
Vexo polos artigos das bitácoras e correos que estamos a recibir na organización que o punto da codificación está resultando un talón de Aquiles para a meirande parte de vos. A historia é que estamos nun mes un pouco raro, no que o equipo que formamos Curtas na Rede está na súa maior parte gozando dunhas máis que merecidas vacacións (xa non lles queda nada, o luns estaremos todos) e a toma de decisións non é doada. O único bo de todo este problema, é comprobar como entre todos/as os/as que estades a participar estase xerando unha dinámica de cooperación que arranxa estas pequenas decepcións que tedes á hora de codificar os vosos vídeos. Claro que por enriba desa xenerosidade vosa, está o compromiso que a organización ten con cada persoa que estades a participar neste concurso. Supoño que xa sabedes que hai unha serie de titoriais para axudarvos neste punto; pero se esta axuda non abonda, podedes chamar ao Centro Multimedia de Galicia. O teléfono é o seguinte: 981 – 545 064. Neste teléfono vos darán toda a axuda que precisedes, para iso preguntade por Raúl, Senén ou Fran.
O que si vos digo é que o luns, cando xa todo o equipo da organización estea completo, trataremos este punto. Como para os temas técnicos son francamente necio (coma para outros), pérdome nas solucións que podemos facer, e como Curtas na Rede a organizamos dende aquí pero a facemos entre todos/as, gustaríame que nos comentarios que queirades poñer ofrecerades as solucións que vos parecen máis convenientes, xa que o que vós nos digades será o que trataremos de poñer en marcha.
Por últimos, darvos as grazas polas vosas críticas e suxestións; e como non: tamén pola vosa paciencia.

Moitas veces pensei que adoro o cine porque caín irremediablemente namorado das súas estrelas. Así, os meus primeiros amores de neno non tiñan o nome de María, Pilar ou Marisa. Os meus amores tiñan nomes máis exóticos, que evocaban un mundo que só Hollywood podía crear. O corazón, que a esas idades non sabe de imposibles, latía ata estremecerse por nomes como Rita, Bette, Gary, Joan, Greta, Carole, Marilyn e un largo etcétera. Contemplar eses fermosos primeiros planos, exquisitamente iluminados; eses vestiarios que non perdían a elegancia nin na miseria máis absoluta; eses diálogos que dicían o único que querías escoitar... era, e sigue sendo, mergullarse no mellor dos mundos.
Agora non é o mesmo. Sigue habendo estrelas, pero xa non hai cine. Xa non hai un cine feito para encantar, para deixarte levar como te levan as películas clásicas. Agora apostan por abraiarnos, porque os nosos ollos queden alucinados por todo o que está acontecendo na pantalla; pero o que acontece nesta, pese a esa fanfarra de efectos especiais, fan que as estrelas sexan un gadget máis confundido e diminuído entre tanta espectacularidade. Ademais, agora as estrelas van ao súper coma ti e coma min, saen á rúa en chándal, teñen panza!, e se non fose pola cantidade impúdica de cartos que gañan, poderían confundirse co/a veciño/a buenorro/a que todos temos a fortuna de ter (ou ser, no caso de que os nosos xenes xoguen a gañar).
Neses tempos de antano as estrelas tiñan outro papel. Con pasados cheos de fantasía que os emparentaba coa nobreza máis exótica e presentes que os levaban a residir na mitoloxía, as estrelas eran un mundo aparte. Un mundo tan afastado que só podías achegarte a el para adoralo nas pantallas do cine, ou para telo aínda máis preto acudindo á imaxinación máis ousada para logo facer e desfacer segundo o teu gusto. Todas as estrelas eran así, e seguen sendo pois a morte non é quen de rematar coa mitomanía.
Claro que ela non era así. Nunca foi así. Non é que non tivera o seu trono nese edén estelar, pois dende que chegou non deixou de reinar; pero tiña outra casta que a facía distinta, moi distinta. A diferenza das demais reinas, a súa espectacular beleza bebía doutras fontes. Contemplade un primeiro plano seu en calquera das súas películas e veredes o que quero expresar. Non era unha beleza espectacular, pero tiña o magnetismo que ten cando un mira á natureza e se queda tempo e tempo contemplándoa sen ser capaz de discernir cál é, dos elementos que ves, o que te atrapa sen remisión. Ese era o seu don: ser profundamente natural. Mirade senón Stromboli e pasmádevos ao ver desacougo do seu personaxe que se confunde co entorno, pero que á vez forma parte del deixando que este fale por ela; ou mirade calquera das colaboración que fixo con Hitchcock, sobre todo Encadenados e veredes que o glamour que o mestre sempre deu as súas actrices nunca tivo maior serenidade que con Ingrid Bergman. Isto é tan patente que incluso en Anastasia, cando chega a parte de fabulación e se converte na Gran Duquesa, todo ese vestiario e xoias, non lograr agochar a súa natureza, o seu dor. E que ela ten un brillo que non tiveron as demais. Un brillo único que prescindía de calquera afeite, pois a diferenza das demais actrices, canto menos tocaran o seu rostro, mellor. A estes dons naturais (mirade o brillo do seu nariz, ningunha actriz desa época tiña esta luminosidade), sumaba unha destreza única como actriz, na que non se percibe artificiosidade algunha, esforzo algún, á hora de realizar as súas actuacións. Sempre comedida, sempre grácil, sempre ela e sempre distinta, nun recital de actuacións que seguen sendo impresionantes, con personaxes que están aí para sempre pola razón de que foi ela quen os fixo. E mirade á nómina: a Anita de Intermezzo; a Elsa de Casablanca; a María de Por quen dobran as campas?; a Alicia de Encadenados; a Katherine de Querereite sempre (unha das miñas favoritas); a Ana da deliciosa comedia Indiscreta. E así podería seguir ata o final dos seus días que aconteceu un día como hoxe de hai 25 anos.
Non creo en Deus, pero como seguro que ela está no ceo, canto o envexo.
Lembrades a Xungla de Asfalto? Ao remate, tras seguir a senda do fracaso desta banda de atracadores na que os corruptos policías sempre poden en calquera momento volver ao rego da lei, hai un comisario que se dirixe a un grupo de xornalistas. Sobre o fondo, unha serie de radios recollen os chamamentos que se fan á policía, ese latido violento da cidade que non sabe de ceses nin descansos; entón o comisario vai apagando todas as radios ata que queda un silencio espeso e dramático. Que será desas xentes?, pensas, que vai pasar con todos eles se non hai ninguén ao outro lado que lles escoite? A verdade é que tras ver esta obra mestra, non tardas moito en caer na tentación de formar parte desa morea de orfos de axuda; aínda que só sexa porque tódalas persoas pasamos pola experiencia de necesitar axuda e non ser quén de atopala. É o que pasa por vir sen libro de instrucións nun mundo cada vez máis complexo, no que si es torpe, levas todas as papeletas para cag***.
Agora, pese ás soidades que nos escoltan, cada vez somos menos orfos. Isto non se explica só pola tardanza coa que nos emancipamos levando ao límite aquel vello dito anarquista que dicía: vive dos teus pais ata que podas vivir dos teus fillos, senón pola Torre de Babel que temos ao noso carón. Aínda sabendo que somos seres de estupidez concienciuda e eterna, temos ao noso favor coñecer tamén que a ignorancia pode ser curada; non de todo, porque sempre ven ben certa dose para ter unha felicidade máis completa e xenerosa.
Pero o bo destas curas é que non se dirixen a aspectos transcendentes, tipo: cómo ser feliz e non morrer no intento, dende cándo está xubilado Deus, ou por que sempre fallan os xuíces ao emitir un veredicto, senón a esa prosa da vida diaria que nos asalta en cada curruncho. Por exemplo, lembrades aqueles anuncios nos que o/a protagonista sempre remataba cun sentimento de culpabilidade, ben polo deterxente que non deixa o branco como hai que deixalo, ou ben polos pratos máis cheos de bacterias que de alimentos? Pois ben, todo ten arranxo. Que non sabes cómo se prancha unha camisa… pois sempre haberá unha persoa máis destra que ti que che aconsellará cómo facelo, incluso entrando en matices máis miúdos que che converteran na mellor Mammy que unha Scarlett O’Hara pode atopar. Dese xeito, ese entorno hostil que é o noso fogar, cheo de pequenas obrigas que non paran de acosarte, pasa a ser un traballo guiado por mans expertas e aforrativas que se ben non teñen ese amor que poñen as nosas nais, polo menos non son quen de botarnos á cara a nosa atávica inutilidade. Claro que a este paso xa non nos quedarán escusas para seguir como ata agora, porque este movemento vai a máis, e non hai aspecto da vida que non sexa tratado: dende aqueles escuros e misteriosos que nos axudan a cómo ligar e coñecer ás mulleres (se esa é á túa orientación), a outros tan peregrinos como vender a túa alma ao demo.
É dicir: zafarse e que non che caia a cara de vergoña será imposible. Todo por culpa deste artefacto que está a extinguir os torpes do mundo. Nin de mal exemplo nos queren; menos mal que sempre estaremos aí para unhas risas:
E despois das risas un pouco de enxeño:
Para min ela nunca foi Emma, foi Carmen. Non a de Merimée, senón unha Carmen aínda máis castiza polo traxicómica que era a súa vida: ela era a filla de Amadeo. Ata aquí todo normal. O que acontece é que Amadeo é un funcionario dos máis ilustres e imprescindibles do franquismo: Amadeo é o verdugo. E claro, quen pilla noivo tendo un pai así...? A resposta a atoparedes na que, seguramente, é a mellor película española de tódolos tempos: El verdugo, do xenial tándem Berlanga & Azcona. Se tedes ocasión de ver esta delicia, seguro que quedaredes pasmados/as ante a prodixiosa interpretación que nos ofrece Emma Penella, tan carnal e chea de naturalidade que tes a impresión de que non existe nin interpretación nin película, senón que a única labor que fixo Berlanga foi achegar a cámara a estas xentes é que eles contaran unha historia tan negra, negrísima, que só se podía dar nos tempos grises do franquismo. Como mostra un dos mellores momentos desta obra mestra:
Pero Emma non so foi Carmen, tamén foi María na xenial e buñueliana obra de Francisco Regueiro, Padre Nuestro. Non é unha película doada de ver (creo que está descatalogada), pero é de obrigada visión se queremos ver cine do bo. Aquí a nosa Emma borda un pequeno papel fundamental para ese mundo racial e en descomposición que nos amosa este filme. Son uns segundos moi breves, pero que amosan a grandeza desta actriz. Ela fai de criada, desas de toda a vida, da familia do Cardeal (Fernando Rey). Cando este chega, como a pomba da anunciación, nun helicóptero a un pobo perdido de Castela, a primeira persoa coa que se para é ela. Ver a súa emoción, a súa submisión, máis sabendo a súa historia (e a nai da filla que tivo o Cardeal), fai que te estremezas, que te decates que estas ante unha actriz única, dunha raza aparte; desas que xa non quedan. Por iso é triste que se vaian, só nos queda o alivio de ver as súas obras.
Hoxe estamos de estrea; é máis: estamos na gloria! Non falta moito, unhas horas nada máis, para volver a estar co Boss e escoitar todo o que nos ten que contar despois de 5 anos sen gravar nada. Pois ben, hoxe no Telediario (e antes ás 11.00 en RNE) estrease Radio Nowhere, un avance do novo álbum de Bruce Springsteen, Magic.
Este é o novo traballo de Springsteen coa súa banda de toda a vida, a E Street Band, así que nos espera un rock coa enerxía á que nos ten acostumados e pola que o seguimos dende hai... (mellor non pensalo para seguir sendo tan novo coma a súa música). O bo é que a partir de mañá (o álbum sae á venda o 2 de outubro), poderás descargar esta canción na páxina da RTVE. Non perdas a oportunidade!

Volveron a secuestrarnos a actualidade. Hoxe, o estoupido das bombas enxordeceu a paz, ese berro unánime que desexamos tódalas persoas que sabemos da vida e que a vivimos sabendo que ningún por qué ou para qué pode lexitimarse co asasinato; menos, nun estado de dereito como o que temos nós consagrado.
Pero tras este ruído, virán máis. Espérannos moreas de declaracións neste río revolto no que aínda se está a procurar a ganancia dos pescadores cun tema que nos desangra dende hai moitas décadas. Crerán que falan por nós, e pode que sexa certo; máis penso que están errados. Se falaran por nós, por esa cidadanía diversa que sabe convivir na diferenza, saberían que as únicas palabras que queremos escoitar é paz e xustiza, e a única acción que desexamos ver é a unidade sen fisuras de todos contra esta insensata e caduca lacra. Cando se dará todo isto? Quen sabe… Xa levamos moitos anos e mortes enriba de nós, e aínda que está claro que o terrorismo vai ser vencido, seguimos sumando vítimas e máis vítimas nun capítulo que xa tería que estar máis que rematado.
Ao mellor, vai sendo hora de coller o protagonismo dos políticos; de ser nós, a cidadanía, o motor deste proceso; de ser nós, sen chamamentos de ninguén, os que saiamos á rúa para manifestar a nosa repulsa ante feitos que non teñen xustificación algunha. Así con cada feito que se produza. Que vexan, e vexamos, que xa non temos medo; que vexan, e vexamos, que si estamos cargados de vontade, de esperanza, ata ese día en que o único que respiremos sexa paz e liberdade. ETA NON!!
Coñecemos aos viaxeiros polo xeito de mirar. Non camiñan como nós, guiados pola rutina que nos fai cegos ao xa coñecido, senón que miran e remiran ese entorno cheo de novidades por tódalas partes. Aínda así, nós podemos ser turistas do noso barrio por moi coñecido que sexa. Digo isto, porque esa é a sensación que teño cada vez que entro en Google Earth para ver se nese ánimo notarial que ten esa ferramenta non nos esqueceu e, efectivamente, figuramos no mapa, na foto, e, polo tanto, existimos. Todas as viaxes en Google Earth teñen moito de cinematográfico. Comeza cun efecto grúa no que vemos que grande e pequeno é o mundo; despois avanza nun plano secuencia imposible que che leva desa visión ao anonimato do concreto que só ti coñeces. Ves o teu barrio, o tellado da túa casa nese picado tan aséptico, e sabes que debaixo desa fotografía insubstancial, estás ti e a xente que coñeces e queres. Isto fai que, dalgún xeito, sintas admiración; pero tamén temor. Temor de que a túa intimidade poda ser violada dende as estrelas.
Pero chega a hora da vinganza. Se nos vixían dende as estrelas, nós podemos vixialas a elas dende a Terra. Isto é o que che ofrece o último entretemento de Google: o Google Sky. Esta nova aplicación permíteche ver máis dun millón de estrelas e 200 millóns de galaxias. Nunha palabra, seremos viaxeiros galácticos sen saír da pantalla do noso ordenador. Ademais, ten outras funcións, entre elas poder explorar as imaxes dese vixía orbital que é o Hubble. Pero ao carón desta boa noticia, aparece outra de distinto sino: You Tube vai ter a partir de agora publicidade!! Así que ese espazo libre desta invasión, vai contar a partir de hoxe con anuncios que apareceran 15’’ despois de ver o vídeo. E non hai xeito de deter esta intromisión, pois se se che ocorre pechala, o que fas é que detés o vídeo que estás vendo para dar paso á publicidade. É certo que o xeito de facer publicidade desta compañía non é moi invasivo, e que isto só estará presente naqueles contidos sobre os que existen dereitos de autor; e que recibirás publicidade pola que estarás interesado/a; pero o que realmente me enfada é que cada vez quedan menos espazos libres de publicidade.
Non sei, pero cada vez teño máis a impresión de que internet xa non nos pertence, e que este espazo libre e democrático, encherase de novos donos e amos non tan inocentes como os que estamos a navegar pola rede. Que S. Orwell nos colla confesados!!

Hai nada, no descanso do café, estiven botándolle unha ollada aos xornais. Aínda que non é certo que no verán non ocorre nada (as desgrazas nada saben do paso das estacións), si está claro que neste tempo achan oco aquelas serpes de verán que noutras datas non asoman nin a testa. Son novas estrañas, curiosas, simpáticas que van gañando espazo neste tempo feito para a folganza e a diversión, que pouco ou nada quere saber de profundos e acalorados debates, agás que sexa o último fichaxe da prensa do corazón.
Hoxe non tiven sorte. Todos os xornais que me gustan estaban ocupados, polo que tiven que coller El Mundo, tan afecto sempre a calquera fabulación. Foi grazas a este xornal como souben dun próximo aniversario que seguro que para moitas e moitos de nós pasará desapercibido: O cincuenta aniversario das telenovelas.
Non me doen prendas en confesalo: fun adicto ás telenovelas! Como con calquera droga, ofrecéronma sen reparar nas consecuencias. Naquel piso que compartín cando cheguei a Santiago de Compostela, non houbo unha voz sabia que me advertira da letal exposición á que me sometía. Ninguén abriu a boca. Silencio total. Un silencio digno da mellor estampa orwelliana: toda/os reunidos ante o sumo sacerdote do televisor, asistindo sen anestesia algunha aos contratempos da senlleira Crystal. Esta primeira dose non me gustou moito; incluso optei por mudar de piso. Pero fora a onde fora perseguíame o televisor; e claro, a forza de velo inocente, caín nas súas redes. Eu controlo –dicía-. Non hai ningún problema. Estade tranquilos... Pero o certo é que estaba atado sen remisión. Non o sabía; pero así era.
Era chegar á hora do xantar e esperar con ansiedade a que aparecera por fin Dª Paca, Juana ou Maruja (xa non me lembro ben do nome desta boa señora feita a golpe de faladoiros de mesa de braseiro) para que puxera os puntos sobre as is, coa expresividade da veciña do lado, sobre os avatares daquelas xentes do outro lado do charco que, a forza de sufrir e gozar con eles, remataban por ser parte da túa familia. Desa época gardo bos recordos. Non sei cantas vin, unhas tres ou catro completas, pero nomes como Rubí, Topacio, Kassandra ou Emperatriz Ferrer enchían as miñas venas sempre prestas para o melodrama máis folletinesco. Xa sei que existen outras emocións; pero ningunha coma estas. Amor e melodrama é un binomio que non podo resistir. E así era: tódolos días picándome a miña dose e ansiando a do día seguinte.
Xa sei que as persoas de gustos exquisitos diredes como aquela doce estarlet de Cantando bajo la lluvia interpretada por Debbie Reynolds: Vista unha, vistas todas. Pero estades equivocadas/os. Non tódalas pobres son iguais, pese a que todas rematen namoradas do rico cretino que non sae das garras da vilana; e tampouco acontece o mesmo cos ricos, sempre de safari pola miseria en procura desa flor que medra no esterco. De tódolos xeitos, de tódalas que vin, da que mellor recordo teño é da Dama de Rosa. Esta é a Capela Sixtina de tódolos melodramas. Mira que gocei! Como todas, compartía a calidade de deixar a verosimilitude en suspenso, pero a historia (na que tivo moito que ver o grande Boris Izaguirre) era tan delirante coma deliciosa. Vexo no IMDB que fixeron nada máis e nada menos que ¡144 episodios de puro enredo! Tal centuria narraba unha historia de amor entre Gabriela Suárez (J. Rodríguez) que é unha voluntariosa estudante de teatro, pobre (ela, non o teatro que sempre está en crise), que se namora dun empresario de éxito: Tito Clemente (Carlos Mata). Xa non lembro por qué azares do destino, pero vai rematar ao cárcere (penso que por drogas, pero non o teño seguro, teño todo moi confuso). A historia é que ao cárcere non vai soa. Ten nas súas entrañas ¡un fillo! (por suposto do empresario de éxito). Alí pasa unha morea de anos, que polo boa reclusa que é, non se nota para nada o paso dos anos: segue igual de guapa e moza que cando entrou. Pero aquí ven o bo: cando sae, non sae como ela, senón coma unha harpía vingativa (que para algo tiña que servir tanto teatro!): a grande Emperatriz Ferrer. Isto era unha gozada auténtica; pero das boas, xa que o cambio era, pese aos moitos capítulos que ten, dun día para outro, sen que o cretino do seu amor (porque iso si: ela estaba namorada ata as trancas de semellante espécime), que por suposto a contrata para a súa empresa, caera na conta de que o seu amor (Gabriela) e esa muller tan altiva e doce ¡son a mesma persoa! Por suposto que ao final triúnfa o amor! Non pode ser doutro xeito: o amor sempre triúnfa ata que fracasa.
Agora xa non as sigo. Coa miña parella vemos de cando en cando, a Gata Salvaxe, xa a botaron por Dapena3, e agora ten unha segunda vida na TVG. É de risa, e trata como non do amor, porque así hai que tratalo para evitar chorar por el.
Pois nada: Longa vida ás telenovelas! Gústame saber que no mundo estase a loitar por estes sentimentos, e non polo petróleo… ese deixa tantas mortes como manchas.

Aínda que houbo outros Marx, el, e quen o diría!, foi o único que non sufriu os altibaixos da historia. O noso Marx contou dende sempre coa adoración dos marxianos que, ao final, aínda que nese intre non eran tan numerosos coma os marxistas, si resultaron ser máis fieis (e agora supoño que máis numerosos). Sospeito que a razón haberá que atopala en que nos deu máis risas que choros; e cando isto acontece, calquera idolatría o único que fai é xustiza. E eu, a este Marx, o adoro dende neno, dende que a televisión pública cometía a (bendita) herexía de programar os seus filmes as tardes do sábado, sen importar cantas veces o fixera, pois sempre caiamos rendidos ás gargalladas que nos esperaban. Así que, con este bo facer, eu cheguei cedo á relixión marxiana, sendo unha das poucas cousas de rapaz das que non me apeei, polo que ata o remate dos meus días confesareime como glorioso marxiano, pase o que pase.
Claro que é unha adoración que muda. De rapaz, de tódolos Irmáns Marx, o meu favorito era Harpo. O meu desexo cada vez que vía unha película era que a cámara non se despegara das súas costas, non é que os demais me sobraran, senón que fascinábame que non dicindo esta boca é miña puidese dicir tantas cousas (supoño que Harpo é a representación dese dito que di que se pode dicir máis alto, pero non máis claro), que fose tan golfo; e sobre todo, eu quería posuír a súa gabardina, auténtico caixón de xastre (e desastres) que tiña entre as súas dobras todas as sorpresas do mundo. A adoración chegou ata o punto de pedir aos meus pais unha arpa, pois incluso nesas obrigadas paradas musicais que teñen todas as súas películas, eu atopábame encantado.
Despois, ao medrar, cambiaron os meus quereres. Harpo seguía estando aí, pero Groucho tomoulle a dianteira nesa carreira; e aí sigue a uns pasos de distancia, pero sempre por diante. Esta mudanza non responde a que cos anos viñera tamén a intelixencia. Non cómpre ser intelixente para adorar aos Irmáns Marx, só cómpre escoitalos. Escoitalos e gozar. E hai que ter o oído atento, pois Groucho non fala, senón que metrállea os diálogos, poñéndoos a un ritmo tan sincopado e áxil que as ironías, as chanzas, e os insultos tan surrealistas alcanzan unha altura insuperable. A carón disto, a súa pinta. Os seus personaxes sempre tiñan nomes estrafalarios como: Hugo Z. Hackenbush, Wolf J. Flywheel, ou Attorney Loophole; pero eses nomes tan rimbombantes, portaban sempre unha mesma caricatura, a dun home de andares desgairados, con cellas espesas e un bigote pintado que facía de pano dese habano sempre presente. Os seus diálogos son memorables. Gran parte das súas películas están baseadas nas obras de vodevil que estes irmáns representaban por todo EE.UU. Isto fai que sexan diálogos moi probados, moi experimentados co público, no que a improvisación sempre está presente. De tódolos diálogos, os meus preferidos son os que teñen lugar coa gran Margaret Dumont. Ela é a quinta Irmá Marx (aínda que eles eran cinco irmáns en total e todos pasaron pola pantalla, o número máximo de irmáns que apareceron por filme foron catro), esa viúva rica que soportaba dende a incomprensión máis absoluta (polo que se gañaba toda a nosa simpatía e compaixón) os afagos e insultos do inefable Groucho.
E qué dicir das súas frases? Calquera delas dá para sobrevivir nun mundo tan complicado coma este. Eu teño tres que non dou esquecido e que amosan a partes iguais o cinismo e intelixencia deste gran cómico. A da medalla de ouro é a seguinte: Perdoen se lles chamo cabaleiros, pero é que non os coñezo moi ben; para a de prata quedo con: Intelixencia militar son termos contraditorios; e para rematar coa de bronce: O segredo do éxito é a honestidade. Se a podes evitar, está feito.
O que non debemos evitar son ás películas dos Irmáns Marx. Agora non é doado velas pola televisión que está máis pola labor de adormecer que entreter; pero si son doadas de mercar, e non hai moito un diario nacional editou todas as películas destes xenios que seguen espertando os nosos mellores humores.
Deixovos, aínda que non cómpre probar nada, uns cantos aperitivos:
E para rematar, imos escoitar a Harpo:

Na Raia, pese a marcar unha fronteira política, sempre se compartiron elementos históricos, culturais e económicos, así que esa cooperación transfronteiriza non é un invento de hoxe, senón un xeito de ser cinguido a esta peculiaridade. A iniciativa que vos presento agora é unha mostra máis disto que digo. Este proxecto piloto, que nace coa intención de medrar e sumar máis localidades, ten como obxectivo promover as cinematografías de ambos lados da fronteira, así como tamén valorar e divulgar os diferentes atractivos desta rexión. Para iso, durante este mes de agosto, proxectarase ao aire libre distintas curtas destas cinematografías.
Este ano, a primeira sesión realizarase o venres 24 de agosto, ás 21.30 h, en Vila Nova de Cerveira; o día seguinte, esta mesma sesión realizarase no Concello de Tomiño, ás 22.30.
Pola parte galega poderedes ver as seguintes curtas:
Carne de cañón, de Darío Fernández Ignacio.
Cousas do Kulechov, de Susana Rei Crespo.
A meiga chuchona, de Pablo Millán.
A flor máis grande do mundo, de Juan Etcheberry.
Pola parte portuguesa:
Pago para ver, de Luís Manuel Almeida.
Frio, de Artur Serra Araújo.
O operário em cosntrução, de E. Nascimento e P. Canotilho.
A lingua que nos une, de VV.AA.
En total a sesión dura sobre uns 88’ e permítenos unha excelente oportunidade de coñecer un pouco máis o que se está a facer neste país irmán. E quén sabe, ao mellor o vindeiro ano, algunha das curtas que se proxecte neste Curtas Minhotas tivo antes a súa estrea aquí.