Arquivos » Setembro 2008

A conferencia de Guillermo Zapata.

Escrito por Esteban, o venres 19 de Setembro de 2008 as 14:02. 5 comentarios

Din que os celtas non tiñan outro medo que o ceo lles caese encima. Lembraba isto, a tarde que Guillermo Zapata estivo con nós. Aquilo non era chover, era que o ceo, literalmente, caía enriba de nós. Despois, está o efecto volvoreta. Un vai con tempo máis que suficiente para coller o avión, pero resulta que nese momento párase o metro e todo se desbarata.

 

Contratempos aparte, a estancia de Guillermo Zapata con nós resultou moi proveitosa. Como sabedes, o trouxemos coa intención de que vos ilustrase como manexarvos neste mundo de internet, ao ser el o autor dun das curtas máis vistas en internet.

 

Pois para todas e todos os que non puidestes acompañarnos, déixovos a conferencia que deu tralo visionado dos seus traballos: Lo que tú querías oir e Y todo va bien.

 

Recoméndovos que o escoitedes.

Vídeo promocional das curtas presentadas.

Escrito por Esteban, o venres 12 de Setembro de 2008 as 14:19. 11 comentarios

Como xa sabedes, o 28 de agosto, ante un chamamento que fixemos dende a organización realizamos unha iniciativa que consistía en que os autores e autoras que presentades traballos este ano, tiverades a oportunidade de dirixirvos ao voso público para falar das creacións e un pouco do que quixerades.

 

Esta oportunidade deuse a todas persoas que tiñades, nese intre, dadas de alta calquera obra no concurso. Agora, co vídeo xa editado, pensamos que moita da xente que se presentou no último minuto non ten a oportunidade que os vosos compañeiros e compañeiras si tiveron.

 

Por isto, queremos facer unha nova xuntanza co mesmo fin para o vindeiro mércores 17 de setembro, as 19.30 h. De novo nos apoiaremos na rede de telecentros que dispón o Centro Multimedia de Galicia. Nesta ocasión os centros implicados son:

 

-          Centro Multimedia de Galicia (Rúa do Horreo, 61. Santiago de Compostela)

-          Facultade de Ciencias da Comunicación (Avda. de Castelao, s/n. Santiago de Compostela)

-          Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Campus A Xunqueira, s/n. Pontevedra)

-          Delegación da Xunta. Edificio Chocolate (Rúa da Habana, 79 – 3º. Ourense)

-          Biblioteca Pública Miguel González Garcés (Rúa Miguel González Garcés, 1. A Coruña)

-          Centro Social Lamas de Prado (Praza do Castiñeiro, s/n. Lugo)

-          Centro Multiusos (Curros Enríquez, s/n. Santa Comba)

-          Centro Social de Vimianzo (Rúa Blanco Rajoy, s/n. Vimianzo)

Para participar tan só tedes que escribirme un correo a: informacion@curtasnarede.es ou ben chamar ao teléfono: 981 – 56 95 60. Nese correo só tedes que dicirme dende qué telecentro queredes participar. Tede en conta, por se queredes preparar a vosa intervención, que o tempo para a promoción dos vosos traballos é de 5 minutos.

 

Se aínda así, por calquera motivo, non podedes estar con nós. Abondaría con que grabasedes un vídeo e o subísedes ao YouTube; despois só teriades que enviarnos o enlace para que o podamos engadir nese envío que faremos aos usuarios que temos inscritos.

Prodixiosos.

Escrito por Esteban, o xoves 11 de Setembro de 2008 as 19:05. 2 comentarios

 

Sempre está ben promover o audiovisual galego. Eu sinto debilidade polo documental; non polos da 2, pois sei máis dos leóns do Serengueti que da vida do meu barrio, pero aínda así as imaxes secuestradas á realidade seguen tendo para min un poder fascinante.

 

Digo isto, porque este sábado, ás 16.15 vai ter lugar a estrea de Prodixiosos, dentro do programa, Galicia Doucumental da TVG. Este documental está escrito e dirixido por Manuel Darriba e céntrase na problemática e sentimentos de varios nenos e mozos de altas capacidades, comunmente coñecidos como superdotados.

 

A historia que narra e a dunha nena de oito anos e tres irmáns (de 16, 18 e 21 anos) que teñen en común a súa condición de superdotados. Os seus soños, o seus problemas, o seu entorno familiar e social... A verdade é que sobre este tema todos temos a crenza de que unha persoa con estas características ten o camiño ao éxito máis chan e garantido. O certo é que hai moitos desaxustes entre a capacidade intelectual e outras facetas da súa personalidade; ademais está o entorno, que non sempre responde ás necesidades educativas destes rapaces e non detecta esta potencialidade. Acudindo ao meu caso persoal, despois de once anos decatáronse de que a miña filla ten altas capacidades; ata ese momento, nin eles nin nós, soubemos nada disto (Nós o sospeitabamos, pero o amor dos pais é o que ten: cego de por vida).  

 

Moito máis tarde, e nese horario espantoso no que o teñen instalado, comeza a cuarta temporada dos nosos amigos de Onda Curta.

Como vedes non está mal o menú para esta fin de semana

Faltan dez días para que comencen as votacións. Unhas indicacións antes de que se inicien.

Escrito por Esteban, o xoves 11 de Setembro de 2008 as 14:51. 9 comentarios

Para os que non sodes novos/as neste concurso, sabedes que unha vez que remata o prazo de presentación dos vosos traballos entramos nun período que, por experiencia, podemos definir como vertixinoso. Este tempo é o período de votacións, xa que nesta edición tódolos  formatos (curtas, micromovies e cápsulas) contan a maiores dos premios que asigne o xurado, cun premio do público. Quen máis, quen menos, comeza a promover o seu traballo entre as súas amizades, familiares, e ata entre os descoñecidos. Iso está ben. Hai que defendelo. Se un fai unha obra, que mellor homenaxe que dala a coñecer para que a valoren.

 

Claro que isto, segundo tiñamos o sistema de votación, daba paso a estratexias de todo tipo; algunhas delas moi censurables, pero ante as que nada podiamos facer dende a organización. De aí, e para evitar prexuízos, que nesta edición acolleramos tódalas suxestións que nos fixestes chegar para ter un proceso de votación o máis limpo. Se lembrades, nesta edición cada persoa rexistrada como votante ou participante contará cun número limitado de votos, segundo a seguinte graduación:

 

-          1 estrela = pobre; 2 estrelas = regular; 3 estrelas = boa; 4 estrelas = moi boa; 5 estrelas = excepcional

-           

Estes votos distribúense do seguinte xeito:

 

-          Para as curtametraxes de ficción, independentemente da súa categoría temática: 3 votos de 5 estrelas; 3 votos de 4 estrelas; 3 votos de 3 estrelas; 3 votos de 2 estrelas; 3 votos de 1 estrela

-          Para as curtametraxes documentais, independentemente da súa categoría temática: 3 votos de 5 estrelas; 3 votos de 4 estrelas; 3 votos de 3 estrelas; 3 votos de 2 estrelas; 3 votos de 1 estrela

-          Para as curtametraxes de animación: 3 votos de 5 estrelas; 3 votos de 4 estrelas; 3 votos de 3 estrelas; 3 votos de 2 estrelas; 3 votos de 1 estrela

-          Para as cápsulas musicais: 3 votos de 5 estrelas; 3 votos de 4 estrelas; 3 votos de 3 estrelas; 3 votos de 2 estrelas; 3 votos de 1 estrela

-          Para as cápsulas promo: 3 votos de 5 estrelas; 3 votos de 4 estrelas; 3 votos de 3 estrelas; 3 votos de 2 estrelas; 3 votos de 1 estrela

-          Para las cápsulas lingua: 3 votos de 5 estrelas; 3 votos de 4 estrelas; 3 votos de 3 estrelas; 3 votos de 2 estrelas; 3 votos de 1 estrela

-          Para as micromovies: 3 votos de 5 estrelas; 3 votos de 4 estrelas; 3 votos de 3 estrelas; 3 votos de 2 estrelas; 3 votos de 1 estrela

 

Pero para poder votar, cómpre estar rexistrado. Os rexistros anteriores seguen sendo válidos; o que acontece é que para activar esa conta, ides recibir un correo que se xera de xeito automático na conta de correos que puxestes ao rexistrarvos.

 

Pode acontecer que este correo fose xa enviado e vós non o recibirades. A razón e que moitas destas contas (hotmail, yahoo, mixmail, etc), ante a cantidade inxente de correos que as veces enviamos, toma a nosa conta de correo como spam, polo que é conveniente que miredes a carpeta de spam para ver se está aí o voso código de activación.

 

No caso de que vos esquecerades tanto do nome do usuario como da vosa clave, o que tedes que facer é picar no epígrafe de rexístrate ou identifícate para que se vos abra un menú no que tan só tedes que poñer a conta de correo que destes ao darvos de alta. Con isto feito, a volta de correo recibiredes o nome de usuario e contrasinal que puxestes no voso rexistro.

 

Ben, nada máis. Seguiremos informando...

 

E con todas e todos vostedes...: ¡¡¡BOBI!!!

Escrito por Esteban, o venres 5 de Setembro de 2008 as 14:24. 10 comentarios

 

Ben, hoxe foi a presentación do trofeo. Reflexionabamos pola mañá, o curioso que era para nós que de tódalas suxestións que recibimos, e que como sabedes sempre acollemos, non houbera ningunha referida á necesidade de crear un trofeo. Argumentabamos nesta reflexión, que seguro que todos os que estades a participar neste concurso, o facedes máis pola ilusión de crear que pola de recibir. Aínda así, nós sentiamos a necesidade de ter un trofeo que condensara a filosofía coa que nace Curtas na Rede.  O proceso foi longo. Queriamos un trofeo desenfadado, afastado do aire institucional e pomposo, e creo que o conseguimos. Non sei a vosa opinión, pero podedes deixala con toda tranquilidade. Nos, digan o que digan as bases, queremos facer na próxima edición unha curtametraxe e autopremiarnos (sen que ninguén saiba) para ter un destes no fogar.

Vídeos e comentarios.

Escrito por Esteban, o xoves 4 de Setembro de 2008 as 14:19. 5 comentarios

 

Non sei se vos decatastes, pero dende hai uns días, podedes deixar comentarios, e subscribirvos a estes, cada vez que vexades unha curtametraxe, cápsula ou micromovie. Nada apreciamos máis dende Curtas na Rede que a liberdade; de feito, o que intentamos é ver qué sae de toda esa liberdade creativa que tedes e que xenerosamente amosades nos vosos traballos. Pero en internet, sempre acontece que cando se dá paso á opinión, esta entra con paso tímido ata que se quenta e saen os peores diaños. Pois ben, dende a organización esperamos que as vosas opinións, sexan críticas ou laudatorias, estean realizadas dende o máximo respecto, senón tomaremos esa tesoira independente (permíteme este uso, Marisa) e borraremos do mapa a todos eses comentarios que non teñen outro fin que tocar os co...

 

Ben, infórmovos que xa estamos rematando a edición das vosas intervencións na exhibición de curtametraxes que realizamos. Dentro de un par de días xa estará todo isto rematado e remitiremos aos máis de 4.000 usuarios de curtas, eses pequenos vídeos nos que promovedes o voso traballo.

 

Dende a organización estamos pensando en repetir esta experiencia e brindar a oportunidade a tódolos autores e autoras que estades presentando as vosas obras no último minuto, de que tamén teñades a oportunidade de promover estas. Informarémosvos a vindeira semana, pois queremos preparalo un pouco mellor e facer unha experiencia realmente grata para todas e todos os que queirades participar.

 

Déixovos cos dous primeiros vídeos que editamos:

A intervención de Marisa Otero

 

E o de Andrés Cameselle

 

Avisos e sorpresas.

Escrito por Esteban, o mércores 3 de Setembro de 2008 as 14:40. 11 comentarios

O primeiro aviso vai referido á exhibición de curtametraxes e conferencia de Guillermo Zapata. Por eses erros que un comete, puxen no anterior artigo que a actividade era o venres 15 de setembro, cando en realidade é este venres 5 de setembro, as 20.00 h. Lembrade que si queredes asistir mellor reservar praza chamando ao teléfono: 981 – 56 95 60 ou escribindo a: informacion@curtasnarede.es

A sorpresa, nos vos podo falar moito dela. O asunto é que este ano, aparte da contía económica do premio, queríamos entregar un trofeo que ilustrase este premio. Así que todos estes meses estivéronlle dando voltas ao deseño ata que por fin saíu un trofeo que nos contentara a todos. Non vos podo ensinar a fotografía, porque aínda o presentamos este venres aos medios de comunicación, pero a verdade é que é moi chulo, cun estilo que ten moito que ver coa proposta que facemos cada ano dende Curtas na Rede. Hoxe, que por cousas do destino pasou por aquí unha actriz, comentábanos que é máis bonito que o Mestre Mateo ou os Goya. Eu non podo opinar moito. O vexo como un fillo, así que o vexo fermoso por todos os lados.

De momento o chamamos Bobi, aínda que non é o nome definitivo. Aínda así, imaxinade: O Bobi de Curtas na Rede vai para... (nos puntos suspensivos podedes poñer o voso nome para así ir ensaiando) Por suposto, que se queres deixar aquí a túa suxestión será ben recibida. Así que anímate a deixar a túa mensaxe.

 

Un agasallo de 70 millóns de descargas!!!

Escrito por Esteban, o martes 2 de Setembro de 2008 as 14:17. Non hai comentarios

Estamos a piques de pechar o período de entrega dos vosos traballos, o vindeiro luns remata. E unha vez que pasa isto, cando xa tedes o traballo rematado e é a obra a que ten que falar por vós, decatámonos da importancia que ten a promoción, aínda que só sexa porque se abre o período de votacións.

 

Promovela non é doado, ou non é tan doado como aparenta. Navegamos por internet sen temor algún, intuíndo cál é o mellor movemento que podemos facer para chegar a bo porto. Pero internet ten as súas propias regras, máis ou menos coñecidas, pero que debemos de ser conscientes de que están aí e que temos que usalas con intelixencia para coroar ese traxecto con éxito.

 

Para iso, dende Curtas na Rede queremos facervos un AGASALLO. Como sabemos que os agasallos, xeralmente, son sempre ben recibidos, desvelámosvos cál é o noso.

 

O vindeiro venres, 5, ás 20.00 h, teremos no Club Internacional de Prensa (Avda. da Coruña, 6. Santiago de Compostela) a GUILLERMO ZAPATA. Seguro que moitas e moitos de vos o coñecedes, pero para aquelas persoas que non saiban qué se esconde detrás dun apelido tan revolucionario, dicirvos que el é o protagonista dun dos fenómenos máis importantes que se deu en internet: a súa curtametraxe, Lo que tú querías oír é o terceiro vídeo máis visto en Youtube, máis de 70 millóns de descargas nun período de un ano!!!

Isto fai deste director a persoa máis idónea para acompañarnos neste tramo final; non só para ver as súas obras (proxectaremos tamén o seu último traballo, Y todo va bien), senón sobre todo para escoitar o que nos ten que dicir sobre cómo traballar en internet, que seguro que saberedes quitar bo proveito do que vos aconselle.

 

Aínda que estades todas e todos invitados, como non son moitas as prazas dispoñibles (ao redor de 60 prazas), recoméndovos que reservedes praza ben escribindo ao noso correo (informacion@curtasnarede.es) ou ben chamando ao seguinte teléfono: 981 – 56 95 60 (en horario de 09.00 a 15.00 h).

 

Ben, déixovos co seu traballo e vémonos o venres. Unha aperta e moito ánimo para as/os que estades a rematar os vosos proxectos.