
Non temades, este último día non se refire a prazo algún. É o meu último día antes das vacacións, unha desas xornadas nas que pese os desexos de que o tempo pase rápido, o reloxo vai ao seu ritmo sen sucumbir aos meus afáns. E o que me pasa con estes inventos do demo, van a súa bola aínda que non sexan ben recibidos. Teño un espertador que está comigo dende hai anos. Sufriu catro mudanzas, non sei cantas caídas, pero aí segue sen inmutarse, sen ter problema de conciencia algún por secuestrarme tan cedo dos meus soños. Ferido pero aínda vivo. Aínda o teño porque a vinganza é un prato frío. Así cando menos o espere (por exemplo: o último día antes da xubilación) e comece a sonar como tódalas mañás, ese día non o apagarei coa man, senón con un martelo comprado a propósito. Será unha morte repentina, sen moito sufrimento para a vítima e con moito pracer para o verdugo. Sei que é unha espera ridícula, incluso algo longa; pero o tempo é o único que pasa aínda que non pase nada.
Non sucede o mesmo coas vacacións. Miras o calendario e aí tes 31 días que che esperan. Parecen moitos, incluso asemellan a un cheque en branco; só a final decátaste de que o bo pasa rápido, e ese mes de xullo deixa a túa vida coma un prolongado suspiro. Pero ben, aínda quedan moitos e moitos días por diante. Non só para min; tamén para vos. Pero dende a parte que me toca, desexarvos un bo verán e moito ánimo cos vosos proxectos.

As viaxes son unha quimera mentres non despegan. Esta xa despegou, pero para ter ese happy end co que rematan a maioría das películas, tes que axudalo a aterrar. Non temas. Non cómpre para isto que sexas astronauta. Na terra todo é máis doado, pese ao que complicamos as cousas. El cosmonauta é unha longametraxe, ou mellor dito un proxecto de longametraxe que racha neste país con todo o feito ata este momento. Con semellante título, queda clara a súa adscrición ao xénero da ciencia ficción; pero esta unión vai máis alá, xa que toda a súa estratexia de produción é tan revolucionaria para os tempos que corren que, polo inaudita que é no noso país, podemos dicir que tamén practican certa ciencia ficción á hora do financiamento, ou polo menos unha fórmula que non é demasiado coñecida e que ten todo o seu senso por contemplar a existencia da rede, tanto para a súa produción como no concernente a súa distribución e estrea.
El Cosmonauta emprega a estratexia do crowd – funding. Que agocha semellante verba? Pois un xeito de procurar capital a través das achegas dos/as usuarios/as. Estas contribucións teñen incentivos, pois eses cartos transformasen en premios cuxo valor e interese aumenta coa cantidade que se decida doar; ou máis que doar: investir, investir a cambio de algo. Como vedes, é un sistema moi realista de producir a película: no caso de que non teña público, non se faría. E por canto te podes converter en produtor/a? Pois nestes tempos de crise, a contribución mínima é de 2€. A que tes dereito con estes cartos? Podemos dicir que á gloria, se por esta entendemos deixar unha pegada nosa máis alá da vida xa que investindo estes cartos o teu nome aparecerá nos títulos de crédito; tamén terás un número único para participar no sorteo do traxe de cosmonauta auténtico que utilizarán na rodaxe; e por último un welcome pack, que contén unha chapa do Programma Kolibri, dous adhesivos de deseño, e un certificado asinado e cuñado polo produtor. Pero se o teu entusiasmo vai un pouco máis alá tamén podes optar por converterte en inversor/a. Para conseguir este título o teu investimento ten que ser a partir dos 1.000 €. Isto xa che dá dereito a un contrato de sociedade de participación para así ter oportunidade de recibir a túa parte de beneficios que xere a película.
Cómpre aclarar que todo o proxecto é Creative Commons. Isto quere dicir que podes copiar, distribuír e remesturar todo o material que se realice para crear con este novas pezas; incluso gañar cartos coa nova peza que edites, tan só cómpre que cites a fonte e respectes a licenza orixinal.
Este proxecto de longametraxe ponse en pe grazas a Riot Cinema Collective. O bo non só e a fórmula empregada, senón o compromiso que Riot Cinema establece cos seus produtores/as e inversores/as. Para iso botan man á transparencia. Esta ten dúas vías: por unha banda, informativa, na que che contan cómo pensaron o proxecto, o xeito en que van facer as cousas, e dicir: qué e cómo queren que compres o que che van a ofrecer a cambio. Pero ao lado desta transparencia informativa, tamén está a económica. Nesta cóntanche cánto vai custar a película e o destino de cada euro que invistas.
A película a dirixirá Nicolás Alcalá e narra unha historia de ciencia ficción que fala sobre o recordo (incluso aqueles que non existen), e desenvólvese en 1975, cando Stan prepárase para ser o primeiro cosmonauta ruso na Lúa. Esta misión está dirixida por un amigo da súa infancia que está casado con Yulia, que mantén unha historia secreta con Stan. Dous días despois de despegar a nave perde toda comunicación. Durante sete meses o seu amigo Andrei o busca desesperadamente, pero sen resultado algún. Un día a nave volve á Terra pero sen rastro do cosmonauta. O misterio comeza cando nunha serie de retransmisións Stan fala dende un lugar descoñecido. Di haber volto á Terra, só que esta está baleira...
Como vedes, un proxecto moi innovador que presenta unha alternativa ao cine clásico, tomando internet como a maior sala de cine.
Se quererdes máis información, podedes visitar a súa páxina web. Pague a pena.
El Cosmonauta: Entrevista con Riot Cinema from notedetengas tv on Vimeo.

Onte quería durmir tranquilo. Para conseguilo estaba vendo unha reportaxe en Cuatro sobre as mil maneiras de buscarse a vida nestes tempos. Xa era moi tarde para min, pero aínda así seguía pegado á pantalla vendo unha fórmula tras outra. Por fin rematou, e nese instante que estás entre apagar ou non, cortaron repentinamente a un plano aéreo dunha mansión. Non había voz en off, pero vendo as imaxes sospeitabas que o que te ían contar non era unha desas novas que che alegran a noite. E así foi. A nova era unha sorpresa: Michael Jackson morreu. A esas horas, aínda que se apuntaba como seguro o seu falecemento, a correspondente de Los Ángeles dicía que había medios nos EE.UU. que non se atrevían a oficializar esta nova e seguían falando dun internamento do artista. E sobre ese pequeno couzón de esperanza e para consoarme mentres non chegaba o soño, imaxinei que agora que caía o pano sobre a vida desta persoa excepcional a función aínda non rematara. O espectáculo tiña que continuar. E continuaba. Sairía no momento máis inesperado, asomando primeiro esa man enguantada, para aparecer marcando un dos seus frenéticos bailes. Non diría nada máis (os zombies non falan). Non facía falla. Abonda con que cante e baile. Todo o demais, sobra.
Michael Jackson está comigo dende rapaz. Primeiro foi un debuxo animado, falando con esa voz portorriqueña coa que falaban todos os debuxos. El era a alma dos Jackson Five, un grupo adolescente con moitos quilates. Despuntaba xa con cinco anos. E un non pode ser normal (afortunadamente) se está debaixo dos focos dende esa tenra idade. E Michael non era normal. Era o rei do pop. Un rei abraiante, que abondaría con tres dos seus reinos para conquistar a gloria. Son tres discos que marcan unha época, que aínda hoxe os escoitas e non podes permanecer impasible. Porque a Michael podías odialo, podías amalo, pero que che resultase indiferente, iso era imposible. E eu, amábao. Amábao por Of the wall, por Thriller e por Bad. A partir de aí, o rei, sen ese toque que lle deu Q. Jones, non tiña tanto brillo. Seguía sendo o rei, pero máis que da súa música, das súas achegas, falábase desa personalidade estrafalaria con habitacións tan escuras como calabozos. Todo o que dicían de el, resultaba máis crible que o pouco que el contaba (nunca foi moi amigo das entrevistas). Neses anos tiña tan pouca credibilidade, que as novas canto máis estrañas máis veraces parecían. Era un rei condenado, que parecía esvaecerse en transformacións cada vez máis radicais, na que todo parecía un capricho da súa extravagancia. E así foron os seus últimos anos, convertido nun personaxe mediático coa mesma traxedia que o Rei Midas, todo o que tocaba convertíase en nova, nunha nova que o ía sepultando máis e máis: discos que non funcionaban, pelexas coa súa discográfica, matrimonios, escándalos e xuízos. Pero había novas esperanzadoras: volvía a dar concertos. Este verán, en Londres. Como nunha premonición, a xira titulábase Isto foi todo. E todo era moito: máis de 40 anos de carreira. Pero hoxe, a súa excepcional voz apagouse, e os seus pasos (seguramente lunares) o levaron á unha paz que nunca gozou, pois a gloria a tivo dende sempre.
Pero as historias tristes nunca chegan soas. Outra pena que sumar: Farrah Fawcett, ese anxo rubio protagonista de moitas das nosas fantasías, migrou para o ceo.
Que lle pasa á morte? Anda tola.
Antes de entrar no proceso de promoción das vosas curtas, dende a organización queremos promover este concurso amosando os traballos que resultaron gañadores durante estas tres edicións. Para iso, aproveitando a rede de telecentros do Centro Multimedia de Galicia invitaremos ao público a unha auténtica sesión de cine. Non faltará de nada: os agasallos desta edición de Curtas na Rede; e para poñer todo o ambiente que un atopa na sala de cine, ata invitaremos a flocos de millo. E sobre todo non faltarán os vosos traballos. A idea non é só dalos a coñecer, senón amosar o espírito deste concurso que está presente nas obras que facedes. O programa desenvolverase dende hoxe ata o 30 de xullo. As próximas citas son:
- Día 25 de xuño, 2 e 9 de xullo: Telecentro de Betanzos (Rúa Emilio Romay, 1), en horario de 16.00 a 21.00 h; Telecentro de Verín (Avda. de Portugal, 11), a partir das 21.15 h; Telecentro de Chantada (Rúa Riveira Sacra, 12), en horario de 20.00 a 22.00 h.
- Día 25, 26 e 29 de xuño: Telecentro de Abegondo (Rúa San Marcos, 1), en horario de 10.00 a 11.30 h.
Seguiremos informando...
De momento, aínda resisto a tentación de contar os días que faltan. Sei que máis adiante isto non será así; ademais, este ano comezarei cedo. Non só o digo polo tráiler que circula dende hai meses pola rede, que é un pequeno aperitivo desa cita ineludible do verán que é a última película dos estudos Pixar, a emocionante Up!, que ven precedida polas boas críticas que produzo a súa estrea no Festival de Cannes.
O bo desta cita é que nunca ven soa. Ao filme acompáñao, como é boa costume xa nesta casa, unha curtametraxe que como tamén nos teñen acostumados será unha pequena obra mestra. As curtas de Pixar son marabillosas. Boas ideas e a calidade de Pixar é un binomio que remata por enfeitizar, por quentar os motores para prepararnos para a película que imos ver. Pois ben, a curtametraxe que acompañará a próxima estrea de Pixar xa está pola rede. Son 5 minutos de pura delicia que fan máis grata a espera ata ese 31 de xullo onde faremos cola para pasar un dos ratos máis divertidos deste ano.
Lembrades esa poesía que recitabamos de rapaces? Non sei porqué, pero este vídeo, que xa leva máis de un millón de reproducións en YouTube!, lémbrame esa poesía. Tres minutos de pura diversión.

Se quixeramos facer unha crónica dos últimos 30 anos, seguramente habería moitas fontes documentais; pero unha que non podíamos ignorar sería esta emisora que naceu, como non podía ser doutro xeito, coas liberdades. E non podía nacer noutro tempo, pois todos os seus contidos ao longo destes anos amosaron non só a música de calidade que se estaba a facer fóra das multinacionais, senón que achegaron tamén temas comprometidos e o bulir cultural (sen eles a movida non existiría) do noso país.
Dende sempre, Radio 3 estivo ao carón dos principais festivais musicais españois. Este é o caso do FIB, do que é a emisora oficial. Pois ben, nesta edición fannos unha proposta que vos pode interesar. Para celebrar este 30 aniversario, invítante a gravar un anuncio sobre Radio 3. A temática é 30 anos de música e cultura. 30 anos de Radio 3. A liberdade, como non podía ser doutro xeito nunha emisora como esta, é total. Podes expresalo como queiras, a única limitación é que o anuncio que fagas non supere os 50 megas (en formato flv, mov, ou wmv). O prazo final para presentar os traballos remata o vindeiro venres 3 de xullo ás 23.59 h. Despois un xurado elixirá os vídeos que formarán parte do anuncio que emitirán as pantallas xigantes do Festival; ademais as persoas gañadoras recibirán un abono dobre, con estancia en hotel incluída, para os catro días do concerto. Para envialo tes que inscribirte na páxina web de RNE.
Anímate a participar!!

Seguro que coñecedes a lenda da ave Fénix. Esta historia podería aplicárselle senón fose porque aínda un animal tan estraño como este non faría nin a máis lixeira sombra a un ser como ela. Na música, sobrevivir a vinte anos de silencio, é unha proba desas hercúleas que só pasan aquelas persoas que están unxidas polas musas o polos deuses. Ela tivo unha chea de deuses ao seu carón, dende o mesmísimo Warhol, ata outros que sen tanta fama fixeron dela unha icona deses anos tolos que foron os oitenta. O seu reino era a noite, ou mellor dito: as pistas de baile de todo o mundo. Se es capaz de escoitar unha soa canción dela sen poñerte a bailar, belíscate, pode que esteas máis morto do que pensas. O seu físico e a súa imaxe saen dos patróns convencionais e fan dela unha rara avis moi singular, sobre a que non pasa o tempo pois todos os seus traballos teñen a virtude de que aínda que pasen os anos, soan totalmente contemporáneos. A súa historia di que comezou como modelo, pero un corpo tan potente como o seu e esa imaxe de estudada ambigüidade (incluso chegouse a rumorear que era transexual), non casou moi ben coa beleza descafeínada que imperaba nos EE.UU., así que fomos os europeos os primeiros en caer rendidos aos seus pes; uns pes que non deixabamos de mover durante a súa carreira. Pero a música disco pasou a mellor vida, e a raíña, sempre adiantada, sempre na vangarda, deu un xiro radical ao seu estilo cun pop tan alternativo que aínda agora sona experimental. E todo isto, escoltado por unha estética moi, moi coidada que amosaba ese carácter salvaxe e elegante que a caracteriza. Tamén fixo paradas no cine, sen atopar ese papel que fixera xustiza as súas potentes dotes. Só dous papeis destacan: o que realizou en Connan, o Bárbaro, pero sobre todo o que fixo na saga de James Bond, en Panorama para matar, na que encarnou a unha das malas máis implacables desta serie enfrontándose a un descafeinado Roger Moore.
Pero Grace Jones volve como se o tempo non tivera pasado e reinventándose a si mesma con máis forza que nunca. Hoxe estará en Sonar, presentando o novo traballo Hurricane do que vos deixo este vídeo tan alucinante. 60 anos gloriosos amosaran toda a súa sabedoría.

Non hai cinéfilo de pro que non poña a parir ao cine americano. Vai co cargo. Non só adoramos as nosas filias, tamén nos resulta bastante difícil non disparar os nosos dardos envelenados contra o xigante de Goliat. É unha tentación na que caemos gustosos. Calquera éxito de público é o sinal que esperabamos para poñer a altura do betume a esta industria que sacrificou a calidade pola comercialidade e os asoballantes efectos especiais que rematan por converter calquera película nun castelo de fogos artificiais. Claro que salvamos aos Popes! Quen ousaría arrastrar pola lama a un Scorsese ou a un Allen. Custa facer semellante herexía; pero isto non impide que nese pesimismo co que miramos o mundo actual, se contaxie tamén a unha industria que o único que procura é o noso entretemento. Hollywood xa non é o que era, dicimos nostálxicos. Pero os cinéfilos que así pensamos temos todos un aire apocalíptico. Non hai unha nota de humor, fóra da ridícula crenza que todo vai peor.
Este non é o caso que vos traio aquí. Máis que unha crítica (que a é, e feroz) é un brillante monólogo en torno á produción de películas. Onte fun a ver Terminator Salvation (máis que unha película, un videoxogo) e hoxe, vendo esta conferencia xa sei a razón da existencia deste tipo de películas. Espero que cando vos entredes (¡pola porta grande!, que outra non queremos para vos) na industria volvamos a recuperar o cine que contaba historias e as contaba con emoción.

Todo é cuestión de carácter, e a el sóbralle. Se o ves non sospeitarías nada. Quen pode sospeitar de alguén con esa pinta tan impoluta e uniformada de neno de primeira comuñón, que asemella ter unha vida ordenada e precisa na que os cambios, incluso de vestiario, están exiliados. Ademais, en aparencia, ten todo para ser feliz: unha noiva tola por el coa que nunca casará, pois sabe que o mellor amor é aquel que é un noivado eterno; un tío cheo de cartos e miserento; uns sobriños para darlles de xantar aparte; e unha chea de amigos/as cada un máis estraño que o anterior. Pero... hai pistas. Se te decatas, están aí. Está a súa voz tan augardentosa que custa saber qué carallo di, aínda que todos os seus colegas enténdeno á perfección e a ti non te faga falla entendelo para comprendelo totalmente; tamén os seus andares, sempre animosos, pero cun punto de desequilibrio... Pero algo falla.
A culpa non é del. É do mundo. El ten ánimos suficientes para dar por aí, se poña o que se poña enfronte. Pero claro, o mundo non está feito a imaxe e semellanza dos nosos desexos; e menos o seu. No seu, todo o que non quixeramos que acontecera, sucederá. É como si todo o que o rodeará non tivera outra terca misión que facerlle a vida imposible. Ata o máis simple agocha esta muda ameaza. Outro ser que non tivera o seu nervio pararíase a pensar; pero xa sabía el, na década dos anos 30 do século pasado (sempre foi moi vangardista), que o tempo sería un ben escaso, e pensar un dispendio que non está feito para o común dos mortais. A falta de pensamento, non está mal seguir o primeiro impulso; no seu caso, aínda moderado por ese bo ánimo que sempre o escolta. Pero claro: o que vai saír mal, sae por moito que preguemos, e lembrade que estamos nun territorio no que domina unha única lei: o mundo contra el.
Eu sempre sospeitei que algunha pulga agochaba entre as súas plumas, pois desa boa vontade coa que empeza todo pasaba en décimas de segundo a unha rabia canina que estalaba en pura desesperación. Pero de nada servía. O resultado non variaba: sempre remataba na parada do fracaso. Outros botaríanse cara atrás, apoiándose na xustificación de que as uvas aínda están verdes; pero el está feito doutra pasta, unha na que darse por vencido custa a felicidade. E claro que non se daba por vencido. É un ser con recursos, e todos os pon en acción. Nin as xustificacións éticas o frean; que hai que acudir á trampa, pois se acude que para iso está. Non importa que o resultado sexa o mesmo, non perde nin unha pluma en reflexionar. O tempo que se pensa e tempo no que non se fai. E a vida hai que facela, e facela segundo os teus desexos aínda que o mundo estea nese plan tan miserento. Máis que nada porque ao final sempre hai recompensa… aínda que só sexa recuperar forzas para o seguinte fracaso. É o que pasa por vivir ao borde dun ataque de nervios.
Pero o seu fracaso é o seu éxito. É o personaxe máis querido de Disney, e goza de tódolos honores que unha estrela como el pode recibir: recibiu un Óscar e ten a súa estrela no Paseo da Fama, unha honra reservada a eses seres que conquistaron o noso cariño para toda a eternidade. Non está nada mal despois de 75 anos traballando a antipatía!
Hoxe seguro que ten unha festa. Non sairá por aí de esmorga, pois xa son moitos os anos e as canas agóchanse mansas entre o seu plumaxe branco; pero haberá torta. Unha torta inmensa coroada por 75 velas. Estará rodeado por toda a súa cuadrilla. A secuencia continúa así: alguén lle pasa unha caixa de mistos, e o noso temperamental amigo disponse a acender toda esa batería de velas (ou cartuchos, pois aí están as miradas maliciosas dos seus sobriños), cando de repente...
¡¡FELICIDADES, DONALD!!