquivos » Maio 2008

Fujiya & Miyagi.

Escrito por Esteban, o martes 27 de Maio de 2008 as 11:26. 2 comentarios

Pese ás resonancias xaponesas, son máis ingleses que o té das cinco; claro que non son tan flegmáticos e cerimoniosos. O seu  é o pop electrónico con tanto aire intimista coma independente, unha música feita para momentos feiticeiros, moi boa para chegar a ese estado de pausa que fuxe de nós seguindo ao estres. Pero non están aquí por esta razón. Seguindo o seu rastro cheguei a unha pequena xoia da animación. Xa sabedes o empeño que temos este ano dende Curtas na Rede con todo isto da animación. A verdade é que postos a facela sirve calquera elemento. Neste caso, uns simples dados e creo que ides quedar abraiados do resultado, senón mirade: 

 

A nova web de RTVE.

Escrito por Esteban, o martes 20 de Maio de 2008 as 13:39. Non hai comentarios

Para os que chegamos á televisión cando só había dous canais, RTVE segue a ser máis cunha canle . A educación sentimental e moitas das melancolías que un colle cando bota unha ollada cara atrás, está moi ligada á caixa parva e a esa familia de programas que un seguía con adoración antes de que o zapping matara prematuramente moitas das propostas que nos chegan. Máis de 50 anos de imaxes, grande parte da historia en maiúscula e minúscula do noso país, forma parte do importante arquivo desta corporación que agora dá un paso máis coa nova versión da súa páxina web.

 

Xeralmente, as televisións non lle dá moita importancia á rede. Seguramente porque é vista máis coma un inimigo á hora de procurar esa audiencia tan dispersa, que coma un aliado. O habitual é atoparse con páxinas moi pobres, tanto nos seus contidos como nos formatos. RTVE, nembargante, sepárase desa tendencia coa nova páxina web que hoxe abre as súas portas, aínda en versión beta.

 

A novidade non só é que pouco a pouco disporemos dese inxente arquivo de imaxes ou dos arquivos dos programas en antena, senón que a televisión, un medio pouco democrático pola súa arrogancia e poder, faise máis receptiva á opinión dos seus televidentes. O fenómeno blog atopa aquí un oco. Así, os presentadores e presentadoras que non saían do estrito guión do seu programa, poden contar o que non sempre se ve dando ao seu relato esa pegada persoal que ten cada un. De momento, hai unha chea de blogs para saciar os apetitos que temos, dende o telediario, o fenómeno Chikilicuatre na súa andaina por Belgrado, ata outros blogs xa máis avantaxados nestas lides como é o de El ojo crítico.

A verdade é que pague a pena achegarse, percorrer con calma as súas novidades e sobre todo: participar nese intercambio de opinións que quere establecer RTVE con esta nova páxina.

 

Curso de creación e guionización de documentais.

Escrito por Esteban, o luns 19 de Maio de 2008 as 12:40. Non hai comentarios

 

Como sabedes, este ano Curtas na Rede quere coidar moi especialmente todo o xénero documental, ofrecendo a posibilidade en cada unha das áreas temáticas de presentar curtametraxes documentais. O certo é que este cine realizado sobre a base de materiais tomados da realidade vive unha idade de ouro. Agora non é estraño que entre as estreas da semana apareza un destes filmes nos que as estrelas non saen dunha nómina de seres elevados do sempre cambiante star system, senón desa realidade agochada que o documental nos descubre.

 

Froito deste apoxeo é a convocatoria do Curso de creación e guionización de documentais. Este curso está realizado polo Master de Produción e Xestión Audiovisual, en colaboración coa TVG, a D.X. de Comunicación Audiovisual, a Axencia Audiovisual Galega, e a Universidade da Coruña. O propósito é formar documentalistas de calidade, así como actualizar coñecementos e amosarlles as novas tendencias aos profesionais que queiran especializarse neste xénero. O piar fundamental que se vai abordar durante a realización do curso vai ser a técnica de elaboración de guións e a presentación de historias.

 

O curso ten unha duración de 250 horas, repartidas entre clases presenciais, seguimento on-line e obradoiros prácticos. A estrutura da docencia xirará en torno a seis seminarios específicos cunha introdución técnica que permite asentar as bases para o traballo con obradoiros prácticos na aula, tanto individuais coma en grupo. Os seminarios a impartir son os seguintes:

 

-          Obradoiro sobre a evolución do documental impartido por Bienvenido León e Ricardo Iscar (do 26 ao 30 de maio); obradoiro de documental social impartido por Javier Corcuera(do 2 ao 6 de xuño); obradoiro sobre documentais de natureza e ciencia impartido por Luis Miguel Domínguez e Joan Úbeda (11,12,13 e 14 de xuño); obradoiro sobre documental histórico impartido por Llorenc Soler (19, 20 e 21 de xuño); obradoiro de documental etnográfico e de viaxes impartido por José Manuel Novoa (26, 27 e 28 de xuño); obradoiro de documental de investigación impartido por Pablo Usón; obradoiro de análise de documentais da lusofonía (11 e 12 de xullo).

 

O bo deste curso é que cada alumno/a desenvolverá un traballo individual de documental que será tutelado por un profesional de recoñecido prestixio ao longo do curso. Estas titorías poderán ser presenciais ou vía on-line. Os alumnos terán que defender os seus proxectos ao final do período formativo perante un comité de expertos. Isto terá unha recompensa: A TVG mercara os dereitos dos tres mellores documentais.

 

O número de prazas é de dez. Existe a posibilidade de matrícula en seminarios – obradoiros específicos cun límite máximo de 5 alumnos. O importe dos seminarios – obradoiros individuais é de 250 €, e a matrícula do curso total é de 2.000 €.

 

O horario será de 10 a 14 h. E de 15.30 a 18.30. Para maior información: mpxa@udc.es

 

De xira.

Escrito por Esteban, o mércores 14 de Maio de 2008 as 12:31. 2 comentarios

Son dos que penso que a realidade é o camiño máis doado para darlle ás á imaxinación. Crear da nada é obra de deuses, pero facelo dende as vivencias, dende esa inspiración que tes aí ao lado, xa é outra cousa. A nosa imaxinación nestes días xoga a que nos somos unha banda de rock; non unha desas que ten toda a atención mediática,  senón a dun grupo que toca en segunda división e que non para de tragar e tragar quilómetros de estrada para que se escoite a súa música. Hoxe aquí, mañá acolá... e ese público, ese público!

 

Esta xogo da imaxinación ten unha explicación. Este ano decidimos presentar Curtas na Rede nas facultades de ciencias da comunicación de toda Galicia. Así que aí estamos: collemos os apeiros, tomamos o coche, pisamos o acelerador, e veña: rumbo á actuación. Non sei cómo se sentirán as estrelas de rock, pero a verdade é que nos sentimos sumamente gratificados con todas estas experiencias, que non fan máis que enchernos de enerxía.

 

Onte estivemos na Facultade de CC. Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Tiñamos unha presentación ás 12.00  h, pero a esa hora non había ninguén. Solución: pasar do sobrio salón de graos, ao balbordo do vestíbulo onde a nosa música tiña máis posibilidades de ser escoitada. E a verdade é que pagou a pena. Non hai nada como o directo. Poder escoitar o que che teñen que dicir, explorar o seu entusiasmo, explicar o teu. Foron dúas horas marabillosas, desas que deixan un bo gusto no padal. Tivemos a posibilidade de escoitar algún que outro proxecto. E iso, entusiasma, pois dalgún xeito fálache do que vai ser o Curtas deste ano, desa iniciativa que é vosa ao cen por cen.

 

Agora, só toca prepararse de novo para a seguinte parada nesta xira. Xa vos contaremos.

 

Volve o mito

Escrito por Esteban, o venres 9 de Maio de 2008 as 13:44. Non hai comentarios

 

Pecha os ollos. E agora, imaxina un aventureiro. Seguro que a imaxe que che ven á mente, non ten nada que ver co aspecto de baldreu fracasado dun H. Bogart ou a pulcra e briosa louzanía dun Errol Flynn. Non, o teu aventureiro seguro que ten un sombreiro, a compañía dunha cazadora de aviador, e por último, a escolta dun sempre eficaz látego, así ata completar o aspecto tan recoñecible de Indiana Jones. Este nome e a aventura son sinónimos, unha unión íntima e inseparable.

 

Volve a gran aventura!, dicían os carteis da primeira película deste heroe. E non mentían. Era certo, a gran aventura estaba en cada un dos fotogramas deste personaxe sempre metido en situacións inverosímiles, pero emocionantes, cun sentido do humor que o achegaba aínda máis aos nosos desexos, porque, quén non desexou ser Indy?

 

O certo é que hai un antes e un despois de Indiana Jones. É unha desas películas que non só ten unha inmensa lexión de fans, senón que tamén proxecta unha sombra alongada sobre todo o cine posterior que se realizou seguindo a estela deste profesor casado coa aventura. É normal que isto fose así, a saga de Indiana recolle a mellor tradición de todo o cine anterior e os seriais cinematográficos, mesturando xéneros sen pudor e cun ritmo endemoñado que fai da súa visión, un dos mellores momentos que un pode pasar na sala dun cine.

 

O que me acontece con este tipo de películas é que á vez que as gozo, tamén as sufro. Acudo impaciente á estrea, pero despois de vela quédame a tristura de ter que esperar pola seguinte. Despois de Indiana Jones e a última cruzada a espera fíxose longa. Unha chea de rumores falaban do que os fans desexabamos: que volvera Indy. Pero nada se concretaba, pasaban os anos sen que se atopara o momento preciso para volver a poñer en pe un dos maiores iconos do século XX.

 

Pero o desexado chegou. O pasado xuño anunciouse por fin o inicio da rodaxe, e pouco a pouco, cheo todo dun secretismo que ía caendo a contagotas sen desvelar moitos misterios, todos os fans non temos outra cita que o vindeiro xoves 22 de maio para achegarnos a gran aventura.  

 

Aquí vos deixo un pequeno aperitivo: o tráiler de Indiana Jones e o Reíño da Caveira  de Cristal.

 

Aquí tedes tamén a páxina oficial da película, que vos animo a visitar; e para ir quentando motores e intercambiar todo tipo de opinións, aquí tedes a páxina oficial da comunidade fan española.

 

E tranquilos, só quedan 12 días para ser Indiana Jones.

 

Cine sen recursos

Escrito por Esteban, o luns 5 de Maio de 2008 as 12:24. 2 comentarios

 

Non é a primeira vez que falamos do labor que está a realizar o Club Internacional de Prensa. Agora, dentro do excelente ciclo de conferencias que está a organizar, Os encontros do club, chega Sergio Benvenuto, director do Festival Internacional de Cine Pobre de Gibara, en Cuba. 

Este festival, que xa vai pola súa sexta edición, acolle a ese proxectos que se producen sen apenas recursos económicos; pero esa falla, non implica un cine carente de calidade artística, de imaxinación. Sóavos a proposta? Achégase moito ao que é Curtas na Rede; de feito, esta realidade é a moeda común, que non desexada, no mundo da curtametraxe. Así que este formato será unha das pezas sobre a que versará esta conferencia. Compre que visitedes a súa páxina web, alí atoparedes un manifesto que de ben seguro asinaríamos todos e todas polos seus argumentos, así tamén como o catálogo da última edición, no que ben poderían estar moitos dos traballos que presentastes para Curtas na Rede; por si esa é a vosa intención, aquí tedes o correo electrónico ao que podedes escribir para recibir información: festivalcinepobre@icaic.cu  

O acto terá lugar o vindeiro xoves 8, ás 20.00 h, na sede do Club Internacional de Prensa (Avda. da Coruña, 6 – baixo. Santiago de Compostela). Aínda que é un acto aberto ao sector audiovisual galego, diríxese sobre todo aos mozos e mozas que estades a empezar nesta arte e atopades na curtametraxe o voso laboratorio de experimentación. En resumo: hai moitas razóns para non perderse esta cita.  

Vémonos.