
Hoxe respondía a un correo dun participante de Curtas na Rede no que me falaba da crise creativa que está a pasar. As miñas palabras eran as que un atopa cando quere infundir ánimo; despois, por casualidades da vida (si é que estas existen) chegou á miña conta unha información que ía referida precisamente a este asunto: o ximnasio de ideas luminosas.
Este non é máis que un obradoiro de Creatividade de Valentín Fernández – Tubau, que durante 15 semanas, nun horario libre pero monitorizado, servirá ás persoas que se matriculen para poñer en forma, semana tras semana, a súa creatividade e xerar ideas e solucionar problemas de guión. Este obradoiro garante:
ü Xerar múltiples ideas para historias de ficción con 14 fontes de ideas.
ü Exercitar as 5 actividades clave para poñer á mente creativa en forma.
ü Practicar as 4 ferramentas para desactivar o xuízo crítico durante o traballo creativo.
ü Aplicar técnicas creativas individuais e de grupo.
ü Traballar o pensamento creativo e o pensamento analítico en sinerxía (en lugar de enfrontarse un con outro).
ü Pasado o período de supervisión, os/as participantes poderán seguir practicando libremente no ximnasio durante todo o ano 2009 a través dunha rede de blogs, foros privados e páxinas web que tendes á vosa disposición.
Polo que vedes esa parálise que un sinte pola falla de ideas non ten porque ser unha parada obrigada se nos mantemos en forma coas técnicas creativas e o espírito de cooperación que preside este obradoiro. Se estades interesados/as o prazo de inscrición remata o luns 1 de xuño.
Outra razón que facilita participación é que é un obradoiro en liña, no que cada semana se vai subir material para traballar, celebrándose unha conferencia en liña e dando os exercicios a realizar. Estas clases podes seguilas en directo, e no caso de que o horario non sexa moi doado de encadrar dentro da túa axenda, todo este material quedará colgado na páxina web; ademais, haberá outro material a vosa disposición para completar toda esta documentación.
O prezo non é disparatado: 220 €; pero teñen unha tarifa especial para a que deberás facer os seguintes pasos:
- Inscribirte e escoitar a clase en liña que hai na web
- Ou se eres exalumno/a dalgún curso de abcguionistas
Tanto nun caso coma noutro o prezo queda en 150 €. Para máis información ou inscribirte, pica neste enlace.

Pese a ser do país veciño, non é un director moi coñecido, de feito o ciclo que a partir de hoxe ofrece o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) dannos a oportunidade de afondar na súa obra máis alá da súa película máis célebre: La mamn et la putain, de Jean Eustache (1938 – 1981).
O ciclo comeza hoxe e ata o 18 de xuño temos a posibilidade de ver a breve produción deste artista herdeiro da nova ola francesa. E comeza coa súa obra máis coñecida. Eu a vin hai un montón de anos e estiven perseguindo por aí esta obra sen atopala, pese ao éxito que conseguiu e o bo sabor de boca que deixa tras vela, e sobre todo oíla (é unha película que lembro con moito diálogo). Estes son os títulos do ciclo:
- Xoves 28 de maio (20.30): La maman et la putain (1973).
- Luns 1 de xuño (20.30): Ao costado de Robinson (mediometraxe, 1963), e Papá ten ollos azuis (mediometraxe, 1966)
- Xoves 4 de xuño (20.30): O porco (mediometraxe, 1970), e Unha historia sucia (mediometraxe, 1977)
- Luns 8 de xuño (20.30): Número Zero (1971)
- Martes 9 de xuño (20.30): Mes petites amoureuse (1974)
- Luns 15 de xuño (20.30): A virxe de Pessac (mediometraxe, 1968), e A virxe de Pessac’79 (mediometraxe, 1979).
- Mércores 17 de xuño (20.30): Postface: Le dernier des hommes (curtametraxe, 1969), e Postface: Le petite marchand d’allumettes (curtametraxe, 1969).
- Xoves 18 de xuño (20.30): Le jardin des délicies de Jérôme Bosch (mediometraxe, 1979), e Ofre d’emploi (curtametraxe, 1980), de Les photos d’Alix (curtametraxe, 1980)
Pois xa sabedes onde tedes unha cita co bo cine. Déixovos o único que atopei de Jean Eustache na rede:

Xa sabedes que dende a pasada edición, os vosos traballos poden presentarse a calquera concurso que estea tendo lugar. Pois ben, dende o 17 de maio ata este domingo 24 está tendo lugar a V edición do DIBA. Digital Barcelona Film Festival. A diferenza do noso Curtas é a urxencia da proposta. Tras realizar a inscrición, 3 días antes de que comece o festival, a organización do concurso comunica a tódolos/as participantes a palabra clave, que nesta edición é cambio. Unha vez comunicada a palabra os/as participantes teñen tres días para realizar unha curtametraxe, dende a rodaxe ata a edición final, que non supere os 3’ de duración.
A razón de que vos traia esta nova aquí é que un dos participantes de Curtas na Rede presentou o seu traballo a este festival. Trátase de Toño Chouza que presenta a curtametraxe titulada Ausencia de cambio.
Se picades no enlace ides directamente a obra e podedes votala para apoiar un traballo que pague a pena velo.

O novo portal desta edición inclúe algunhas novidades que vos comentamos: dispón de dúas sección novas: TiCnR e story e dun banner que axudará a organización a mantervos informados de todos eses pequenos detalles que ocorren na nosa comunidade de CnR.
Ti curtas na rede, é o noso lema deste ano, e pensamos engadir esta nova sección para que sexades vos os que fagades desta iniciativa ese traxe a medida que imos conformado con vosas achegas. Así pretendemos que nos axudedes a promocionar CnR (Ti podes promocionar curtas), a través dos banner ou botóns que están a vosa disposición nesta sección. Tamén queremos que participedes deixándonos suxestións ou a través das diferentes enquisas que iremos preparando (Ti podes mellorar curtas).
Story é unha canle de actividade de todo o acontecido en CnR. É unha liña de tempo que reflicta todas as accións realizadas pola comunidade.
Esperamos que a nosa imaxe e as novidades estean á altura da vosa creatividade...e que vos gusten.

Aínda que xa non quedan entradas para o FIB, Benicássim ten máis citas que archicoñecido festival. Polo que vos pode interesar a todas as persoas que estades a participar nesta edición, achégovos un pequeno curso que combina a formación coa praia.
Este curso, de sete días de duración, achega a todas as persoas que tedes boas ideas o talento para plasmalas nun guión. O habitual é que este tipo de cursos non estea ao alcance de calquera, pero nesta ocasión o prezo non é prohibitivo: 390 € (aloxamento incluído); e 350 se sodes usuarios/as de Abcguionistas.
O programa é moi sinxelo e procura unha aplicación práctica de todo o aprendido. Unha vez rematado o curso recibiredes, aparte do diploma avalado por Abcguionistas, un dossier completo do curso de máis de 250 páx. sobre teoría e práctica do guión e o e-book Aprendendo a escrtibir un guión. 12 guións de curtametraxe.
O programa inclúe os seguintes módulos:
- Introdución: Primeiros conceptos, plano, escena e secuencia. A estrutura.
- Procurando a idea: Cómo nacen as ideas? Técnicas creativas para espertar as musas durmidas.
- Fases da escritura: Cómo converto a miña idea nun guión? Estudo do proceso de cada unha das fases.
- Recursos narrativos: A presentación: Recursos narrativos e errores máis frecuentes. O acto primeiro.
- O conflito: O acto segundo. Os obstáculos. Cara ónde vai a historia? Problemas de desenvolvemento.
- O desenlace: O acto terceiro. O clímax. A reescritura. As adaptacións. Qué facer co guión rematado?
O número de prazas é limitado. Para máis información podedes chamar ao seguinte teléfono:
- 637 – 21 59 54 (Ramón Aguyé).
Pois nada, para os que queirades pasar un verán de guión xa sabedes por ónde pasa o voso destino.

Máis certeiro que Nostradamus, Warhol presaxiou que tódalas persoas teriamos os nosos 15 minutos de fama. Teño a impresión que nos últimos anos o autentico becerro de ouro non foron tanto os cartos, que sempre reinaron dende que están con nós, senón esta atención efémera que te sitúa no vórtice do furacán.
Ata que non saes na televisión non te decatas de todo o alcance que ten esa palabra abstracta que nos designa: audiencia. Cando accidentalmente es entrevistado polas rúas, sempre pensas, non sei se para tranquilizarte, que ese programa que che está pedindo a túa opinión non ten moita audiencia. Con ese antídoto, respondes mesurado ao xornalista sobre calquera cuestión que che pregunte, entendas dela ou non. Non moito tempo despois comezas a recibir chamadas de amigos/as que te viron na televisión; e tamén, como non, caes na tentación de chamar, antes de que emitan a reportaxe, á familia para que vexan que tes algo que dicir.
Cústanos quedar calados. Non importa o que nos pregunten, a nosa opinión non se vai quedar na gorxa descansando aínda que o que respondamos non teña senso algún ou vaia polos cerros de Úbeda; pero claro, se quedamos calados non saímos na televisión! Ata tal punto esta tentación é irresistible que lembro unha desas bromas de cámara oculta que só podo cualificar de maxistral. Era unha broma moi enxeñosa: A reporteira facía unha pregunta absurda; pero o peor non era iso, senón que para respondela o que entregaba a persoa entrevistada era... ¡¡un coador!!, un deses metálicos para os que somos místicos coa nata do leite. Pois ben, ninguén se decataba que o que estaba sostendo entre a mans; e, por suposto, ninguén quedou calado ou admitiu que ben non sabía nada do que lle preguntaban ou a pregunta era tan absurda coma un comentarista deportivo retransmitindo o Vía Crucis. Imaxino que cando un se pon excepcionalmente diante dunha cámara debe sentir algo así coma unha aproximación a gloria, a ese salón da fama cada vez máis abarrotado por todo ese exército do famoseo que non coñece límites á hora de seguir no candelabro.
Un candelabro un pouco máis dignificado é o que vos achego hoxe. Unha orixinal iniciativa do servizo Público de Emprego do Principado de Asturias ofrécevos a posibilidade de saír na tele. Para isto poñen en marcha o I Concurso de Monólogos LA VIDA NO CADUCA.
Cal é o obxectivo desta singular acción? Pois nada máis e nada menos que lanzar unha mensaxe optimista para estes tempos que estamos vivindo. Unha mensaxe especialmente dirixida aos máis mozos, recordándolles que sempre hai oportunidades de traballo para quen saben cualificarse, e animándoos a manterse informados dos cambios do mercado laboral e a formarse permanentemente.
O tema do monólogo ten que estar relacionado co tema da campaña: A vida non caduca. Está aberto á participación de calquera persoa, tan só tes que gravar o teu monólogo co móbil, vídeo, cámara, etc., e seguir as instrucións especificadas nas bases do concurso para realizar a descarga. O premio ao monólogo máis orixinal será a emisión do monólogo en televisión, en formato spot de 30’’. Existe, ademáis, un premio especial de 600 € ao monólogo máis visitado. O prazo para participar remata o 31 de outubro deste ano, e o fallo do xurado darase a coñecer a través da web do concurso no mes de novembro.
Na páxina web, e para que vexades por ónde van os tiros, podedes atopar os monólogos realizados por Pepón Fuentes e a actriz Lucía Álvarez.

As series on line xa non son unha novidade na rede. A diferenza das que se realizan para televisión, estes formatos atopan na brevidade o bo da súa proposta. Pero non se quedan só nese rápido consumo, senón que tamén procuran desenvolver un diálogo con ese público que os segue dende a pantalla do ordenador.
Xeralmente, a maior parte das series optan polo xénero da comedia para enganchar ao seu público potencial. E aquí está a primeira característica que fai de Pigmalión unha proposta totalmente diferente, pois é o thriller o vehículo escollido para lograr a fidelidade que todos os creadores buscan.
Pigmalión está narrada en tempo real e conta a historia dun xogo que, como non podía ser doutro xeito no xénero que estamos, contén as doses suficientes de violencia e sangue como para contentar aos amantes deste estilo. No thriller nada é o que parece e todo está máis enredado cunha madeixa de fío. A trama xira en torno a un xogo no que cada participante leva un reloxo entregado por unha misteriosa organización. Este inocente instrumento agocha dúas características: por unha banda, conta cun GPS; pero a diferenza do uso que lle damos a estes, a súa misión é terrorífica... Se os participantes se afastan de entre si máis de 15 metros, este dispositivo fai detonar un virus que non coñece a compaixón. O xogo, que ten un premio de ¡¡50 millóns de euros!!, o gaña o último que permaneza con vida, e, loxicamente, para alcanzar isto ten primeiro que matar aos demais participantes. Para máis inri, co fin de aumentar a emoción, cada capítulo conta coa imaxe dun reloxo que marca constantemente a hora, e un contador que vai descendendo con cada morte...
A serie estreouse o 15 de abril. Esta grabada en HD e participan máis de 20 actores e tres directores. Xa levan dous capítulos estreados e o próximo 15 de maio estrean o terceiro capítulo.
Déixovos o trailer e os dous primeiros capítulos:

Entereime agora mesmo. Teño unha tristura da que, de momento, non dou saído. Penso que sen el, todas as persoas que amamos a súa música e foi a banda sonora de moitas das nosas aventuras, quedamos tristes e solitarios.
Queda a súa música. Esta é unha das miñas preferidas.
E non pode faltar La chica de ayer
E outra das miñas preferidas: Lucha de gigantes:
E outra xoia máis: El sitio de mi recreo
¡Descansa, Antonio! E MOITAS GRAZAS POLA TÚA MÚSICA. Unha aperta.

Lembreime dun documetnal que me gustou moito cando o vin. É da directora francesa, Agnès Varda, Os espigadores e a espigadora. Curiosamente o podemos ver completo en Youtube, e prométovos que a súa visión non vos deixará indiferentes.
Internet está cheo de pequenas pezas de animación, todas elas moi ben curradas e feitas, en moitas ocasións, por persoas afeccionadas. Esta animación que vos presento dá unha volta máis á rosca, cunha proposta moi orixinal. Usando a técnica do stop motion (animación cadro por cadro), pero saíndo das dúas correntes maioritarias: animación en plastilina e de obxectos ríxidos, o xove artista xapones, Takeuchi Taijin, presenta unha curtametraxe moi orixinal a base de fotografías e desenvolvendo toda a historia no seu reducido apartamento, logrando deste espazo unha significación que se mestura coa historia que conta. O resultado: sorprendente e moi orixinal. Como me impresionou tanto busquei se tiña páxina web. E a ten (en xaponés, claro), e non está mal perderse nela pois podes ver outros traballos gráficos que realizou.