Arquivos » Xuño 2008

Comeza xullo...

Escrito por Esteban, o luns 30 de Xuño de 2008 as 12:23. 2 comentarios

 

Chegou o momento máis esperado do ano, polo menos para min: as vacacións. A verdade é que xa as estaba desexando. Atópome canso, coa cabeza un pouco embarullada, e necesito esa dose de paz, relax e diversión que un atopa neses momentos. Ademais, imos exercer un pouco de agricultores, xa que alugamos unha casa de pedra e o contacto coa natureza vai ser estremo. O que imos gozar!

 

Pero o blog vai continuar. E vos deixo en boa compaña, a mellor que haxa: Esther. Si, a nosa Esther volve e con ela, a pata que lle faltaba a este concurso durante estes meses (cánto che votei en falla!) xa está de novo aquí para enriquecer coas as súas achegas esta pequena aventura.

 

Pois nada, só me queda desexarvos unhas boas vacacións para aqueles/as que tamén compartades a miña fortuna, e, sobre todo, moito ánimo cos proxectos que estades a realizar.

 

Vémonos en agosto!

 

Axudas á produción de curtametraxes.

Escrito por Esteban, o luns 30 de Xuño de 2008 as 12:05. Non hai comentarios

Xa saíu, no DOG do 27 de xuño a orde que establece a concesión de subvencións para a produción de curtametraxes en versión orixinal galega, así como vídeo clips, contidos interactivos e proxectos de creación net-art. Do moito que esta orde ten, ímonos centrar nas curtametraxes de produción dixital, que é formato máis achegado aos vosos intereses. Nesta modalidade o máximo da axuda concedida por proxecto é de 6.000 €.

 

Os requisitos desta modalidade son: Temática e modo de produción serán libres, e dicir: poden ser de ficción, animación ou vídeo clips; as curtametraxes producidas/dirixidas e/ou guionizadas por mulleres, subvencionaranse un mínimo de cato proxectos producidos/dirixidos e/ou guionizados por mulleres; o mesmo para aqueles proxectos presentados por mozos/as menores de 21 anos.

 

Hai tamén outra modalidade (D) dirixida a curtametraxes de produción en soporte dixital innovadoras ou experimentais, de decidido contido artístico e cultural. A axuda máxima por proxecto ascende a 10.000€, e como no caso anterior poden presentarse tanto produtoras como creadores/as individuais. Os proxectos terán que ter as seguintes características: que propoñan a ruptura dos códigos narrativos convencionais, e dicir, que vaian alén do tratamento formal das imaxes, dos virtuosismos da montaxe, dun uso de son innovador, dunha mestizaxe de xéneros ou da alteración máis ou menos radical da linearidade narrativa; que aposten polo proceso de rodaxe-gravación como método para atopar unha historia, para captar unha experiencia reveladora que tería sido imposible prever literariamente ou preparar dramaticamente, ou para crear un universo propio de comunicable; que supoñan unha indagación subxectiva radical ou unha exploración de universos temáticos polos cales non se aventuran decote as obras audiovisuais.

 

Para optar a estas axudas tedes un prazo de un mes contado a partir de día seguinte da súa publicación no DOG.

 

Pois nada, se queredes darlle un pouco de produción ás curtas que estades preparando para o noso concurso, esta é a axuda que estabades esperando.

 

 

 

Vaia se puidemos.

Escrito por Esteban, o luns 30 de Xuño de 2008 as 10:45. 1 comentario

Sobran as palabras. Que dicir se aínda seguimos gozando?

Coa cámara do móbil.

Escrito por Esteban, o venres 27 de Xuño de 2008 as 12:43. Non hai comentarios

Tráiovos hoxe 5 pezas realizadas por directores/as de prestixio tendo tan só dúas cousas en común: todas achéganse ao medio ambiente e todas están realizadas coa cámara do teléfono móbil. Todas estas pezas foron realizadas para unha iniciativa da revista Fotogramas e Nokia, que o pasado ano realizaron un concurso para que a xente enviara video-denuncias sobre as agresións que está padecendo ese tesouro natural que herdamos e temos que legar: a natureza.

Abrimos o paseo, co guionista e director vasco, Borja Cobeaga, e a súa curtametraxe titulada: Niágara

 

Agora tócalle a Isabel Coixet que bota a súa ollada un pouco máis lonxe, en Silent Park, Canadá. O título: 10.000 árbores.

 

E agora, unha peza realmente emocionante, moi sinxela, pero con esa sensibilidade que Julio Medem sabe poñer nas súas obras: Nas ramas de Ana.

 

Do director de Azuloscurocasinegro, Daniel Sánchez Arévalo, ven a seguinte peza: O amor existe porque se esgota o tempo

E por último, Nacho Vigalongo, que hoxe estrea largo, pero antes quere Cambiar o mundo...

 

 

Isto me leva a falar das micromovies. A verdade é que pese a ser o formato máis libre e sinxelo de realizar non temos moitas obras presentadas, e iso que nesta edición, aparte do premio do público, haberá un premio do xurado que creo que garantira que a obra que sexa boa non pase desapercibida. Así que ánimo, levade o móbil na man para que polo menos a inspiración vos colla con todo posto.

Música gratis para as vosas curtas.

Escrito por Esteban, o xoves 26 de Xuño de 2008 as 10:14. 2 comentarios

Moitas das consultas que recibimos teñen como obxecto a música, e sobre todo os dereitos de autor. Que ocorre se utilizo tal canción? Viran os da SGAE con todo o seu poderío? O certo é que este concurso nin nace nin se dirixe á creación profesional. Non son proxectos industriais os que promovemos e alentamos, senón esa LIBERDADE CREATIVA escrita en maiúsculas que atopamos cando levantamos unha obra feita con moita, moitísima imaxinación, e poucos, pouquísimos recursos. Dende esa óptica, ancha é Castela...; pero ben, o risco sempre está aí.

 

Claro que na rede podemos atopar solucións. Hoxe tráiovos dúas. A primeira é dun dos popes da música electrónica, o estadounidense Moby. Como sabedes, este neoiorquino é un home comprometido, e foi un dos azotes de G. Bush poñendo en pe unha páxina aberta ao público na que se podía expresar en curtas de 30’’ os efectos da súa política e así axudar a crear unha conciencia política entre a poboación norteamericana; tamén é un defensor da netralidade de rede. Pero a razón pola que está aquí e a súa iniciativa MOBYGRATIS. Nesta páxina, o artista ofrécenos obras súas para ser usadas en proxectos audiovisuais que non teñan unha vocación comercial. O acceso a esta páxina e por subscrición; e parece ser que para poder utilizar estas obras cómpre responder antes un cuestionario no que tes que explicar o teu proxecto: título, quén es ti, cál é a intención da obra, cómo será despois a carreira da túa curta, etc.

 

A segunda páxina que vos achego e MUSOPEN. Nesta atoparas unha nutrida selección de música clásica que está en dominio público. Estas obras poden buscarse por autor, artista, tipo, etc; tamén poden descargarse dende a páxina ou escoitalas por musopen radio. Non pensedes, que atoparedes as mellores gravacións que hai hoxe no mercado (esas non están: teñen dereitos de execución); pero si están todas as obras imprescindibles feitas por escolas de música ou orquestras de colexios pero cunha calidade que acaricia os oídos.  De feito, podes colaborar con esta páxina de dous xeitos: ben doando cartos, ou ben doando música. O obxectivo que procura esta páxina é ser a organización máis grande que dea acceso ás obras de dominio público.  Animádevos a visitar a páxina e ver qué podedes atopar para arroupar a vosa cápsula ou curta.

Inmersión.

Escrito por Esteban, o mércores 25 de Xuño de 2008 as 11:10. Non hai comentarios

Todas e todos o intuímos algunha vez. Collíamos a cámara, controlabamos o pulso ata esa meta inalcanzable que é mantelo firme, e disparabamos. Na seguinte tomabamos unha referencia, e volta a facer a fotografía, así ata que tiñamos unha panorámica completa do noso redor. O resultado sempre quedaba por debaixo do imaxinado. Cando as revelabamos, había que facer remendos para darlle continuidade a aquelas imaxes similares pero inconexas, ata facer unha especie de renacido frankenstein, na que as partes sumábanse a un todo máis ou menos coherente. Máis adiante, comezamos a flipar coas fotografías panorámicas que atopabamos en internet. Non había cidade ou lugar turístico que non tivera a súa, que non procurara mergullarnos nese todo que nos esperaba se nos decidíamos a visitalo. Pasada a novidade, aburríanos a perfección, faltáballe vida, faltáballe movemento.

 

Non hai moito, a sempre vangardista Google sorprendíanos cunha nova ferramenta: Google Street View. A encargada de gravar esas imaxes de 360º é a empresa IMMERSIVE Media. Para isto, usa un aparato que dispón de 11 cámaras de alta definición orientadas con distintos ángulos ata producir unha única imaxe esférica de 360º; tamén dispón de 5 micrófonos que gravan o son de modo esférico.

 

A verdade é que os vídeos son espectaculares, pudendo ti controlar, facendo clic sobre a imaxe e movendo o cursor, o ángulo que queres ver ata sentirte verdadeiramente mergullado na imaxe. Déixovos aquí un par de vídeos para que podades xogar. Magoa de non poder contar cunha tecnoloxía como esta para facer as vosas curtas! A saber ónde nos mergullariades.

 

Comezamos a viaxe, esta vez pola neve; tamén mergullándonos no mar

Muto. Unha animación diferente.

Escrito por Esteban, o martes 24 de Xuño de 2008 as 11:11. 3 comentarios

Xa sabedes o especial mimo e cariño que este ano, dende Curtas na Rede, queremos poñer ás curtametraxes de animación. A verdade é que a rede está chea dunha inxente cantidade de mostras do que se está a facer neste eido; moitas delas dende ese espírito afeccionado que amosa, sen intermediarios, a asombrosa creatividade que se atopa fóra da industria. Nos xa sabiamos isto. É a nosa aposta, pero aínda así quedamos fascinados con esta curtametraxe que vos presentamos, e que é o mellor exemplo.

 

É unha obra asombrosa, cunha animación que literalmente toma as rúas e fai o seu discurso dende ela, cunha estética e plasticidade moi conseguida. De feito, cada frama é unha pequena obra con vida efémera que renace no seguinte graffiti, nesa stop motion feita por Blu (visitade a súa páxina, moi ben feita e que mantén o espírito deste traballo), a cabalo entre Suiza e Bos Aires. Onte falábavos dese obxectivo de situar ás curtametraxes como formatos con entidade propio, do mesmo que na literatura un conto non é menor cunha novela por ter menos follas.

 

Que mellor proba de todo isto que Muto!

 

Pero aínda hai máis mostras do seu traballo:

Coordinadora del Cortometraje Español.

Escrito por Esteban, o luns 23 de Xuño de 2008 as 11:50. Non hai comentarios

Supoño que lembrades a pasada cerimonia dos Goya. Meses antes, a Academia das Artes e Ciencias Cinematográficas de España tomara a decisión de eliminar dese acto as categorías dedicadas ás curtametraxes, entregándoos días antes durante o acto de lectura do resto de designados/as nas demais categorías. ¿Razón? Acurtar a cerimonia e facer dela un espectáculo televisivo máis dixerible. Ante este ninguneo, o mundo da curtametraxe espertouse e tomando a rede como o seu espazo de loita, deciden publicar unha web: www.indignados.org  

 

En menos dunha semana reúnense catro mil sinaturas que logran chamar a atención dos medios de comunicación. O consenso tarda en chegar, e non é ata dúas semanas antes, cando os designados decidiron non asistir á cerimonia, que a Academia muda a súa postura e volven as curtas aos Goya. Os indignados recuperan a súa honra, pero non esquecen que o menor dos problemas que ten o mundo da curtametraxe é a Gala dos Goya, así que ese espírito combativo cristalízase nunha serie de xuntanzas que dan paso á ferramenta axeitada para encarrilar a problemática do sector, unha asociación sen ánimo de lucro: a Coordinadora del Cortometraje Español

 

Co xusto obxectivo de defender, promover e representar á curtametraxe española, esta asociación constitúese como interlocutora deste tecido creativo e industrial para situar á curtametraxe no lugar que se merece.  A idea é que non se siga vendo este formato coma unha estación de paso obrigatoria nese camiño cara ao largo. A curta é un formato válido en si mesmo, con toda a identidade e valor que poda ter unha longametraxe. Nembargante, o trato recibido deixa moito que desexar, de aí que esta asociación non so teña como obxectivo a defensa da curtametraxe, senón tamén o apoio aos socios e sociais que atoparán para que podan desenvolver os seus proxectos: un intercambio de experiencia entre os propios asociados/as e as diferentes asociacións relacionadas co mundo das curtametraxes; a construción dunha web que sexa referencia para o sector da curtametraxe; e a creación de asesorías técnicas e xurídicas.  De momento, podes descargar a súa presentación na páxina web; tamén podes manifestar o teu apoio cubrindo un formulario.

 

O mellor é dar unha volta por esta páxina que é, como autores e autoras de curtametraxes, tamén vosa.   

Hostelería de cerca.

Escrito por Esteban, o martes 17 de Xuño de 2008 as 13:22. Non hai comentarios

Agora que os fogóns están que arden, con eses cociñeiros estrelas de Michelin facendo todo o posible para saír na páxina de sucesos ou nas necrolóxicas, está ben atoparse cun cociñeiro que sabe de cociña o que sabemos ti e máis eu, ou sexa: outorgarlle, aínda que non sempre, a calidade de comestible aos alimentos. 

 

Dende hai uns cantos programas, ese sopro de aire fresco, intelixente e demoledor que é El Intermedio, achéganos unhas pequenas delicias recollidas da televisión local, Costa de la Luz,  de Rota (Cádiz), onde emiten un programa máis preto do surrealismo que da gastronomía e que responde ao nome de Hostelería de Cerca (o que avisa, non é traidor).  Esta carga dinamiteira racha coa habitual gramática deste tipo de programas, e xusto aí radica o seu innegable valor. Os seus fogóns saben máis de fritadas, que de deconstrucións e espumas; o empratamento... que dicir? Só que é indescritible e alcanza, non esa soberbia estética que ataca a todos os cociñeiros ata quitarche o ánimo de ter que comer e así destruír esa pequena obra de arte, senón o absurdo máis elevado (momento impagable: a decoración cun figo e perexil... Antolóxico!!!). Para José Luis Santamaría (este é o nome do profeta da nova cociña), a cociña non é unha ciencia. El non sabe de químicas nin de tecnoloxías, e máis aló do batedor é terreo ignoto. Tampouco é acólito deses cociñeiros que fan todo sen manchar nada nunha orde escrupulosa que non sabe de improvisacións. A súa cociña é anarquía, pura anarquía, e o que non pode acontecer nun programa coma este, en Hostelería de cerca ten tódolos boletos para que ocorra do xeito máis destornillante.

 

Cunha produción inexistente, este revolucionario cociñeiro fai o seu programa non dende un estudo inmaculado e ben iluminado, senón dende o alpendre do seu fogar que por azares do destino,  que cando sae cabrón sae cabrón, está preto da Base Militar de Rota. Esta base é a encargada de poñer a banda sonora a esta enciclopedia culinaria cun trasfego de avións que, ora si ora tamén, fai competencia a este leriante cociñeiro.  A diferenza doutros, José Luis Santamaría sabe do noso padecer. El é consciente de que son poucos os que van ao mercado para aprovisionarse do necesario para facer, por poñer un exemplo, un bacallau fritido con chalotas confeitadas. Nós, con ese bacallau, sáenos algo así como: bacallau co que haxa. El tamén é desta corrente. As súas receitas están todas preñadas de desacougos. Pode que o seu propósito sexa facer ese bacallau confeitado; claro que como se dicía: do dito ao feito, vai un treito, e traducido isto a cociña que practica este vertixinoso cociñeiro quere dicir que o resultado final nada ten que ver co que se presupoñía nun principio. El non é un cociñeiro, é un ARTISTA. Un artista que non para de inspirarse ata que te chegas a facer a pregunta qué substancias tomará para sacar adiante, e con nota!, un programa tan delirante, porque a explicación que só son os vapores da cociña, non abonda. Isto ten que ter truco!

 

Como mostra desta nova cociña que conquistará os padais máis exquisitos, aí tedes unha pequena mostra do que este bo home fai. Despois de que o vexades, seguro que non vos queda outra que gritar: Viva José Luis Santamaría!!  Arriba a cociña!!

 

New York Fim Academy.

Escrito por Esteban, o luns 16 de Xuño de 2008 as 13:28. Non hai comentarios

 

A NYFA non só é unha escola de cine e actuación, senón que é unha academia internacional con programas ao redor do mundo. Ata agora, só unhas poucas cidades podían presumir desta selecta formación, á que agora súmase Madrid tralo acordo alcanzado entre esta academia e a produtora Mundo Ficción.  A presentación realizarase mañá na sede da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España e os cursos comezarán en setembro.

 

Comezan a súa andaina con dous cursos de un ano: Dirección de cine e Actuación para o cine. Os seus programas, sen deixar a teoría, son eminentemente prácticos.   O alumnado percorre ao longo do curso tódolos procesos que se dan na rodaxe, cunha atención moi personalizada, e inmerso nesa paixón polo cine que teñen as persoas que se achegan a estes programas.

 

Os programas son moi completos e teñen unha duración dun ano. O referido á dirección de cine ten como contidos os seguintes: dirección, guionismo I, cámara e iluminación (cinematografía), obradoiros de produción, edición, edición e deseño de audio, orzamento e programación, vídeo dixital, dirección de actores (introdución), guionismo II, e realización de documental. No programa referido a actuación para cine, os contidos a desenvolver ao longo do ano son: introdución á actuación, redución do acento, actuación para o cine, obradoiro para o cine, estudo de escena, técnicas de cine, actuación para televisión, técnica Meisner, técnicas de audición (casting), improvisación, edición, monólogos, Shakespeare, movemento, e voz.

 

Se queredes máis información, podedes escribir ao seguinte enderezo: film@nyfa.com