Arquivos » Xullo 2007

Un pouco de música e de festa

Escrito por Esther, o martes 31 de Xullo de 2007 as 13:11. 1 comentario

Supoño que a maioría estará de vacacións. Así que este post vai cargado de bo ritmo e moita festa...déixovos con Lamatumbá (A festa xa chegou)

O final está preto...así que seguide animando a compañeiros e amigos a participar neste concurso...e xa sabedes, ao final: só pode quedar un (por categoría)...ou non...

Curtas na Rede na TVG

Escrito por Esther, o luns 30 de Xullo de 2007 as 12:14. Non hai comentarios

O pasado sábado 28 de xullo, a TVG no programa A revista fin de semana emitiu unha reportaxe sobre o concurso Curtas na Rede.

O Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, falou dos obxectivos deste concurso e destacou as novas temáticas nas que se pode concursar, así como as novidades do concurso.

Na reportaxe saen fragmentos de varias curtas: En el armario O Crilo, El Humanoide, O bosque ferido e O traballo mata.

Sobramaterial encargouse de pasar o contido da reportaxe a Youtube. Moitas grazas, sobramaterial. De este xeito, dende a canle de Youtube de Curtas na Rede podedes ver tamén a reportaxe.

 

Tomas Falsas

Escrito por Esther, o venres 27 de Xullo de 2007 as 15:46. 2 comentarios

Alguén comentou incluír tomas falsas nas bitácoras e pareceume unha idea moi boa. Ata se poden engadir escenas que foron rodadas e que nunca verán a luz, porque na montaxe final decidiuse que sobraban.

Déixovos un exemplo cunha secuencia rodada de Kill Bill:

Unha curta galega gravada en HDV permite a súa descarga íntegra

Escrito por Esther, o xoves 26 de Xullo de 2007 as 11:25. 2 comentarios

Oficina Interior Día estréase na Rede como a auto-denomeada primeira curta galega gravada en HDV.

A obra escrita e dirixida por Manuel Tarrío Cao, e coa interpretación de Fran Godón, Fran Núnez e Nana, destaca por publicarse na web, tanto mediante un visor que permite vela de balde, como mediante descarga directa, de xeito que os interesados na peza poden achegala ó seu equipo informático cunha excelente calidade.

A trama mestura emoción, suspense, acción, erotismo, terror... pero o máis importante da súa publicación na Internet é que podería supor un elemento dinamizador do soporte, de xeito que anime a outros autores a liberar os seus contidos en vez de manter a tradicional explotación ríxida da súa obra.

Vía | Código Cero

Las alas de la vida

Escrito por Esther, o martes 24 de Xullo de 2007 as 14:51. Non hai comentarios

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) (Rúa Duran Loriga, 10 baixo) finaliza esta semana a temporada de programación coa proxección o xoves día 26 e o venres día 27 de xullo (20.30 horas) do emotivo documental “Las alas de la vida” de Antoni P. Canet. A  programación volve o día 14 de setembro. 


LAS ALAS DE LA VIDA

(España, 2006)
Dirección e produción: Antoni P. Canet. Guión: Carmen Font, Carmen Santos, Antoni P. Canet, Jorge Goldenberg, Xavi García-Raffi, Francesc Hernández e María Tomás, sobre unha idea de Carlos Cristos. Produción: Gorgos Films. Fotografía: Alejandro Pla.  Duración: 94 minutos.
Documental sobre o médico Carlos Cristos, que aos 47 anos padece unha enfermidade terminal. Carlos chama a un amigo, director de cine, para que filme a súa loita pola dignidade no vivir e no morrer e, sen dramatismo e “se é posible cun sorriso”, transitar xuntos polo complexo escenario creado entre os límites da vida e da morte.

Vía | CGAI

Catro curtametraxes galegas compiten nos festivais de Seúl, Londres e Madrid

Escrito por Esther, o xoves 19 de Xullo de 2007 as 11:52. Non hai comentarios

As curtametraxes "Longo sendeiro de pedra" e "O conxuro" de Pablo Millán e "Las dos vidas de Ernesto Pena" de Eduardo Armada seleccionáronse para competir nos próximos festivais de Seúl, Londres e Madrid.

Pablo Millán participará no EXIS Film-Video festival de Seúl que se celebrará o próximo mes de agosto cun "Longo sendeiro de pedra". Tamén Pablo Millán exhibirá no Portobello Magic Film Festival de Londres, ademais desta curta, "A meiga chuchona" e "O conxuro" de 2006, nos que participan outros dous galegos: Ana Lombao e Luis Iglesias.

Pola súa banda, Eduardo Armada competirá con "Las dos vidas de Ernesto Pena" no XVI Festival Plataforma Nuevos Realizadores de Madrid, que se celebrará do 11 ao 18 de setembro.

Moita sorte.

Curtocircuito na Rúa: as mellores curtas feitas en América Latina

Escrito por Esther, o xoves 19 de Xullo de 2007 as 10:53. Non hai comentarios

Hoxe 19 de xullo terá lugar a terceira xornada de proxeccións de Curtocircuíto na Rúa, na Praza de Abastos, cunha selección das máis novidosas curtametraxes procedentes de Latinoamérica.

Esta proxección estaba programada para a Praza de Praterías, pero tivo que ser cambiada pola Praza de Abastos debido á predicción meteorolóxica.

A partir das 22.30 horas poderase ver obras de ficción como TEMPORAL (Costa Rica, 2006) LA LECHE Y EL AGUA (Mexico, 2006), LA ESCALA BENZER (Arxentina, 2006), NAMIBIA, BRASIL (Brasil, 2006) 8 HORAS (Uruguay, 2006), MAXIMO (Mexico, 2006) e os documentais VENUS (Mexico, 2006) e ORQUESTA TÍPICA (Arxentina, 2005).

Vía | Gabinete de Prensa Curtocircuito

Isabel Blanco

Escrito por Esther, o martes 17 de Xullo de 2007 as 16:15. 4 comentarios

Estes días fixestes comentarios sobre Isabel Blanco e non quería ser menos...así que lle dedico este post. Como sabedes foi a encargada de ler o pregón das festas do Apóstolo 2007 o pasado día 13.
A protagonista de películas como "Un franco, catorce pesetas" ou "O lapis do carpinteiro", e de series tan exitosas da TVG como foi no seu momento "Mareas Vivas" ou "Rías Baixas", empezaba o pregón dun xeito moi orixinal e facendo alusión a súa traxectoria artística:

"Boas noites, Compostela! Benvidos picheleiros de cuna e adopción! En primeiro lugar quérovos saudar.
Saúdovos como a María de Portozás que tanto cariño recibiu de tódolos seguidores de Mareas Vivas.
Tamén como Hanna, a caseira suiza daqueles emigrantes que  marcharon na procura “dun franco que mandar a Galicia por valor de 14 pesetas”.
Pero sobre todo saúdovos coma Isabel, unha actriz que sempre trata de ser embaixadora de Compostela onde queira que a leve ese Camiño de ida e volta. Teño que admitir que non son picheleira  cen por cen, pero o meu nacemento como presentadora  e como actriz foi na Televisión de Galicia. Así que algún dereito teño...
"

Resto do pregón

Curiosidade

Escrito por Esther, o xoves 12 de Xullo de 2007 as 15:30. 6 comentarios

Déixovos unha web moi curiosa onde fan unha selecta recompilación de títulos de películas.

Curtocircuito na Rúa

Escrito por Esther, o xoves 12 de Xullo de 2007 as 13:18. Non hai comentarios

Mañá xoves terá lugar a segunda xornada de proxeccións ó aire libre de Curtocircuíto na Rúa, na Praza de Cervantes. A noite estará dedicada ó mellor do Panorama Internacional, cun variado programa de curtas da máis diversa procedencia.

A organización espera repetir o éxito da semana pasada, cando máis de 300 persoas se deron cita na Praza do Toural, na primeira xornada de Curtocircuíto na Rúa, para ver ós gañadores de Curtocircuíto 06.

A partir das 22.30 horas poderase ver obras de ficción como TREINTA AÑOS (Francia, 2006), CHOP OFF (Nova Zelanda, 2006), REVOLUTION (Suiza 2006), PRIMEIRA NEVE (Francia, 2006), DANCE MONKEYS DANCE (Estados Unidos, 2004), TRADITION (Alemania, 2006), THREE TOWERS (Reino Unido, 2006), THE 400TH FLY! (Reino Unido, 2006) traballos experimentais como THE BOHEMIAN RHAPSODY PROJECT (Singapur, 2006), documentais como MOTODROM (Alemania, 2006) e dúas videocreacións: TEN THOUSAND PICTURES OF YOU (Reino Unido, 2006) e WATCHING MACHINES (Reino Unido/Portugal, 2006). 

A partir deste xoves, os asistentes a Curtocircuíto na Rúa terán a posibilidade de outorgar o Premio do Público á Mellor Curtametraxe, dotado con 1500 euros, votando, ó remate das proxeccións polas súas curtas preferidas.

A vindeira semana a cita será na Praza de Praterías, cunha selección especial do Panorama Latinoamericano.

Vía | Prensa Curtocircuito_IV Festival Internacional de Curtametraxes